ESA HERDANZA MACHISTA

Chega ás miñas mans “Urbanidad para niños. Explicación del Programa de Urbanidad. Primeira sección. Primer grado”, de D. Pablo Solano Viton, edición de 1927. Escrito en forma dialogada, á pregunta do alumno de cal é o comportamento xeral que debe orbservar o home ben educado cos seus semellantes, dálle esta resposta: “Tratar con atención e amabilidade a todo o mundo; con respecto e sumisión a seus pais, mestres e superiores; con cariño os seus amigos; con finura as señoras, e sen orgullo os criados”. Máis adiante, fálase tamén de ofrecer o mellor asento ás señoras e dá, como fórmula de despedida a unha muller: “A sus pies, señora”. Daquela a educación institucional feminina era rarísima. Xa que logo, é un manual dirixido a homes, os privilexiados do sistema educativo inda que a súa taxa de analfabetismo fose tamén moi elevada. En todo caso, ás mulleres podería chegar a educación refinada maculina se tiñan a sorte de dar cos que leran a cartilla: ter os mellores asentos e os cabaleiros aos seus pés. Pero nin no mundo refinado nin no común as mulleres tiñan a liberdade dos homes, que eran os encargados de conducilas e administralas na súa minoridade permanente. Inda no ano 1975 as cartillas bancarias avisábanos: “A muller casada poderá operar con esta libreta en ausencia do seu home”.

As mulleres estiveron sempre ben tratadas en aparencia, pero na realidade vivían absolutamente sometidas aos homes que tiñan sobre elas poderío: primeiro o pai –e mesmo os irmáns- e despois o marido. A cambio, como queda dito, eran chamadas “a miña señora”, título que parece unha reminiscencia das cancións de amor da Idade Media. Polo contrario, a cultura popular conserva refráns e cancións que recordan este dominio machista ata extremos que hoxe desacougan. Levo cantado de nena con naturalidade unha cántiga que hoxe me horroriza porque a considero apoloxía da violación, cuxo verbo naquela terra de montaña designaban con esforciar:  “Mariquiña, Mariquiña,/ a do refaixo amarelo,/ se te atopo no camiño/ non che ha de valer “non quero”. Ninguén se reprimía de cantala porque formaba parte da ledaíña de coplas que van saíndo para unha mesma música con toda a normalidade. Non era feito menor que se tratase de negociar o casamento dunha filla como se fose un trato de feira: “Heiche de dar o boi Louro/ e mais a vaca Marela./ Dareiche a filla máis nova/ pra que te cases con ela”. Nin que se fixese gala de escravizar a muller: “Hei de ir ás segas a Lugo/ e hei traer unha galega./ De día ségame o trigo,/ de noite durmo con ela”. Nin ameazar con dominio que alcanzaban a nai: “Debaixo da túa ventá/ hai un puñal escondido;/ pra matar a túa nai, /se non te casas comigo”. Nin lucir o poder sexual dos homes sobre as mulleres: “Canteiro de Pontevedra/ pica na pedra miúda./ Pica na muller allea/ e outro pícalle na súa”. Raíces tan fondas son moi malas de arrincar.  Hai que ver o machismo con seriedade para combatelo con todos os recursos.

Publicado en El Correo Gallego (20-01-17)

Advertisements

NOVA ACADÉMICA DA RAG

Marilar Aleixandre, Helena Villar, Pilar Vázquez Cuesta, Camino Noia e de pé, probablemente, Helena González. A foto está tomada nunha cea de mulleres relacionadas coa literatura arredor da revista “Festa da palabra silenciada”.

Mañá sábado, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Composela, entidade á que pertence como profesora do Departamento de Didácticas Aplicadas (Área de Didáctica das Ciencias Experimentais), lerá o seu discurso de ingreso como membro de número da Real Academia Galega a escritora Marilar Aleixandre. A poeta, narradora, ensaísta e tradutora titula esta intervención: “Voces termando da paisaxe galega”. En nome da Academia, responderá ao discurso a tamén escritora e membro da mesma Fina Casalderrey. Será unha honra asistir a un acto que por forza ha ser moi emotivo para ela mais tamén será un pracer para quen se achegue a un discurso tan suxerente e a súa resposta, e para parabenizar á nova académica que ten ben merecida a distinción pola valía do seu traballo literario, o seu labor científico e divulgador, e a súa conversión a un país e ao seu idioma para vivir nel con plena normalidade. Se nos estraña que tanta xente de noso siga a fuxir da da lingua que é a maior das referencias da nosa cultura moito nos ten que admirar o compromiso moral de quen pasa a asumir a característica máis propia dun país no que vai desenvolver vida e traballo. Hai que parabenizar tamén á RAG que vai facendo aos poucos a súa transición a unha maior presenza de mulleres achegándose á sensibilidade social que xa esperta o feito de que máis da metade da poboación, ata por estatística, debe estar mellor representada nas diversas esferas  da vida social. Afortunadamente parece que prendeu ben a chama deste cambio na institución científica que ten como obxectivo o estudo da cultura de Galicia, especialmente da súa lingua á que serve sendo a instancia superior de todo o que ao idioma lle compete.

