9. ESPIDO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
A antuca vírase sempre vestida con ampla saia negra, ora pregada polas dobreces que organizaran as variñas, ora aberta sostida por un merinaque armado capaz de deter o sol e a chuvia. O sol molestábaa seco, deslumbrante, monótono, ferínte… A chuvia viña fría, pero amable. Traía ese tambor que anima o paso, a humidade que dulcifica canto toca, a atmosfera gris que fai andar de présa e gorecerse. O máis bonito da chuvia era que lle permitía soltar pingas como bágoas que non eran choradas. Era pudorosa, pero gustábanlle as cóxegas masculinas do vento  E cando pasou un vento paixonal que lle arrancou a saia, o merinaque e a colleu brutalmente marcándolle cintura, ela viuse obra de arte. Era case un espido a non ser pola humilde minisaia colorada na que sequera tiña reparado.

 

REFLEXO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Medrara na ribeira sentindo o olor do mar, a lenidade dos paxaros e as historias da mariñería que contaban os xubilados tomando o sol no banco. Botaba en falta sentir as pisadas dos humanos, as rodas das bicicletas, a velocidade dos patíns, o tacto dos balóns ao rebotaren… Tamén lle gustaría xogar á escondedela para ser e non ser. Estaba canso de agardar polo aire, de se acanear nel, de servirlles ás pingas de escaleira. Un día que mirou como caía a chuvia en segundas do seu colo, viu que estaba no chan, onde quería estar, ser e non ser, e sentir as pisadas dos humanos…

6. ALFAIA

IMG_5351a
A auga estaba chea de subir e baixar, de nacer e morrer, de estar quieta e de andar, de estar soa e habitada, de pintar de azul e dar transparencia, de expresar risa e dor, de ser imprescindible e malgastada, de ser sagrada e libre… De limpar, de cocer, de estar sápida e insípida, de apagar lume, de ser forza bruta. E, sobre todo, de buscar todas as formas da beleza. Dixo unha tarde que levaba toda a vida no sarillo da vida desde moito antes da vida e que quería ser outra cousa. E nesa tarde, co canto do paxaro, converteuse en alfaia.

5. BARCO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Primeiro trouxeron o poste e plantárono como unha árbore inerte. Despois aseguraron nel un cabo para que circulase a rapidez invisible. Máis tarde edificaron ao seu carón unha casa e os operarios deixaron unha fochanca que se supoñía eterna. Finalmente choveu, choveu e choveu. Daquela obrouse o miragre da aparición dun barco que se dispón a marchar para unha ribeira libre.

MOEDA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O construtor fixo oco ao rosetón que os vidreiros adornaron con todas as colores ata encheren a igrexa de luz tornasolada. Mais tamén era un ollo vixiante de como o ben das almas se poñía alí á venda, e pasaban os dezmos e as primicias que espantaban todo aquel esplendor. Foi el o que rezou para ser fiestra pecha, para non enteirarse de tal mercadoría. Despois caeu na conta de que, como castigo, lle impuxeran de paso fasquía de moeda.