FEBREIRO, MES ROSALIANO

A fundadora da nosa literatura contemporánea, e grande da universal, naceu o 24 de febreiro de 1837. A información que recibiu do seu nacemento situono no 23, razón pola que asinou nesa data “Follas novas”, como fixera con “Cantares gallegos” o 15 de maio, aniversario de Murguía. Das dúas datas biográficas máis importantes das persoas, a do inicio e final do seu existir, a de máis transcendencia é a primeira porque abre as posibilidades do desenvolvemento propio e da influencia social que poida exercer, extraordinaria no caso da nosa autora. Ela ergueu o idioma da postración na que se atopaba despois de varios séculos, dándolle memoria escrita nun dos libros máis queridos polos galegos de aquén e de alén mar, que eran moitos naquela sangría de Galicia. Verbo da nosa polifacética escritora, á data que se lle deu maior relevancia foi á do seu pasamento o 15 de xullo. Mais xa di nun artigo Plácido Castro que Galicia ben podía copiar de Escocia a visibilidade do cariño que mostraba ao seu poeta nacional, Robert Burns, ao considerar o día do seu nacemento como unha festa nacional.  E é que en Escocia, para homenaxear o poeta que se ocupou das zonar rurais, dos temas folclóricos dese territorio desde a perspectiva das clases populares, da pobreza, dos roles sexuais e mesmo da igrexa escocesa, celébrase ese día cunha cea na que, acompañado polo son das gaitas, se recita o seu poema “To haggis”. Para Plácido Castro o 24 de febreiro debería ser o Día de Galicia.

Nesta última década, a conmemoración do 24 de febreiro estendeuse na sociedade dun xeito sorprendente. Unha sinerxia de esforzos dalgunha xente fixo posible que a xornada se estea desenvolvendo como levedada. Hogano, desde a AELG anímase a agasallar ese día cun libro en galego e unha flor. Tamén promove que se realicen actos nos centros de ensino e en espazos públicos con colaboración de Concellos baixo o lema #RosaliaTe, conducentes a afondar na diversidade temática da obra rosaliana. Está elaborando o seu manifesto anual que se lerá o domingo 19 e anima á toda a sociedade a facer lecturas colectivas en vilas e cidades. Tamén solicita dos Concellos que declaren o 24 de febreiro “Día de Rosalía de Castro”, sendo ata o momento 49 os que se sumaron á iniciativa, conxuntamente coas Deputacións d’A Coruña e Lugo.  A maiores destas actuacións, que parten dos profesionais da escrita, estes días Rosalía vén de recibir dous agasallos que de alto valor simbólico: será a epónima do aeroporto de Santiago, desde o que partiu tanta xente para a emigración europea e mesmo americana nos últimos anos, e un avión das liñas áereas Norwegian lucirá unha das súas imaxes máis coñecidas no temón. A compañía noruega homenaxea a mulleres escandinavas e do resto de Europa que destacaran pola súa actividade benefactora para a humanidade. Que Rosalía estea nesa nómina debe encher de orgullo o pobo que ela serviu coas armas máis pacíficas de todas: o pensamento e a pluma.

Publicado en El Correo Gallego (10-02-17)

 

NOVA ACADÉMICA DA RAG

Marilar Aleixandre, Helena Villar, Pilar Vázquez Cuesta, Camino Noia e de pé, probablemente, Helena González. A foto está tomada nunha cea de mulleres relacionadas coa literatura arredor da revista “Festa da palabra silenciada”.

