5. BARCO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Primeiro trouxeron o poste e plantárono como unha árbore inerte. Despois aseguraron nel un cabo para que circulase a rapidez invisible. Máis tarde edificaron ao seu carón unha casa e os operarios deixaron unha fochanca que se supoñía eterna. Finalmente choveu, choveu e choveu. Daquela obrouse o miragre da aparición dun barco que se dispón a marchar para unha ribeira libre.

Advertisements

MOEDA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O construtor fixo oco ao rosetón que os vidreiros adornaron con todas as colores ata encheren a igrexa de luz tornasolada. Mais tamén era un ollo vixiante de como o ben das almas se poñía alí á venda, e pasaban os dezmos e as primicias que espantaban todo aquel esplendor. Foi el o que rezou para ser fiestra pecha, para non enteirarse de tal mercadoría. Despois caeu na conta de que, como castigo, lle impuxeran de paso fasquía de moeda.

3. POEMARIO

OLYMPUS DIGITAL CAMERACando chegou á adolescencia, sentiu rozar a casca da súa pel de xeito novedoso. E soubo así que o amor se lle achegaba agurgullando como a auga das fontes. Nas tardes de paseo das parellas máis novas notou que aquel amor deixaba cicatrices tamén na súa pel, que co tempo medraban igual que ela medraba, como medraron sempre as cicatrices que vai deixando o amor ata se converter nun poemario.

2. FIGUEIRA

10695151_4675684225767_1221636603_nTivo que estar no chan para cumprir o seu desexo en vida. Na beira da alameda, xa tumbada, fórona transformando o pés dos transeúntes alleos á ambición da afortunada folla de plátano de sombra que sempre quixo ser dunha figueira. Cantas veces as persoas que nos pisan colaboran connosco a conseguirmos soños imposibles. Cantas veces os soños imposibles se cumpren a pesar de que pasou o tempo de que fosen.

SENTIDOS

IMG_4531Se a mañá me parecía tocada nun piano por señardosa, oio a noite executada nun violoncelo que sementa buguinazos entre a brétema do océano. Podo explicar a vida con música e aromas. Os ollos non son máis que os encargados de volvernos a unha realidade máis complexa, pero non máis ricaz. Nos sons e nos olores vive todo. Seica aos mortos tardan en desactivárselles esas percepcións da memoria, tanto que son recordadas polos ósos. ¡Pobres dos ósos que recorden perdidos o son dun disparo e o cheirume da pólvora.

1. CRUCEIRO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Xeralmente atópase nunha encrucillada de camiños.

Perdeu totalmente os valores estéticos e simbólicos, así como a nobreza do material de construción e a independencia do contorno, ao que está suxeito por unha arañeira cableada de gran distancia.

Gañou en claridade, axilidade e eficacia no envío das mensaxes, así como na precisión dos seus destinatarios, servíndollelas a domicilio para que non teñan que desprazarse a visitalo.

A MAN DA CERVA (memoria lendaria dos castelos d’Os Ancares)

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

No castelo de Doiras, en tempos que xa ninguén acorda que os acorde ninguén, vivía o nobre Froiaz con dous fillos mozos, Aldara e Egas, que tiñan amigos noutros castelos de redonda. No de Doncos, estaba Airas, que os visitaba a miúdo porque quedaba máis cerca e mesmo levaba ás veces a súa irmá Xilvira. E no de Torés tiñan a Ero, co que se vían só nas festas importantes.

