ASASINADAS

 

Porque o tempo que eslima cabe nós

con arrecendos doces doutros días felices

-canela, philadelphus, ramo de azahar, xasmíns, lilas e lirios-

tamén deixa marcarlle a melodía

e mesmo harmonizar o que el escribe

cando vén a traxedia e debe compartirse en elexía.

 

Pois toda a carne feminina é unha

e unha terá que ser primeiro a dor,

despois a rebeldía.

 

APRENDER A LINGUA (MATERNA)

Ante unha foto de Marilyn cun precioso abrigo beixe, viaxo ao taller familiar onde axudei aprendendo o oficio da costura. Na época que evoco, os abrigos das mulleres eran soltos (ensanchando a caída desde os ombreiros ) ou entallados (axustados á cintura e nesgados abaixo). As chaquetas dos homes, redondas ou de traspaso. Así foi como aprendín as dicotomías sen saber o seu nome. Así é como aprendín o vocabulario que  daquela me bastaba para enterme co mundo, inda que máis tarde tivera que aprenderlle novos significados.

A miña adquisión idiomática está unida ao taller de costura. A palabra vistas non era a panorámica que se podía divisar desde un lugar privilexiado, senón unha parte dos dianteiros da chaqueta. Baixos non eran nin cantantes de voz grave nin a primeira planta dos edificios, senón o fondo das prendas. E podería dicir o mesmo de calado de cantos, forrar pasamáns, punta de gabián ou picar peitos.

As linguas apréndense uníndoas ao contexto das actividades da familia, da concorrencia de compañías afectivas e lúdicas, das características do medio socioeconómico e ambiental. Con estas palabras vaise construíndo interiormente o esqueleto do mundo. Despois, coa apertura doutras aprendizaxes, complétanse, arriquécense e xa nos serven para entendérmonos con outros falantes dese mesmo idioma que tivesen percepcións iniciais ben diferentes. Durante este proceso, ten cabida a aprendizaxe doutra(s) lingua(s), feito que aumentará a nosa capacidade de relación.

A familia é fundamental na aprendizaxe dun idioma porque a comunicación entre os seus membros ten moita carga emocional e o uso da palabra está fortemente motivado pola comunicación das necesidades. Pobre daquela criatura á que lle fagan crer, por activa ou por pasiva, que a lingua da súa casa é menos valiosa que outra que lle poñan de modelo para se entender cos demais! Por esa intervención infame, un falante pode perder a súa primeira lingua, porque esa idea interfire, se non hai un apoio consciente que a equilibre, incluso en seguir falándoa cos seus. Non hai nada máis anómalo na comunicación que o feito de que na casa se falen idiomas diferentes por franxas de idade, que as nenas e os nenos se dirixan aos seus proxenitores nunha lingua diferente á que estes falan entre si, maiormente se a lingua primeira ten presencia natural na sociedade. E cando unha sociedade, como é a nosa, acepta con toda normalidade ou mesmo provoca que pase isto, hai que pensar que perdeu moito en saúde social.