CERVANTES, TERRITORIO LITERARIO

PREGÓN PRONUNCIADO NOS ACTOS CORRESPONDENTES AO DÍA DO LIBRO 2022 NO SALÓN DE ACTOS DO EDIFICIO DE SERVIZOS MÚLTIPLES DO CONCELLO DE CERVANTES.

Helena Villar Janeiro 22-04-22

Rosa telúrica
de avesedo e sollío,
aresta e colo.  
  1. INTRODUCIÓN

Agradezo a oportunidade que me dan a Deputación de Lugo e o Concello de Cervantes de dirixirlles a palabra no inicio da celebración do Día do Libro, data de exaltación de Cervantes, o gran escritor que  leva o nome deste concello polo mundo. Gustaríanos que tivese nacido en Cervantes o autor que marca a data de celebrar que existen libros coa variedade de vidas que podemos vivir a través deles grazas á imaxinación de quen escribe.

Mais o Cervantes Concello é en por si territorio literario que pode soster a fantasía de quen escriba desde a singularidade da paisaxe e da cultura sostida por un pobo antigo e excepcional na adaptación a un medio tan atractivo como dificultoso para o traballo agrogandeiro. A contraposición de fermosura e resistencia da montaña á maquinaria como axuda ao traballo minguou aceleradamente o número de habitantes. Esperamos unha planificación racional das posibilidades que esta terra ofrece para atraer veciñanza.

Cervantes foi frecuentado por escritores contemporáneos de gran valía como Álvaro Cunqueiro e Ánxel Fole, posuidores xa doutros territorios como referencia para as súas obras. Mais eu, coa debida humildade, veño hoxe como escritora ancaresa, de vontade marcadamente cervantega, para falar en primeira persoa das aportacións deste singular espazo, dos habitantes e dos seus modos de vida á miña obra cunha duración xa dilatada. Neste ano de 2022 cúmprese medio século da miña entrega ininterrompida á poesía, narración, colaboración en xornalismo e ultimamente nas redes sociais. Este PREGÓN desexo enmarcalo nesas vodas de ouro dentro do meu Espazo Literario. 

  • A FERRAMENTA DA ESCRITA

Escritoras e escritores aprendemos a utilizar as palabras cun valor diferente ao que teñen na comunicación habitual e mesmo nos dicionarios. A nosa ferramenta é a lingua que os antepasados foron enchendo de riqueza expresiva en ditos,  refráns, contos, cántigas e lendas. Quen escribimos temos que agradecer este herdo a milleiros de persoas que o crearon e nolo transmitiron poderoso e suxestivo, e aos contemporáneos que nolo foron ensinando no trato do día a día.

Se isto pasa en calquera lingua, coa propia de Galicia hai a relación voluntaria de quen a elixiu sen tela aprendido nin na escola nin nos sermóns dos curas, nin nos libros. Por iso, a miña lingua literaria é un agasallo do Territorio Ancarés. A nosa maneira de falar, tan ben conservada a través do tempo, foi rescatada pola miña vontade para facer literatura. Quizabes sexa a primeira persoa nativa que utilizou como lingua de cultura para os libros a aprendida na casa e cos cervantegos que frecuentaban a nosa xastrería, e finalmente coa xente coa que convivín un ano en Vilaver e oito en Quintá de Cancelada. Cando teño que bendicir unha acción meritoria, fágoo coa fórmula vosa: “Manaia/manaias”. Escoitéillela aos vellos para louvar accións valiosas: “Manaias ti, que coidas a teus pais”. Descoñecida no resto de Galicia, quedou asentada nos meus escritos. “Manaia a vós”, xa que logo, que me destes unha fala singular coa que expresarme tamén na escritura máis variada. Era, polo tanto, a miña obriga poñer a vosa lingua ao servizo de textos divulgativos de gastronomía, costumes ancestrais, tesouros etnográficos e naturais que conservades, sen as debidas axudas institucionais para preservar da desfeita un patrimonio tan singular no mundo.

  • A TERRA, OS ESPAZOS E A CULTURA

Despois da lingua, o segundo tesouro do meu Cervantes Literario é a propia Terra. O planeta construíu aquí espazos cos que é tan doado traballar a fantasía como difícil a labranza. As Serras son o pano de fondo do misterio que a vista non pode seguir. Os fortes desniveis destes montes tampouco permiten ver as distancias verticais, nin sequera os ríos que se escoitan cantar. Os recóbados dos camiños poden amosar sorpresas e perigos en cada volta. Fronte ao que acontece nas chairas, hai moitas referencias para non perderse, mais existen perigos que atrapan e fan difícil a busca de quen se extravía. Sobre a perda na paisaxe, vós soubestes crear unha das lendas máis señardosas que coñezo e reescribín para pasala aos libros que le a xente nova.

