Dona Clara, matriarca que quería toda a familia gobernada ao seu xeito, tivo dous desgustos coa prole: parte veu marcada por unha enfermidade dexenerativa e outra apareceu nas súas antípodas ideolóxicas. Inda ben que tiña sucesión suficiente para que alguén se lle mantivera fiel.
Á primeira neta da rebeldía antibautismo ela chamoulle Morita. Tratábaa con cariño, pero non se apeou daquel nome ata ser vella conservando todo o sentido, sentirse chamada desde o máis aló e ver que non había quen se ocupase dos precisados de coidado.
Cando apareceu pola porta aquela coidadora de pel escura e pano islámico á cabeza, deuse conta de que debía chamar a Morita como era debido para non tentar a sorte. Ao cabo, Ilduara non soaba mal e era o nome dunha santa.