A pertenza á RAG é unha distinción moi importante para calquera persoa que se dedique ao mundo da cultura e moi especialmente á creación coa palabra. Pero é un asunto de gracia, de valoracións persoais dos membros numerarios que fan a proposta e finalmente do resultado dun proceso de votatación secreta. Polo tanto, creo que debe haber persoas que, en humildade franciscá, non soñaron nunca con tal honra por crela por encima das súas posibilidades, da mesma maneira que haberá outras que se considerarán unxidas por algún deus para merecer esta honra por encima de todo. A maiores, dedicarán parte da súa enerxía a procurar situacións de apoio a longo, medio e curto prazo para recibir tan prezado título, sabendo que se dá por gracia e que só se van ocupando as cadeiras de quen acaba o tránsito por este mundo, pois os nomeamentos son vitalicios agás en caso de grave desleixo coa institución. E canto deben sufrir se hai algún cambio e ven que non os afecta!. De calquera xeito, quen resulte elixido nos casos de vacante, e que ben que o sexa unha muller cando inda non están debidamente representadas nas cadeiras da Rúa Tabernas, ben pode telo a honra e ben nos podemos alegrar como país de que a RAG siga o seu curso normal, inda máis normalizado.

Publicado en El Correo Gallego (13-01-17)

CAMBIOS EDUCATIVOS

Cando escribo esta columna, xa foron asasinadas tres mulleres este ano en España polas súas parellas. Un dos asasinos ten 20 anos. Inda está na idade en que ás nais nos parecen adolescentes e nos entran desexos de lles revolver o pelo, facerlles un belisco na meixela e pousarlles un bico na fronte pedíndolles que se porten ben. Non obstante, tivo madurez criminal para lle segar a vida a unha muller con plena frialdade. Destaco o caso polo anómalo que me parece que lle dese tempo a acumular os mecanismos interiores que se cortocircuitan para desencadear un asasinato destas características. Xulgámolos non ben capacitados para andar pola vida, dannos ganas de os protexer e xa poden cargar con semellante acción ás costas. Porque para algúns homes –que son moitísimos- a muller é un obxecto de usar a tirar. E nunca tan profunda carga de sentido ten o verbo tirar como cando falamos dun enterramento. Son crimes execrables que nada os pode xustificar. Son terrorismo doméstico sufrido en silencio por mulleres con dificultades para dicidir, inda estando informadas. Se calan, saben o que as espera día tras día; mais se denuncian, saben que é posible que corran máis perigo se eles toman venganza por esta valentía. A sociedade non sabe protexelas se eles saltan as normas impostas pola lei para acabar con elas. Das que téndoos afastados por lei seguen a vivir con eles ou volven para coidalos se os saben enfermos, non hai dúbida de que as posúe un mecanismo de alienación que se foi creando sen que llelo evitara unha axuda profesional afectiva á que deberan ter dereito.

As mulleres viven en situación de inferioridade con relación aos homes. Non por ter menos forza, como di o maxistrado Antonio Salas nunhas gravísimas declaracións que mostran o que queda por andar contra a violencia machista. Estamos en inferioridade porque adquirimos conciencia da igualdade mentres que a sociedade en xeral non se compromete coas nosas vidas. Os medios audivisuais non poñen a súa capacidade operativa ao servizo da causa. Polo contrario, seguen ofrecendo unha visión machista dos xéneros. Abonda observar o papel da parella home-muller na retransmisións das badaladas do Anovello. Inda que uns máis que outros, a muller póñena a mostrar o corpo como luxoso obxecto decorativo destas datas. E nin sequera resulta doado ver o dano social que pode facérselles ás mulleres con tal proxección ideolóxica: moitísimas conxéneres aplauden e as protagonistas aceptan. Tentamos facer mulleres libres e demos pasos. Xa denuncian o maltrato. Pero é necesario axudarlles aos homes a ser libres exercendo a pedagoxía en todos os ámbitos: familia, ensino, medios de difusión e institucións. Hai que lles ensinar que son libres, pero non donos da liberdade de ningunha muller. Mostrarlles que teñen que aceptar as decisións que elas tomen dentro da parella inda que non lles gusten. E que ese odio que os  leva a matar, planificando os seus crimes, non nace nun home libre.