No castelo de Doiras, en tempos que ninguén acorda que os acorde ninguén, vivía o nobre Froiaz con dous fillos mozos, Aldara e Egas ().  Froiaz tíñaos moi avisados de que tivesen coidado, maiormente á Aldara a quen lle falaba dos perigosos encantos ocultos, pois era unha rapaza inocente e fermosa que ben puidera caer neles”. ()  Un serán que tiñan asado un porco bravo para a cea, non apareceu Aldara. Foron preguntando uns a outros quen a vira, chamárona polos arredores do castelo, pero non houbo maneira de atopala.

Ao día seguinte, erguéronse canda o galo para a buscar máis lonxe, pois un gardador da porta recordou que a vira por última vez á media tarde, vestida de branco e cun cestiño na man, polo camiño que baixaba á fonte,. Froiaz xuntou os criados e fixeron aquela ruta pola rodeada mirando con coidado baixo das árbores, entre os sebeados e ata no leito dun regato. Pero non atoparon nada que llela recordase. ()

A man da cerva (reconstrución dunha lenda ancaresa. As veces tamén lle chamo A cerva da manciña de prata)

Galicia paréceme un soño desde Os Ancares ás Rías Baixas, as dúas extremas que coutan o espazo transversal do país. Quen coñece os Ancares e as Rías ten visto xa os lugares máis fermosos de Europa. Cervantes ten, cando menos cerca de Piornedo, a morena dun glaciar como os que conforman os fiordos noruegueses. Os nosos capudres son alí rexos como os soutos ancareses. Cando a Premio Nobel sueca Selma Lagerlof escribía  A saga de Gösta Berling, podería estar falando do alto Cervantes: polo territorio, polo habitat, polos habitantes e polos oficios necesarios para vivir en tal medio. Esta gran novela descubriume que Cervantes podía ser o meu Territorio Literario como o foran para ela os Bosques de Vërmland. E así o evoquei na cidade norueguesa de Tromso, xa cerca do círculo polar, en setembro de 2005.

A cidade disponse a hibernar como un oso

contándome o desexo

de convidar aquí as Rías e os Ancares,

irmáns perdidos na xeoloxía,

a que coñezan a tranquilidade da gran noite invernal.

Óese a canción dun sami afiando ese vento

que as buguinas dos barcos enveredan na brétema

a camiñar no engorde dun vertixe infinito.

No Rica Ishavshotel aluguei por uns días unha fiestra

para mirar os ríos que pare a treboada no cimo das montañas

e afogan sen historia.

                                          De rosa antiga

E tamén sentín os Os Ancares nos contrafortes do  Monte Olimpo –morada dos grandes deuses gregos- ao pé do lago macedonio de Ohrid, que se asemella ás Rías. Segundo a mitoloxía grega, no Olimpo vivían os principais deuses. Porque os deuses subiron ás montañas buscando poder e soidade e convertéronas en lugares sagrados. A miña literatura tivo sempre a montaña como espazo de maxia e beleza case sagrado, a cuxos pés se acubillaron os humanos que vestiron as ladeiras de cultivos e son conservadores dos segredos da Terra.

                  A PANA DOS MONTES

Quizabes son a nena que chega desde atrás,

desde detrás de atrás,

desde o revés do tempo e da memoria.

Quizabes eu zurcise a pana destes montes

por entre a lentitude dos glaciares

e a reverberación do sol no meu espido.

apoiando retallos nos xeonllos de auga e terra virxe,

cosendo coas agullas

que os grilos inda traen para cravar na noite.

Quizabes vin subir os deuses ás curotas

e o monte converterse en terra de acollida

cando se apacentou a primavera en prados de amarelles,

o verán rasurou a pelame dos campos,

pintou e espeluxou o outono a melodía dos seus ventos,

e do toro durmido, xa esparexidos os cantos e as queixas,

arrincou cada inverno o seu silencio branco.

Quizabes sexa hoxe a humanidade

que lles viste as cadeiras aos montes remendados

quen sabe terlle á Terra os seus segredos.

                                De rosa antiga

        Para vivir, os homes e mulleres que se asentaron nos Ancares tiveron que adaptarse ao medio: clima, terreo e características do solo. A madeira, a pedra e o colmo condicionaron a arquitectura popular, que é un gran patrimonio. Mágoa da nobreza da pedra caleada xa nalgunhas aldeas crendo que se embelecen. Mágoa das pallozas teitadas con uralita ou estragadas pola desidia. Mágoa da desfeita de hórreos, ouriceiras, pontigos, pasadoiros…

OURICEIRA

Por enriba dos soutos pasara o corvo rumbo a ningures

como anticipador dun sono estraño das ouriceiras

cando os homes deixaran

o derradeiro rito de arborícolas.