Mañá sábado, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Composela, entidade á que pertence como profesora do Departamento de Didácticas Aplicadas (Área de Didáctica das Ciencias Experimentais), lerá o seu discurso de ingreso como membro de número da Real Academia Galega a escritora Marilar Aleixandre. A poeta, narradora, ensaísta e tradutora titula esta intervención: “Voces termando da paisaxe galega”. En nome da Academia, responderá ao discurso a tamén escritora e membro da mesma Fina Casalderrey. Será unha honra asistir a un acto que por forza ha ser moi emotivo para ela mais tamén será un pracer para quen se achegue a un discurso tan suxerente e a súa resposta, e para parabenizar á nova académica que ten ben merecida a distinción pola valía do seu traballo literario, o seu labor científico e divulgador, e a súa conversión a un país e ao seu idioma para vivir nel con plena normalidade. Se nos estraña que tanta xente de noso siga a fuxir da da lingua que é a maior das referencias da nosa cultura moito nos ten que admirar o compromiso moral de quen pasa a asumir a característica máis propia dun país no que vai desenvolver vida e traballo. Hai que parabenizar tamén á RAG que vai facendo aos poucos a súa transición a unha maior presenza de mulleres achegándose á sensibilidade social que xa esperta o feito de que máis da metade da poboación, ata por estatística, debe estar mellor representada nas diversas esferas  da vida social. Afortunadamente parece que prendeu ben a chama deste cambio na institución científica que ten como obxectivo o estudo da cultura de Galicia, especialmente da súa lingua á que serve sendo a instancia superior de todo o que ao idioma lle compete.

A pertenza á RAG é unha distinción moi importante para calquera persoa que se dedique ao mundo da cultura e moi especialmente á creación coa palabra. Pero é un asunto de gracia, de valoracións persoais dos membros numerarios que fan a proposta e finalmente do resultado dun proceso de votatación secreta. Polo tanto, creo que debe haber persoas que, en humildade franciscá, non soñaron nunca con tal honra por crela por encima das súas posibilidades, da mesma maneira que haberá outras que se considerarán unxidas por algún deus para merecer esta honra por encima de todo. A maiores, dedicarán parte da súa enerxía a procurar situacións de apoio a longo, medio e curto prazo para recibir tan prezado título, sabendo que se dá por gracia e que só se van ocupando as cadeiras de quen acaba o tránsito por este mundo, pois os nomeamentos son vitalicios agás en caso de grave desleixo coa institución. E canto deben sufrir se hai algún cambio e ven que non os afecta!. De calquera xeito, quen resulte elixido nos casos de vacante, e que ben que o sexa unha muller cando inda non están debidamente representadas nas cadeiras da Rúa Tabernas, ben pode telo a honra e ben nos podemos alegrar como país de que a RAG siga o seu curso normal, inda máis normalizado.

Publicado en El Correo Gallego (13-01-17)

OS NOMES DO ACIVRO

Xardón

Son moitos os nomes da árbore –ou alto arbusto- máis propio do noso Nadal debido á gran mistura cultural que atesouramos. No proceso de normativización ou estandarización da lingua, que tende a unificar as variantes, triunfa acivro. Mais o lugar poboado de acivros chámase acevedo, porque acevo é outro dos nomes frecuentes. O Instituto da Lingua Galega (USC) ten recollido 39 palabras que o sustantivan. Os nomes aparecen situados no mapa cunha representación simbólica. A maioría delas son variantes de outra. Algunhas fan referencia ás súas características específicas, como os remates puzantes das follas, ou á condición de ser mala planta, (herba do demo, herba da envidia, azoutacristos…) e mesmo as hai de apropiación do nome doutra planta por confusión ou coincidencia no uso simbólico desta época do ano, como é o caso de muérdago. Na terra ancaresa chamámoslle xardón por oposición a xarda, pequeno arbusto de follas de borde liso con pincho no seu remate que tamén produce froitos vermellos moi similares, inda que non en acios. De ambas plantas poderíase extraer unha ponliña capaz de mancar ben se se dera con ela, de cumprir aquel dito de “Lástima de xardola!” para se referir a que alguén debía recibir unha xostrada correctora. Inda que non se use a variña para castigar, os seus supostos valores medicinais fixérona considerar curativa para o torzón dos cabalos que os facía envorcarse de dor polo chan. E para coutar este mal vendíanse xa preparadas nas feiras cabalares, especialmente nas da Ascensión e do Apóstolo de Santiago. En Melide aseguraban que o remedio era tan eficaz que abondaba con tocarlle na pel para que o cabalo se puxera a mexar de contado, tal como se recolle na monografía “Terra de Melide”.

