CUESTIONARIO PARA A RADIO GALEGA (04-08-09)

 

1.     Un lugar para pasear

Dos que podo acceder doadamente, a Serra dos Ancares, as praias de Lugo e as Illas do Parque Atlántico. Do que queda lonxe, as beiras do lago Bled en Eslovenia ou algún fiordo noruegués.

 2.     Un motivo para facer o que fai

Hoxe estou moi ocupada coa Fundación Rosalía de Castro, que case esgota o meu tempo. A razón pola que fago este esforzo é pagar con algo da miña xenerosidade a de tantos traballadores da cultura que, incluso de forma anónima, me axudaron a ser o que son.

 3.     A que lle gustaría dedicarse de non facer o que fai?

A intérprete musical coa voz ou co piano, a compoñer música ou a dirixir unha orquestra sinfónica ou un gran coro.

 4.     Que episodio ou acontecemento da historia da cultura lle resulta máis suxerente?

É moi difícil elixir un acontecemento isolado. Por empatía co meu xénero e polo que supuxo para a nosa dignidade, e da do mundo, voume quedar coa conquista do voto feminino.

 5.     Que parte da historia da cultura galega reescribiría? Como a reescribiría?

Os nosos séculos escuros. Reescribiríaa facendo que se conservase a lingua coa normalidade que non tivo e que lle custará acadar, e que continuase, en momentos tan importantes para a cultura como o Renacemento e o Barroco, aquela produción poética medieval que sorprendera a Europa.

 6.     Con que personaxe de ficción simpatiza?

Co Principiño de Saint Exupéry pola súa fidelidade ao amor ausente e pola súa sabedoría inxenua.

 7.     Que protagonista ou feito histórico cre que está esquecido e debería recuperarse?

Xa non está tan esquecido, pero si querería que se recuperase de verdade o que demos en chamar “Memoria histórica”, ese personaxe coral que constitúen os milleiros de mortos desaparecidos para que aflorasen os seus nomes e as familias puidesen enterralos.

 8.     Fai turismo cultural?

Si. Sempre que podo. Sigo a máxima dos nosos devanceiros: “Pra saber, ou ver ou ler”. Pero non fago turismo con guías. Déixome levar pola intuición e polas emocións. Non me interesan os datos senón as miñas percecións. E interésame moito visitar restos arqueolóxicos.

 9.     Queremos pensar. Que obra (literaria, de investigación, musical, artística…) nos aconsellaría? Por que?

Volvo aos clásicos, que son fonte permanente de pracer intelectual. Para ler, “Follas novas”, de Rosalía, pola audacia temática e formal, pola profundidade enigmática, pola solidariedade que destila e pola actualidade que fai que se conserve un libro fresco. E para escoitar, o “Requiem” de Mozart, que me parece o cume da beleza sonora que, a través da emoción, descobre o misterio da vida e da morte.

 10.Que lle gustaría conmemorar tal día coma hoxe do ano 2019?

O triunfo da tolerancia e o final de todas as violencias: contra as mulleres, contra a infancia, contra os pobres, contra as linguas, contra os pobos, contra o estranxeiro e contra calquera diferencia.

ENTREVISTA SOBRE “AS HEDRAS DA CLEPSIDRA” (1992)

 

AO SE CUMPRIR 21 ANOS DE  TER GAÑADO CON ESTE POEMARIO O PREMIO “EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN”, RECUPERO ESTA ENTREVISTA CONCEDIDA DAQUELA AO ALUMNADO DO INSTITUTO DE PADRÓN.

P.-¿Como caracterizaría a obra gañadora?

 R.-Dos grandes temas nos que se move o canto lírico -no dicir de Carmen Martín Gaite: amor, tempo e olvido- NAS HEDRAS DA CLEPSIDRA trata fundamentalmente o tempo. Eu quixen recuperar os dous primeiros tramos da miña vida, a infancia e a adolescencia de maneira que o libro é un poemario de recuperación emocional. Ata chegar a el, viña expresándome por medio dunha poesía elexíaca fronte a perda das cousas e fronte ó futuro. Agora intentei unha actualización das grandes impresións do pasado para incorporalas definitivamente, nun desexo panteísta, á aspiración da eternidade.

Creo, polo tanto, que se trata dunha obra rupturista. E conseguino -non me foi nada doado- despois de atopar unha nova dimensión da voz lírica, xa non só nos temas senón tamén no ritmo. Un poeta non pode ancorarse na unidirección porque sería como escribir sempre o mesmo libro. O difícil vai ser volver a romper agora cara un traballo novo.

P.-¿Vive a poesía un bo momento da nosa Literatura?

R.-Creo que si. A poesía galega adquiriu unha expresión de gran altura, homologable coa de  calquera outra poesía. Pero isto non só é de hoxe. Gozamos de grandes autores desde a lírica medieval e temos a exemplaridade dos grandes clásicos. Quizabes por iso nos é máis doado acadar cotas máis altas que noutros xéneros que conta con menor tradición entre nós.

P.-¿Que autores e obras actuais salientaría?

R.-Admiro a moitos dos meus contemporáneos e aínda dos máis novos. Pero voume limitar a un autor e a unha obra. Creo que ambos son magníficos. Antón Avilés de Taramancos e o poemario CANTOS CAUCANOS. A expresividade e a forza do seu verso, o poder evocador das palabras, a integración das culturas, a capacidade plástica e sonora, a riqueza vivencial… Creo que é un libro extraordinario.

P.-¿Que valoración fai da obra de Eusebio Lorenzo Baleirón?

R.-Tiven a sorte de coñecer a Eusebio e isto fai que vexa a súa obra máis de cerca e con moita simpatía. Somos, ademais, poetas de parecida sensibilidade. O meu primeiro libro (ALALAS, 1972) era un canto elexíaco. Eu tiña durante a súa xénese unha idade aproximada á do Eusebio de A MORTE PRESENTIDA. Ben sei que en Eusebio o presentimento era real, pero en min non era tampouco unha mera postura estética. Estas vivencias, compartidas dalgún xeito, aproximan afectivamente o

s poetas. Hai na nosa obra moitísimas palabras comúns, moitas intuicións parellas. E mesmo certas recorrencias como o mar, o gallope dos poldros, a trasparencia…

Creo que Eusebio foi un grande poeta, un poeta que colleitou sazonadísimos frutos en moi pouco tempo.

P.-¿Hai algúns versos do escritor que vostede lembre especialmente?

R.-Gústanme moito os poemas do libro que cito. Hai un que eu sitúo por riba dos outros, o que lle adica a Flavia, cando cumpre o primeiro ano:

 

Serás sombra da árbore máis vella

como o fruto da terra,

necesario,

temperán e mol.

Serás o su lentor que espesa o suco

para que abrolle o pan que semeamos.

O mundo teimará en cousas de morte,

en pavillóns de usura abandonado

e eu andarei perdido polos libros

coma aquel poldro cego das montañas,

unha breve lembranza do poema

que se comprace en ti.

Na xenerosa luz deste mencer

que agallopan cabalos de silencio

sinto o ritmo das fontes,

o medrar das cerdeiras

e o peso tenro

dos teus ollos

no gastado metal da miña voz.