Na varexa outonega dos castiñeiros,

coa lizgaira habelencia do dominio

das xostras cimbreantes de abraira que chegaban ás feiras

dos altos ríos no primeiro andar,

gatuñaban os homes como esquíos ás ponlas

a brear nos ourizos. 

No camiño do tempo perdéronse varexas, talas, cestos,

sazón de apodrentar, forza pisada, danza de angazos

e castañas ao lombo ata o caínzo

para ir baixando pouco a pouco ás bocas. 

Os ventres de ouriceira foron daquela estériles

e retornou a pedra a ser quen sempre fora:

verde tapiz de mofos no invernal avesedo

e artificio e sostén para calquera oco.

Foi cando adormeceron canda as curmás pallozas

un sono sen idade,

redondez primixenia dos Ancares, a Serra

que mira de moi lonxe, cantas veces

toucada pola neve.

Os Ancares en Outono (libro colectivo en imprenta).

       Os ancareses tamén foron creando unha cultura inmaterial diferenciada ademais da lingua: a literatura popular, a música, os ritos e os costumes.  E tamén o xeito de se vestiren e alimentaren cos produtos de seu, e as fobias contra os que noutros lugares xa eran alimentos.

Naquel ambiente doméstico propiciado polos invernos duros dos Ancares, durante as pausas que faciamos para quentar os pés na prancha de carbón, buscabamos os ananos, os gnomos e os cogomelos no libro que fixo para nós o papel de escola (…). Lembrando ese pretérito, láiome de non ter descuberto nos meus montes toda a variedade de cogomelos que abrollaba na terra  percorrida por crianza, polo traballo de ensinante e máis tarde polo pracer de camiñar entre a beleza telúrica que sempre me conmove nos regresos. Non obstante, o tesouro micolóxico tiven que descubrilo fóra.

                            O sabor da Terra (Encontro cos cogomelos)

        Os Ancares teñen gastronomía propia: chacina de corzo e res doméstica, caldo de fréxoles, leitugas e porretos; filloas e feixós ben distinguidos; embutidos con óso e tamén de lingua e barbada; morcillas doces sen sangue, e pan de centeo…

En empanada de carne, non atopo nada como a das terras de Ancares. Clásicas unhas, atrevidas outras e aproveitadoras do que había, no seu conxunto resultan admirables. Unha boa empanada de montaña empeza por ter a masa de centeo. Falo daquela masa entre a que se colocaba un abundante colchón de cebola cun pemento verde do Bierzo acompañados de carne fresca –xato, polo ou coello-, uns liscos de touciño, un chourizo e por riba de todo, unha capa de patacas fritas en rebandas dun cuarto de centímetro de groso… Inigualables en quente e mesmo en frío. Pura gloria. Ten algo de cociña de fronteira, pero fronteirizo tamén  é o botelo.

Das máis curiosas recordo a que facía en Quintá de Cancelada a señora Pacientina da Casiña con carne de cochosas e mazás de sabor delicado e inesquecible. Eu cítoa en escritos literarios porque me parece saída da lenda da cerva-doncela, a infortunada filla de Froiaz de Doiras. E en Vilaver, a de Leonor da Grova que lle botaba follas de remolacha acompañando o resto. Dáballes sabor a acelgas, intenso pero curioso e hoxe sería unha empanada moi moderna.

Da empanada ancaresa (texto divulgativo de prensa).

  • PARAÍSO PARA A INFANCIA

É ben doado fantasear literatura para a infancia neste escenario. Aos 8 anos, nunha visita de 15 días a Rionaval, descubrín as marabillas que podían esconderse nunha aldea. Se había trasgos, gnomos e ananiños tiñan que estar en Montañas Brancas, nome literario que levan Os Ancares na miña obra infantil. Pero toda a realidade era máxica.

A neve e o sol casaron

en mañanciña de abril,

ela vestida de branco

con perfume de xasmín

e el co seu metal brillante

de trompeta e de clarín.

Foi na praia dos lagartos

onde se dixeron  si.

E baixaron polas laxas

aquel día tan feliz

augas cantareiras, limpas

como un só de violín.

                                                             Na praia dos lagartos

Dos Ancares saen tamén os poemarios Don Merlo con chaqueta, Belidadona e O souto do anano. E nos arredores do Castelo de Doiras teñen lugar vacacións fantásticas para as crianzas de moitos dos meus contos: O avó de Pipa, A voda do papá, O corzo branco

En San Román nacera a señora Xenoveva, que non sabía nin os apelidos nin o ano de nacemento. Arderan os arquivos parroquiais e perdéranse os seus datos. Fuxida do asilo de Lugo, volveu andando a Becerreá e quedou no meu barrio, pobre e ceiba como andara sempre, un modelo de velliña venerable. Ela é a Belidadona que vive en Montañas Brancas por onde andan os cervos, que daquela só existían aquí. Tamén é Dona Mameixe d’A voda do papá.