Airas e Ero andaban namorados de Aldara, pero ela non acababa de decidir con cal debía casar, pois os dous eran moi feitos. E diso se aconsellaba con seu irmán cando facían cabalgadas que podían chegar ata Degrada ou á Fonte dos Namorados. E tamén cando ían por soutos e prados ás herbas medicinais. Saían case sempre xuntos, aínda que algunhas veces se separaban porque as súas afeccións non eran as mesmas. A Aldara non lle gustaba ir de caza e Airas debecía por traer á cociña unha pita do monte, un atado de perdices e pombos, un xabaril, un porco bravo ou mesmo unha boa lebre. Á doncela, o que lle gustaba era pasear demoradamente ao pé do río que pasaba cerca do castelo e apañar polos prados flores de cada tempo, coma tal anémonas, xanzás e narcisos. Froiaz tiña avisado a ambos fillos de que tivesen coidado, pero maiormente a Aldara a quen lle falaba dos encantos, pois era unha rapaza moi fermosa e perigaba con eles.

Un serán que tiñan asado un porco bravo para a cea non apareceu Aldara á súa hora. Fóronse preguntando quen a vira e chamárona polos recantos do castelo, pero non houbo maneira de atopala. Ao día seguinte, erguéronse co galo para a buscar polos arredores, pois un gardador da porta recordou que a vira por última vez á media tarde, camiño do río, vestida de branco e cun queipiño na man. Xuntáronse os criados mandados por Froiaz e fixeron aquela ruta mirando con moito coidado baixo das árbores, entre os sebeados e no leito do río. Pero non a atoparon nada que llela recordase.

Daquela, Froiaz mandou os servidores máis fieis cos cabalos máis rápidos aos dous castelos amigos para lles comunicar tan triste nova e pedir axuda. E canda eles volveron Airas e Ero acompañados dos mozos máis valentes e capaces de buscar noite e día. En Doiras puxéronse ao servizo de Egas por ver se atopaban a Aldara ou algún rastro dela nos lugares que adoitaban visitar. Pero parecía que a tragara a terra ou que nunca tivese existido tan fermosa rapaza.

Nos tres castelos doeu moito a súa perda e nos arredores plantouse cadansúa nogueira co nome de Aldara gravado na pel. As nogueiras medraron e o tempo foi pasando ata que acabaron resignándose á súa perda. Só no de Doiras se levaba cada mañá un vasiño de leite recén muxido á mesiña da súa habitación, como se aínda existise. Na primavera e no verán, canda o leite, levaban tamén as flores preferidas da docenla.

Cando Froiaz era velliño, unha tarde saíu Egas velar a pita do monte e conseguiu cazar unha. Volvía para a casa cavilando no que lle gustaría a seu pai comer un coxote amañado con mazás, cando se cruzou no seu camiño unha cerva moi branca. Egas non tiña pensado tirarlle, que viña canso, pero ela embelecábaselle nas pernas, como se quixese que el lle apuntase. E ante a insistencia, preparou a escopeta e disparou. A cerva quedou tendida riba da follaxe. Egas non podía levala e, como mostra para ensinarlle a seu pai, cortoulle co coitelo a unlla dunha pata dianteira e meteuna no morral como trofeo.

Ao chegar á casa, foi á habitación de Froiaz para dicirlle o que cazara aquela tarde e preguntarlle se o podería acompañar ao día seguinte para cobraren a cerva enteira. A sorpresa de ambos foi descubrir que, en vez da unlla da cerva, o que había gardado era a man branquísima dunha doncela adornada cun anel de ouro que levaba a letra A con preciosas filigranas. O pai recoñeceuno de contado, pois regalárallo el á súa querida Aldara.

Non agardaron ao día seguinte. Había luar e non sería difícil atopar a cerva onde Egas dicía que a deixara. E pronto atoparon o sitio, mais non a cerva. No chan estaba tendido o corpo dunha muller fermosísima manca dunha man e vestida de branco, cunha rosa de sangue no lugar correspondente a un tiro de cazador ben apuntado. Trouxérona ao castelo e recoñeceron a Aldara que, sen dúbida, fora enganada por algún encanto e só puido recobrar a súa condición de moza cando alguén lle deu a morte.

Froiaz volveu mandar recado aos castelos amigos e deles acudiron ao enterro de Aldara baixo da nogueira, que secou aquel día triste.