Xarda

Sexa cal sexa o nome, posúe gran valor ecolóxico por proporcionar alimentación invernal ás aves cos seus froitos encarnados, sendo o sustento fundamental da “pita do monte” ancaresa, especie protexida en franco perigo de extinción. Máis tamén ten o extraordinario valor simbólico que lle foron adxudicando as diversas culturas. Os celtas considerábana árbore sagrada con capacidade para atraer a boa sorte e utilizábana nos rituais dos solsticios de inverno e de verán, resultando así un elemento moi unido ás festas cósmicas ou agrarias. Coa cristianización dos rito pagáns aparece traspasada non só ao Nadal senón tamén ao San Xoán. Segundo a tradición, namórase unha moza cortando unha ponla de acrivro ás doce da noite de San Xoán e pasándoa trece veces baixo as ondas do mar mentres se reza un credo cada vez. Despois ten que tocarlle ela dalgún xeito ao aciviño e quedará prendada sen remedio. Os romanos asociábana ás festas de finais de decembro, as Saturnais, que se celebraban na honra de Saturno, o deus da sementeira. Quizabes este costume cristianizado reforzou o papel do acrivro nas festas de Nadal nas que conflúen coa relixiosa outras vellas celebracións asentadas no territorio que hoxe chamamos Galicia.

Publicado en El Correo Gallego (30-12-16)

MARIFÉ QUESADA “SOCIA DE HONRA DE GÁLIX, 2016”

O próximo luns día 12, a artista plástica María Fe Quesada será nomeada Socia de Honra de GÁLIX, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil que, sen ánimo de lucro, trata de  visibilizar e promover a cultura e a lingua galegas a través da literatura. O acto de nomeamento celebrarase no IES Valadares (Vigo) ás 12h nun acto escolar aberto ao público ao que asistirá alumnado que participará activamente e manterá con ela un coloquio. A laudatio da homenaxeada correrá a cargo da escritora María Xosé Queizán e o presidente de GÁLIX, Xosé Antonio Perozo, faralle entrega dunha escultura-símbolo desta distinción deseñada pola tamén membro de GÁLIX, a artista Noemí López. Ata o de agora tiñan sido galardoados o xestor cultural e persoa decisiva para a creación da veterana asociación, Xabier Senín, que inaugurou a honrosa lista. A seguir,  Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xoán Babarro e quen isto escribe. Marifé Quesada é a primeira ilustradora e membro pertencente a un dos colectivos ben potentes que constitúen a entidade. Vaian, pois, os meus mellores parabéns para a galardoada e para a xunta directiva de GÁLIX por considerar o labor de todos os seus colectivos, que son os actores e amantes desta marabillosa ferramenta lúdica e formativa que é o libro para a xente máis nova. Entre os compoñentes creativos de GÁLIX hai persoas moi valiosas que son coñecidas dentro e fóra do país. Marifé Quesada foi pioneira na ilustración dos nosos libros e ten numerosos premios e distincións nacionais e internacionais polo seu dilatado traballo xa a través dunha brillante carreira artística. Di que aprendeu de seu pai, o pintor Antonio Quesada, a emocionarse co seu traballo e a non lle ter medo ao risco. E tamén a non dar nunca por finalizado nada do que non estivera plenamente orgullosa. E abofé que conseguiu ben estas aprendizaxes, ademais da técnica ao servizo da súa especial percepción da tenrura infantil que destilan todos os seus marabillosos debuxos.