Publicado en El Correo Gallego (06-01-17)

 

 

 

ANUNCIAR LOTERÍA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Ante os meus ollos non é doado anunciar lotería e que a chamada inflúa en que vaia adquirir un anaco de hipotética fortuna. Fronte aos xogos de azar debe ser unha das pouquiñas veces que poño a racionalidade por riba do impulso ilusorio. As posibilidades de tocar son tan pequenas que me marabillan as colas para adquirir un décimo do sorteo de Nadal. Se, coa racionalidade da que falo, penso que o diñeiro que leva quen sexa afortunado sae das aportacións que vai facendo cadaquén, moita da xente con poucos recursos que é á que máis tenta o golpe da fortuna, inda me parece máis estraño o balbordo da mañá do 22 de decembro, coas ilusións e, sobre todo, cos desencantos. Así que eses rótulos que hai en bares, cafeterías, tendas de todo tipo, asociacións diversas e outros lugares onde “reparten sorte” non me moven a colaborar nesta recadación. Só o consegue sen propaganda un colectivo moi estimado do que formo parte porque non quero desairar a súa camaradería e, a estas alturas, teño reservada unha participación de 20 euros. E vai ser todo.

Que sexa un xogo promovido polo Estado para alimentar as súas arcas debería obrigar á institución a mirar con lupa as campañas publicitarias que lanza á sociedade e os tipos de mensaxes visibles ou ocultas que pode estar emitindo sobre os diversos colectivos que a constitúen. Se a do ano pasado representaba un acto do boísmo melifluo propio do espírito participativo e fraternal que se lle atribúe á época do sorteo, a deste ano paréceme rechazable. Síntome afectada pola imaxe que se dá dunha pobre muller que non se sabe valedar xa polo seu e coa que hai que ter cariño e comprensión ante os seus despistes. Sendo eu septuaxenaria, dóeme ver a outra muller de certa idade –que se di agora- que está traballando na cociña para que un neto mozo non lle agradeza o almorzo que lle sirve no salón; que non controla ben o tempo e confunde a publicidade co sorteo; que cre que é millonaria e promete á veciñanza que van vivir todos como deuses –ela chámalle ir ao paro para máis desastre- e que propician que permaneza no erro todo o día para facela feliz. Ou iso é o que a axencia de publicidade que a argallou di que quere transmitir a trama, aludindo a que é ficción publicitaria. “Neste caso, a historia reflicte o enorme cariño de tres xeracións dunha familia e toda unha vila á súa mestra Carmina, unha das veciñas máis queridas, para transmitir ese valor de compartir coa que asociamos a Lotería de Nadal”. Pois inda menos mal que foi mestra e que é moi querida cando xa traslé. As Unións de Pensionistas mostraron un gran rechazo a que se presenten así as persoas xubiladas, cada vez máis tendentes a levar unha vellez activa, a seguir participando na sociedade e a adquirir coñecementos aos que non lles foi doado acceder durante a vida laboral. Pero as realmente enfadas deberiamos ser as mulleres pola utilización que a publicidade quere facer primeiro dos nosos corpos e despois das nosas mentes.

Publicado en El Correo Gallego (25-11-16)

 

 

 

A(S) RIANXEIRA(S)