Naceu Belidanona

na diminuta aldea

do curuto dun monte

dunha afastada serra,

no país dos mil ríos

e milleiros de estrelas,

petróglifos antigos

sobre laxes moi vellas,

de soles fuxidíos

e as lúas cheas.

Chegou á súa chouzana

no mes de abril

cando o cuco tremía

inda no seu cubil.

Celebrou a montaña

tal nacemento

cunha festa de ananos,

gnomos e elfos.

E acenderon fogueiras

moi quentadoras

para contaren lendas

ata a deshora.

E por se fose pouco

tanto galano,

Belidadona tivo

outro agasallo.

Veu unha corza

que a saudou

coa manciña de prata

e alí quedou.

                   Belidadona.

As mulleres e os homes que recordo ou dos que oín falar son tamén fonte para crear homes e mulleres cos mesmos afáns, soños, amores, desamores e desenganos que viviron na súa época ou na actualidade. Porque no fondo a humanidade toda vén pasando polos transos propios da condición de seres conscientes que desenvolven a súa vida en medios e tempos diferentes.

Remato xa agradecéndolles aos Ancares, moi particularmente a Cervantes, que me teñan agasallado cun TERRITORIO LITERARIO excepcional sobre o que escribo literatura diferenciada  que pode voar polo mundo. E a todos Vdes. por asistir a este acto de celebración DO DÍA DO LIBRO.  

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

PRIMEIRA COMUÑÓN

Coas mans como atreladas

polas cincuenta doas dun rosario,

esta nena

quere apreixar perena os olores de Deus

que escaparán dos días

como se esgota o aroma dos tépalos de rosa

durmidos entre as sabas dalgún libro.

Na retocada imaxe

quedan adormiñados

os múltiples recantos dun xardín que esta nena

plantara sen sabelo

para se emborrachar cada tardiña cos olores de Deus

saídos das mil bocas dun philadelphus,

pendurados dos acios da parra da glicinia

e escondidos nos badais das campás

das varas da azucena.

Os aromas fuxidos polos poros de Deus

agóchanse nas flores máis efémeras

denantes de pasaren, xa profanos,

ás follas dos loureiros,

ás pónlas do romeu e as da alfábega

para acabaren logo nas caixiñas da infancia

ergueitos como as mans, como os cipreses

do fondo da memoria.

De “Álbum de fotos” (1999)

LAXEIRO, POETA DA TERRA

Facendo debuxo ou pintura, Laxeiro é un poeta da terra.

Para mellor dicir, Laxeiro era xa  poeta da terra cando andaba de pastor ou exercía calquera outro dos seus oficios antes de se entregar ás formas e ás colores.

Por ser poeta da terra renuncia ao nome imposto para tomar o que lle ofreceron as laxas afloradas do chan.

E pinta coas colores da terra, recrea as formas sinuosas ou crebadas da terra, mostra a densidade e a forza da terra, inmortaliza os costumes nacidos na terra perpetuados máis tarde nuns homes e mulleres que son terra.

Rente á terra, Laxeiro percibe as caras de mil anos e, invitado polo voo das aguias que trazan nas alturas as complicadas formas da realidade oculta, descríbenos os soños.

Antigo e rexo como a terra, faise lixeiro coma ela cando quera agromar en xeira nova. Fabula como o vento, versifica como a chuvia, quéntanos os ollos co lentor da terra farturenta do outono e tráenos todas as esperanzas primaverais.

Nesta magnitude cósmica que lle outorga a amizade da terra, fusiona o grande co pequeno, o claro co escuro, o mesto co sutil, a mancha co trazo. 

Manexa a sintaxe das vellas formas e fai poética dos contornos fundidos, dos espazos espidos ou recheos. E poetiza, a un tempo, o individual e o colectivo, o mundo e o trasmundo, o bonito e o feo, o real e o imaxinado.

Acende a color dos solpores e cabalga polos mitos da terra como un poldro indomable que nos incita á viaxe máis fecunda. Amante dos luceiros e das lúas, Laxeiro poetiza xirando un calidoscopio que lle ensinaron a manexar esas fadas que repasan as follas do libro dos menceres. Despois domea o negro, como a noite.

Leva a trae levián, como as estacións do ano, polas xeografías e polos tempos.

Roza a sacra poesía icónica do medievo e condúcenos aos inicios dunha arte que aínda queda por chegar aos nosos ollos, mais detrás da pintura de Laxeiro non nos sorprenderá.