Son privilexiada por entrar moi axiña en contacto coa artista Marifé Quesada xa que me ilustrou catro libros: “O día que choveu de noite” (Galaxia/Elkar/La Galera, 1983) “A cidade de Aldara” (Casals, 1989), “O avó de Pipa” (Bruño, 1991)/ “El abuelo de Pipa” (Bruño, 2005) e “Un rato na casa” (Galaxia2007). Puiden elixila unha vez de ilustradora, porque cando escribimos para a infancia non adoitamos ter ocasión de decidir quen vai poñer caras aos nosos personaxes nin pintar as atmosferas que deixamos en palabras. Quen dan por fin vida a esas palabras son artistas que rematan a nosa obra e mesmo a anteceden poñendo ao alcance das nenas e dos nenos, a través da súa especial e interposta creatividade, os contidos que nós ideamos e terán unha lectura posterior a ser gozados en debuxos. O seu valor é de tal importancia nos libros destas idades que hoxe se consideran, inda que non sempre foi así, obra en coautoría.  Graciñas, Mari Fe, pola túa complicidade.

Publicado en El Correo Gallego (09-12-16)

 

 

 

 

XORNADAS DE NORMALIZACIÓN

15078890_10202504474488808_525109984706759512_n

Hoxe venres desenvolverase no Centro Abanca Obra Social da Praza de Cervantes de Santiago a XII edición das Xornadas de Normalización Lingüística das Escolas Católicas de Galicia, cun apretado programa de nove e media da mañá a dúas e media da tarde. A inauguración correrá a cargo de Mónica Maseda, membro da xunta directiva de Escolas Católicas e directora do colexio Mª Assumpta de Noia. A seguir, os organizadores teñen a xenerosidade de facernos unha homenaxe a Xesús Rábade Paredes e a min, como escritores e profesores con responsabilidades de asesoramento en normalización para os centros de ensino a principios dos anos noventa, homenaxe que recibimos con especial agradecemento vindo de persoas que traballan porque Galicia conserve o idioma, elemento xenuíno da súa identidade. Relatorios de Elisardo López Varela (A contribución dos EDLG no proceso de normalización lingüística), Antón Riveiro Coello (As posibilidades de Carlos Casares) e Vicente Feijóo (A toponimia como ferramenta normalizadora do ensino), e a presentación de experiencias arredor do galego oral realizadas nos centros Santa Xoana de Lestonac (Ferrol), Compañía de María (Santiago) e Calasanz (Escolapios da Coruña), e a Regueifesta dos IES Maximino Romero de Lema (Baio) e Marco do Carballón (Vila de Cruces) constituirán os contidos da xuntanza. Despedirán os regueifeiros Luis O Caruncho e Bieito Lobariñas, e clausurará o Secretario Xeral de Política Lingüística.

Con algúns destes centros teño traballado naquelas datas con moi especial satisfacción, porque mostraban ganas de normalizar a lingua. Daquela parecía relativamente posible facelo no ensino, inda que moitos de nós tiveramos dúbidas de como se levaba o proceso. Lamentablemente, os tempos viñeron darnos a razón. O Colexio La Salle de Santiago, coa inestimable colaboración do irmán Reboiras, estaba disposto á iniciar unha aula de inmersión lingüística para o primeiro curso de infantil no periodo 1995-1996. Non se puido levar a cabo porque Política Lingüística acabou coa función asesora dos profesionais seleccionados e formados para prestar este servizo sen data de caducidade inmediada. A palabra inmersión pasou a significar unha ameaza se a lingua ensinada é o galego, inda que sexa o mellor método para aprender calquera outra. Máis tarde a palabra normalización foi substituída por dinamización. A guinda púxoa o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, aprobado en contra dos ditames das instituciones con capacidade de emitir informes. A lingua entrou en franco retroceso nas primeiras etapas. É triste comprobar que en contextos nos que falan galego todas as xeracións, a familia pode decidir que se obvie a alfabetización nesa lingua, mesmo contra a Lei de Normalización. E tamén que o que aparece escrito no encerado, como as matrices das datas que se cambian todos os días, estea en inglés, igual que os murais de traballo nas paredes.