20160912_182136-2

A canción A Rianxeira pasou, por vontade do pobo galego, a ser o seu himno festivo. Xa non digo en Rianxo, onde non hai acto ben rematado sen ese canto que  acaba saíndo como dun coro ensaiado cante quen cante. Mágoa que tan popular peza non conserve as estrofas coas que os autores Xesús Friero (recompilador das coplas populares nacidas arredor da festa da Guadalupe) e Anxo Romero (músico) a lanzaron ao mundo en 1950  desde a República Arxentina como obsequio a Castelao. As que conserva foron deturpándose co uso popular, frecuente e disperso da canción, ata facerlle perder moito significado. “Ondiñas veñen e van/ non te embarques, rianxeira…” A canción louva a muller de Rianxo facendo comparacións entre ela e a Moreniña vida de fóra e acollida con gran devoción. A Virxe vai pola area descalza como adoitaban andar as rianxeiras do pobo e máis aínda as que collían marisco na franxa a elas destinada ou axudaban a recoller o peixe para iniciar a súa venda. Os homes ocupábanse de o iren buscar, faena da que as libraban a elas. Polo tanto, non é o mesmo “Non te vaias, rianxeira” (deturpación actual) que “Non te embarques, rianxeira” (versión orixinal). As rianxeiras, como outras mulleres do mar, levaron vida moi dura, inda que a epopea  mariñeira se faga arredor dos homes. Elas non pelexaban co mar pero traballaban no medio hostil da ribeira (outro erro da xeralización: confundir o areal coa vila de Ribeira por paralelismo “vai para Rianxo/ vai para Ribeira), que lles deixaba a pel curtida e morena, avellentándoas axiña. Castelao deixa no derradeiro relato de Retrincos (Nós, 1934),“Sabela”, ese contraste entre a moza con quen bailaba de novo e a muller irrecoñecible que, aínda non vella, atopa nun regreso de madurez á vila, tal fora maltratada polo traballo no paso do tempo. Porque o labor non acababa na ribeira mariscando, secando ou atando redes. Moitas ían vender peixe transportado á cabeza ata Padrón, Pontecesures ou Noia e podían camiñar “descalciñas de pé e perna”, como dixera Rosalía, e á volta acarrear alimentos de troco (millo, patacas…) para unha casa con abondosas meniñas e meniños que manter.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Tiven a sorte de coñecer a que posiblemente foi a derradeira das entrañables “siñas” que nomea Castelao, a siña Carme a Montañesa. Coa altura de anos que esixe ese tratamento de respecto, conservaba os sinais de muller guapa e galana, e a súa presenza enchía calquera das tres últimas prazas de abastos da vila. Mentres che preparan o peixe, hai tempo a falar e eu aprendín moito dela. Foi quen me narrou esa vida de adolescente e moza percorrendo camiños para vender e mercar. A gran intelixencia e a memoria ben conservadas permitíanlle facer as contas de cabeza e ser usuaria de móbil ata o punto de asombrar co seu manexo. Ela transmitiume saberes sobre peixes e mariscos, e consellos para elaborar pratos con sabores mariñeiros. Caldeiradas excelsas con peixe azul “cheo de sal” ou o engadindo dunha porción do fígado da raia  ao rustrido, que lle dá ao prato presenza e sabor diferentes. Tamén me falou do tratamento das xoubas grandeiras para conservalas uns días en limón, receita que eu modifiquei ata a converter no ceviche particular que moito me sabe. A matriarca de catro xeracións fixo a viaxe definitiva un día da Virxe do Carme, como signo especial para unha servidora do mar.

Co seu recordo quero louvar as mulleres rianxeiras do mar e da casa. As que foron nais, mulleres dos seus homes e heroínas da ribeira. Elas resultaron ser anónimas dúas veces.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

Publicado en Guadalupe Rianxo, Setembro 2016

DIVERSIDADE SEXUAL NAS AULAS

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Pídenme unha visión do tratamento da diversidade sexual na aula de secundaria durante a ditadura e enfróntome a unha reflexión importante para someter a crítica o que se vía normal e non o era. Empecei a traballar no 1960 e estiven no mundo rural -agás un curso- ata 1975. Neste habitat crebábase normalmente a segregación por xéneros e a escola era mixta. Así, a diversidade sexual era mínima na aula, pois había nenas e nenos cuxa convivencia había que harmonizar na práctica, inda que os programas non fosen os mesmos. Nas outras unitarias e graduadas non había nin esa convivencia dual. Outra diversidade sexual nunha época de represión non estaba contemplada nos contidos da educación nin na acción pedagóxica. Máis aló da traxedia persoal de sufrir o silencio dunha identidade diferente, como na aula non se producían conflitos, non existía o problema. E non habendo problemas, non había que atallalos. O conflito xorde na sociedade máis libre, cando se fala abertamente e cadaquén empeza a situarse no lugar que lle corresponde. De que os demais acepten ou non esta elección ou inclinación persoal, depende a atención que se lle preste, porque hai que atacar o acoso que tanta dor produce e tan traxicamente pode acabar. Ningunha lei educativa asumiu aínda esa realidade para metela nos seus contidos. A tan necesaria como deostada “Educación para a cidadanía” introducía a diversidade sexual nos obxectivos de aprendizaxe e este foi o seu talón de Aquiles. Como a realidade é moi teimuda agora hai que vir lexislando detrás para atallar os problemas de convivencia e vaise facer por autonomías. O pleno da Asamblea de Madrid vén de aprobar por unanimidade unha lei de protección integral contra a discriminación por diversidade sexual e de xénero.

