AS RAÍCES DAS FOSAS COMÚNS

#fotopoemas

#poesiaminima

#haikus

 

Converte a terra

os osos fusilados

en raíz propia.

 

(Excavación actual da fosa común de Santa Mariña de Lagostelle en Guitiriz pola ARDF Franquismo)

Advertisements

MADAS VIOLADORAS

SANYO DIGITAL CAMERA

Sendo eu nena, veu servir a Becerreá unha mociña naviega. Non recordo a quen servía, pero dou fe do impacto que causou na vila que nun baile un mozo lle puxera algo na bebida e a partir daquel momento fose forzada por unha mada de veciños en rea, mentres a tiñan metida nun coche. O pobo estaba moi alborotado, pero máis polo morbo que pola infamia. Porque o feito quedou sen castigo e ela marchou marcada de por vida. Era moi guapa e en Madrid tomou porte de muller elegante, tanto que veu algún día pasear pola feira da vila para que todo o mundo a admirara con envexa. Foi a súa pobre vinganza, pero deuse ese gusto e fixo ben.

Como puido pasar algo así sen ser xulgado? Que clase de sociedade puido aceptar un feito mesmo antinatura no que a castigada foi ela? Era o franquismo, claro, aquel exemplar franquismo que só vía delictos onde non os había, aquel réxime que mandaba ao cárcere por recolleren os labegos  a herba seca un domingo con alerta de tronada.

Por iso me rebela a xustiza inaceptable nun estado que se di de dereito ante outras madas que se comportan como bestas forzando unha moza ata a ignominia de a pasar en rea pola arma da entreperna pensando que é a súa fonte de poder e de debilidade dela. Por iso creo que estamos facendo moi mal se non educamos os homes para que permitan ser libres as mulleres, para que deixen de pensar que lles pertencemos. Hai que preparar homes que constrúan o que chamaba o profesor de Fundamentos Biolóxicos da Educación da Complutense a “antropoloxía ortostática”:  a cabeza encima do corazón e ambos enriba do sexo. Nunha mada de homes que se xuntan para forzar unha muller debería haber algún que soubese reflexionar antes sobre a relación entres as persoas, pero van todos a unha como touros de parada. Unha rea de homes esperando por turno para penetrar a unha muller aturdida, avergoñada e anulada é algo tan anómalo que non se dá nin entre os animais que só guía o seu instinto.

Déixense xuíces ou xuízas de elocubrar se ela estaba borracha ou se gozaba corda nese espectáculo noxento pasándoo divino. Se a lei non vale, promovan o seu cambio. E mentres non pode chegar a educación –que é fundamental se vai ben impartida- actúen as súas señorías como a sociedade lles demanda que o fagan: con exemplaridade suficiente para que non se repita mañá ou pasado outra atrocidade destas.