Publicado en El Correo Gallego (18-11-16)

POESÍA EN BONAVAL

fraga-1O grupo na pasada edición do festival (Fotografía de Ángel Utrera)

Este domingo ás 11h comezará en San Domingos de Bonaval un encontro poético con música e arte plástica en apoio da palabra. Poetas de toda Galicia farán a quinta edición dunha cita poética itinerante convocada por Ángel Luis Utrera Baza, namorado da palabra e da fotografía que atopa na poesía o eixo vertebrador de sensibilización social. Será a V realización duns encontros flexibles promovidos para servir coa poesía diferentes causas. A I edición foi hai cinco anos en Melide por chamada de Soqui Cea, Xosé Vazquez Pintor e Antom Laia par dar coñecer a vila a través dun roteiro. A II aconteceu arredor dun magosto nos Pendellos de Agolada. A III fíxose na Estrada, por convocatoria de David Otero. Baixo a dirección da Asociación cultural Vagalumes rendeuse homenaxe a Marcial e Avelina Valladares en Berres, e a Garcia Barros na súa casa natal, para despois acabar a carón do Ulla. O IV convocouse na capital do Deza en colaboración coa asociación cultural O Naranxo e a plataforma Salvemos as Fragas de Catasós. Foi un acto reivindicativo das fragas, os bosques e a biodiversidade dun país estragado pola especulación, a senrazón dos cartos e inda a incompetencia de políticos ao servizo dos poderosos. Cabo de carballos e castiñeiros quedaron en taboleiros de madeira poemas e palabras de mais de vinte poetas. O V encontro vai reunir no lugar máxico de Santo Domingo de Bonaval a uns vinte poetas, e a músicos escritores e artistas que empezarán por unha homenaxe ás personalidades soterradas no Panteón de Galegos Ilustres. Haberá música de gaita acompañando este primeiro momento e outras diferentes ao longo da mañá, co telón de fondo da mirada do pintor Xullo Garcia Rivas. Entre os participantes estarán Miguel Ángel Alonso Diz, Romina Bal, Luz Fandiño, Xoán Xosé Fernández Abella, Miriam Ferradáns, Antonio García Teijeiro, Antom Laia, David Otero, Lorena Rei, Mª Neves Soutelo, Ramiro Vidal Albariño e Ángel Utrera. Eu non poderei acudir como quería porque me require outra actividade comprometida con anterioridade.

fraga-1-copiaMembros do grupo desprazándose pola fraga (Fotografía de Ángel Utrera)

Pregúntolle ao convocante, que me honra coa súa amizade, se esta actividade é produto do contacto coas novas tecnoloxías e dime que, inda que as redes sociais facilitan estas convocatorias, el estivo desde sempre facendo da palabra e da arte un vínculo emotivo que se asente na cultura popular, libre e espontánea, veña de quen veña e sexa como sexa. Tamén me di que non é un activista cultural, porque non debía facer falta andar animando a ninguén a que aprece e mostre publicamente a riqueza da nosa cultura e do noso patrimonio. Non obstante, é obvio que as redes sociais multiplican as posibilidades de comunicación propiciando este tipo de xuntanzas e que son máis necesarias que nunca persoas con capacidade organizativa e entusiasmo desbordante para que a abondosa masa dispersa da cultura levede xunta e produza o pan que alimenta a dimensión social da actividade artística sen a que a vida humana non ten saúde.

Publicado en El Correo Gallego (14-10-16)

QUE VAI FACER GALICIA COA LINGUA?