Do meu traballo no mundo rural non encontro indicadores de que houbese ninguén que manifestase desacomodo co patrón establecido. Se rastreo na experiencia do traballo urbano, xa en democracia, si atopo indicios de diferencias encaixables na clasificación plural que pode ter representación nas aulas. Como tampouco non houbo conflito explícito, non houbo necesidade de ningún tratamento. Teño que engadir que a maior parte da miña acción pedagóxica foi en centros públicos que, excepcionalmente, só tiñan alumnado feminino, como se o meu traballo fose camiñando ao revés da evolución integradora. E é bo telo en conta porque a diversidade sexual feminina foi inda máis ocultada. Vexo na distancia que tiven unha adolescente que se debía sentir rapaz, mais non pasou dunha observación que hoxe me indica algo, pero non daquela. É posible que nalgunhas amizades mutuas femininas subxacese algo máis que ese sentimento amical, mais a ausencia de manifestacións públicas doutra clase de afectos imposibilita calquera xuízo. Hoxe sei, porque somos amigas, que algunhas daquelas adolescentes eran lesbianas. O silencio e o disimulo da ditadura inda campaban no ano 2000 impedindo que se mostrase conflito.

Publicado en El Correo Gallego (30-07-16)

 

 

 

CELEBRACIÓNS TAURINAS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Arguméntase contra as persoas abolicionistas das touradas que o animal morre con dignidade porque se lle permite defenderse. As defensas dun touro nunha praza coutada, enganado por un pano rubio e ante un “destro” ou “matador” ben entrenado para un oficio que chegan a chamar “arte”, son mínimas. Non obstante, hai algún que logra defenderse coas súas armas: as cornas que penetran como espadas no tecido corporal do adversario humano e poden causarlle a morte. Tristemente, acaba de pasar. En boa lide, era unha loita na que un dos contrincantes acabaría morto. Lamentando moito calquera morte humana, e máis a de quen ten vivido pouco tempo, non está demais constatar que este é un espectáculo sanguiñento que fai sufrir sempre a un animal e que pode converterse nun exercicio mortal para un humano.

ToureiroTristemente, a vida ten unha lidia metafórica diaria para buscar a supervivencia da que uns saen mellor parados que outros. Morren persoas en accidente laboral cumprindo o servizo encomendado, en transportes para dirixirse ao traballo e nas actividades de espalecemento e ocio ás que todos debiamos ter dereito. Como todas as vidas valen o mesmo, só deberan ser consideradas excepcionais e sobranceadas aquelas nas que quen morre o fai en circunstancias de gran xenerosidade co próximo, como é pretender salvar a vida dun semellante. E mesmo a das mulleres asasinadas polo oficio de ser muller a quen un home pretende ter sometida á súa vontade e ante o que están indefensas convivindo co maior dos terrorismos.

Hai tradicións e festexos que deben ser revisados. No transcurso do tempo, o pensamento máis civilizado vai avanzando cara ao respecto polos dereitos humanos e tamén os dos animais, entre os que o primeiro é non sufriren maltrato. Os touros son as grandes vítimas da vella superioridade humana que precisa demostrar quen é o que domina. Nalgúns territorios ibéricos o verán é propicio para sacalos á rúa en  divertimento despiadado, moi nomeadamente dos homes que bregan con eles como artífices da fazaña, pero tamén dun público moi  entusiasta das súas tradicións que tan lamentable vitorea o feito. Unha destas tradicións que foi parcialmente paliada é a de “El toro de la Vega”, que xa non morrerá alanceado. O Ajuntament de València vén tamén de prohibir os touros embolados, ardendo polas cornas, que inda seguen saíndo noutros lugares así como os acosados ata lanzárense ao mar ou os que son arrastrados por un adival. Outras veces son os homes quen corren diante deles como nos sanfermíns, festa moi coñecida no mundo. O perigo ao que se expoñen os corredores enfebrecidos produce adrenalina e testosterona que van medrando co alcohol. A mestura non é un perigo para os touros, senón para as mulleres, que hogano denunciaron agresións sexuais en maior medida que nos anteriores. Pode ser que vaia en aumento o desmadre masculino, pero tamén que elas se atrevan a facer públicas agresións que ocultaban. Os touros non son culpables.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Publicado en El Correo Gallego (15-07-16)