O CAPRI. MEMORIA DA LEALDADE

Chamábase Capri, nome herdado dun cadelo que tivera un neno amigo e lle comera o lobo polas beiras da vila en invernía dura. Era nome bonito e púxenllo a el. Capri lle quedou, aínda que só eu llo chamase. Para o resto, donos e veciñanza, non era máis que o can.

Estaba en Quintá de Cancelada e vivimos seis anos na mesma casa. El coidaba o gando e daba a xente, como chaman no rural a que o can avise da presenza de estraños. Eu daba clase nunha escoliña á que acudía en zocas de zapatilla para superar as lamas que se acumulaban de inverno nos camiños ancareses antes de que os borrasen con asfalto. El era can de palleiro aínda moi novo e con bonita pelexa leonada. Eu acaba de estrear a xuventude, pois esta historia  aconteceu na década dos sesenta, que coincide coa dos meus vinte anos.

Non era eu moi avogosa dos cans porque me tiñan mordido, pero o Capri era distinto e levámonos ben desde o primeiro día, indo en progreso a nosa amizade segundo pasaba o tempo, amizade que se selou definitivamente o día que o defendín dunha malleira segura.

O neno da casa –alumno de meu- entrou berrando que o can acababa de saír de entre o palleiro lambendo os fociños. O sinal era claro. Dera cun neal de galiña das que poñen fóra. Faltaba comprobar se quedaba algún ovo e despois darlle o castigo pertinente para que non volvese acontecer tal feito. Logo xa se averiguaría cal era a galiña mirando antes de saíren do poleiro cal tiña o ovo e cal non, comprobación que adoitaban facer as amas de casa introducíndolles un dedo no “curso” para comprobar se tropezaba co ovo. Daquela, as que estivesen para poñer, quedaban pechadas ata que se descubrise cal era a traidora para despois ver que facían con ela.

Pero ao que ía. Saímos todos mirar, demos co neal baldeiro e vimos polas cascas que papara cerca dunha ducia de ovos. El sabía o que fixera e tardou en aparecer. Cando á tardiña se veu achegando pola aira, fun para cabo del e non deixei que lle pegaran. Convencinos de que era un bo can e que non fixera máis que aproveitar unha ocasión que se lle presentara. Que a culpable, en tal caso, era a galiña e que eu respondía por el no futuro. Como na casa se me tiña respecto, prometeron non tocarlle se non había unha segunda ocasión. E non a houbo, como se el me entedese. Iso que a pita non mudou de costume e un día apareceu cunha rolada de pitos ao seu redor.

Desde aquela, o Capri e mais eu tivemos unha relación moi estreita. Empezou a acompañarme os venres ata Cabana, distante de Quintá oito quilómetros, onde eu collía o coche de liña. Non se daba clase os xoves pola tarde para que o alumnado acudise á doutrina. Viña sendo así, aínda que os curas xa abandonaran o costume. E o que adoitabamos facer as mestras rurais era cambiar esa tarde pola dos venres, para poder viaxar e volver con comida para a semana.

Cando chegabamos á parada do autobús, eu mercáballe na tenda de Fermín un paquete de galletas de María que comía mentres  agardabamos polo coche, porque non volvía ata que me vía marchar. Non tardou moito en saber cal era o día da miña volta e unha tarde, ao baixar da liña, atopeino alí  agardando. E así o foi repetindo semana tras semana de cada curso. Daquela subiamos a costaneira comendo dous paquetes, un el e outro eu, que o camiño era duro e había que repoñer forzas.

En días de tormenta achegabámonos un ao outro cando o relustro nos anunciaba o trono e logo seguiamos o camiño ata o próximo estoupido. E en días de chuvia invernal andamos ese camiño dun lado para outro molladiños coma pitos. Comigo ía ás flores primaverais polos prados que rega o Donsal e polos toxos fomos monte a traveso para visitar algunhas compañeiras que tiñan escola pola zona. 

Eramos un. Pero tivemos que nos despedir. Eu, coa capacidade de pensar que non o volvería ver. El, estou case segura de que tamén adiviñou que era unha despedida de verdade cando á porta do autobús lle dei un bico entre os ollos e dos meus caeron dúas bágoas.

Pasaran xa catro anos cando, nunha feira do 19 en Becerreá, vin por entre o gando un can que me pareceu el. Era algo lonxe e chameino. O Capri mirou todo ao redor ata me descubrir e chegou nunha carreira botándoseme encima. Soltámonos e fomos ata o grupo que estaba a acompañar. Era xente da casa e algún veciño máis que levaran xatos a vender atravesando a serra á pé, como nos vellos tempos, un percorrido de case trinta quilómetros. Xa  tiñan vendido e ían comer o polbo, pero o Capri non se me quixo separar e marchou comigo. Cando o veu buscar o dono á miña casa, negouse a marchar con el. Daquela o señor Manuel pediume que me escondese a ver se o podía levar, que se lles facía moi tarde.

E fun para o cuarto, desde onde podía velo sen que el se decatase da miña presenza. Andou todo ao redor da casa máis de media hora. Despois, o amo foino apaxoando e conseguiuno levar. Esta si foi a derradeira vez que nos vimos, a traizón e sen despedida.

Teño unha soa fotografía del coas súas patas dianteiras nos meus ombreiros que foi sacada aquela tarde. Ademais de me servir de recordo dun excepcional amigo, compañeiro de seis anos de vida moza e rural, esta imaxe é a representación máis auténtica da lealdade.