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Da riqueza cultural aque acumulou Galicia a través dos séculos hai unha obra que vén atravesando a alma do pobo como un río que canaliza o caudal irrepetible dunha visión do mundo. É a lingua, xenuína evolución do latín da Gallaecia, asentado no sustrato de falas anteriores e con aportacións que recibiu doutros idiomas. Foi contemporánea de todo o que lle aconteceu a Galicia, do mellor e do peor. Ora foi idioma de prestixio no que trobaba o Rei Sabio, ora lingua dun país ao que se lle substitúe a nobreza por outra foránea que trae idioma alleo para os usos de prestixio, ora lingua erguida para a escrita e a literatura, ora idioma proscrito para usos oficiais polo franquismo, ora lingua recuperada e oficial en virtude da Constitución e do Estatuto de Autonomía… Nas circunstancias adversas non secou o río da fala, pero si o da escrita e a gran maioría dos falantes foi percibindo a rara situación como feito normal favorecido pola perda da memoria dos tempos de brillantez escondida en textos inaccesibles. Reprimida no sistema educativo, a familia decaeu na súa transmisión para favorecer o estatus dos seus descentendes, propiciando a perda das persoas monolingües ou instaladas na lingua propia con coñecemento e dominio doutras para as relacións co mundo. A sociedade galega converteu a fala dunha porcentaxe altísima da poboación e entendida por toda ela nun idioma considerado menor cangado con todas as eivas sociais. Tiñamos unha lingua para a cultura libresca e escrita, e a nosa para a oralidade o analfabetismo e a cultura popular. Que lingua falaban os personaxes menesterosos de Dickens? Falaban inglés. E o propio Dickens, Shakespeare e Lord Bayron? Tamén. Pero Galicia tiña o galego para os primeiros. Para os segundos, o castelán.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Houbo mentes pensadoras que percibiron tal anomalía. No século XVIII, o Padre Sarmiento considera o estraño feito unha das causas do atraso do país e fai a defensa da alfabetización dos nenos na lingua que falaban na casa, así como do uso polos curas no ministerio. Este pensamento implica a idea de normalización dun idioma postergado. A historiadora da Pedagoxía Ángeles Galino falaba de Sarmiento na cátedra da Universidade Complutense como dun gran adiantado por estes postulados. No Rexurdimento, Rosalía e outros recuperan aquela lingua vulgar para a escrita sen ter coñecemento de que xa tivera unha brillante literatura. Esta recuperación pasará despois polas “Irmandades da Fala”, creadas hai 100 anos, que a introduciron noutros usos, e por varias xeracións de creadores que conseguiron un sistema literario intercambiable co de calquera idioma. Tras sufrir a forte represión do franquismo, adquiriu coa democracia o estado de lingua oficial e foi introducida na escola, nos medios de comunicación e nos diferentes sectores sociais. Non obstante, por inercia e por desleixo dun país que non adoita conservar os seus tesouros, perdeu moitos falantes. Os grandes cambios no mundo rural e mariñeiro -os seus principais conservadores-, a presión dos medios audiovisuais, a escolarización non planificada para conservala nin recuperala e o erro de a identificar co nacionalismo dificultaron o equilibrio dos tres factores que determinan a saúde das linguas: actitude, competencia e uso. O galego non acadou os obxectivos de normalización do catalán e do éuscaro, mesmo tendo nos inicios o máis elevado número de falantes, que agora descende de forma alarmante en cada xeración.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Con todo e resistir en todas as mallantes, estamos nunha encrucillada que esixe moito apoio para que no acabe en lingua ritual cando está amparada polas leis. Preservar a normalidade do maior ben herdado, que ten proxección internacional polos seus lazos coa lusofonía, precisa o esforzo de toda a sociedade: falantes, familias, escola, institucións e directrices políticas atinadas. A lingua terá o futuro que Galicia queira darlle. Nunca tivemos nas mans, nas de todo o país, tanta responsabilade.

Publicado en 61 Mujeres escriben en el DÍA DE GALICIA (El Correo Gallego, 25-07-16)