OS COGOMELOS E O AMOR

SANYO DIGITAL CAMERA

Moito levo matinado sobre o feito de que os cogomelos e o amor teñan tantos aspectos en común, empezando por seren ambas realidades fermosas, terriblemente tentadoras, fuxidías, enigmáticas e ventureiras.

Non sei se pola cercanía que adoitan manter Eros e Tánatos, a observación minuciosa do mundo dos cogomelos e a súa perigosidade podería servir de referencia para que os humanos se amostren cautos polas lides do amor e se comporten asisados na entrega erótica, usando esa prudencia e discreción que se ven recomendando desde todos os tempos.

Os escritores galegos, quizabes polo pouco trato que ten tido a nosa cultura co reino micetal, foron moi parcos en se valeren das setas como materia literaria. Mais, como non está todo dito, agora que o reino micetal gaña protagonismo é chegado o tempo de que os seres que embelecen a morte da natureza atopen entre nós algún poeta, muller ou home, que os cante como símbolo do amor, aínda que sexa elexíaco. Mentres non aparece, reparen en cantas cousas se parecen o amor e os cogomelos.

Saes ao seu encontro apetrechada de navalla, cesto e caxato, e non dás con eles por máis que o intentes nin sequera no sitio onde as agardabas ver; pero un día vas desprevenido e aparécenche á beira do camiño de rotina, como saudándote, cando non vas en condicións de os recoller nin sequera de te parares a gozar da súa presenza. Porque, a pesar das regras comprobadas polos estudiosos verbo da aparición case floral que xorde dun micelio oculto, nun medio case predeterminado e nunha época moi concreta, os cogomelos poden aparecer cando e onde queren, non poucas veces fóra do habitat previsible e da estación habitual. Ademais disto, nin a súa beleza nin o seu atractivo se corresponde coa bondade interior, pois as cores, os aromas e mesmo os delicados sabores unha vez disfrutados poden volverse mortais para os incautos. Pola contra, hai cogomelos tan et feos e deformes que resultan deliciosos para o padal dos gourmets que non se fían só das aparencias.

Aínda con aspecto magnífico, doado recoñecemento e probados valores gastronómicos, podes chegar tarde á túa cita e atopar a marabillosa aparición corroída por vermes diminutos que converteron a delicia en inmundicia velada. Aí van as esperanzas e aquí chega o desencanto.

E que dicir do ciumento que se vira o descubridor dunha cogomeleira? Poucos namorados gardan o obxecto do seu amor con tanto sixilo e ansia de posesión como quen ten descuberto un recanto especial do que manan seres marabillosos e o desexa para a súa exclusiva propiedade, aínda que en usufruto de terra allea.

Tamén é transferible ao amor o comportamento que debe adopatarse perante a súa consumación, de non ter o convencemento de que se sabe recoñecer. Para non correr riscos, debémonos conformar coa admiración polos sentidos máis externos a unha certa distancia e gozar da fermosura sen chegar a sermos destruídos na fatal atracción da pezoña invisible.

Esta relación dos cogomelos co amor pode ampliarse á que gardan coa amizade. Non hai amizade que supere á que se oculta tras do feito de sentarse nunha mesa de banquete micolóxico recollido polo anfitrión. Cando alguén me demostra tal confianza, méteme algo de medo e asústame asumir esa responsabilidade. Pero nunca renuncio a aderezar para as miñas amistades o delicado peperete, precisamente en honra a esa confianza diante dun reto cos teus sentidos. De todos modos, o meu consello é que vostede se prepare para recoñecelos en por si e participe en apañalos ou, cando menos, na comprobación dos cogomelos que vaia compartir nunha mesa.

Xa que logo, se o animou esta pequena disquisición, bótese ao monte co meguiño e o caxato na man, dando por feito que vai haber deleite entre herbas, piñeiros, castiñeiros e carballos. Matine en diseccionar olores, sabores, texturas, cores… En degustar por separado e por xunto, e mesmo en recibir as felicitacións dalgún achado novo nas receitas que lle presente a esa xente que se fía de vostede. Cavile no acompañamento, viño e sobremesa… No caso dos boletos, que son dos primeiros cogomelos en apareceren, adiante os aromas que desprenden no proceso de preparación, a textura xelatinosa pero suave no padal, o grao de suntuosidade que lles prestan determinadas especias, como tal a noz moscada, a sutileza que lles outorgan unhas pingas de limón e un xorro de bo albariño, o contraste de color e embocadura que lles engade o perixel, o crocante dunha fritura con só os emborcar en pan rilado ou fariña milla…

Comer cogomelos é unha cerimonia complexa onde todo axuda a percibir a ambrosía que xa podemos adiantar ao ir buscalos. O peor é se nestas damos cun libro que leva por título Andrés Escobar. Modus confitendi. Manual para la confesión (Segovia, Juan Párix, c.1473) e chegamos lendo ao apartado que lle dedica o insigne teólogo a esburgar na culpabilidade da gula: Da mesma maneira cometín un pecado (…) pois procurei ter suntuosos manxares e bebidas para o deleite da carne. Frecuentei as tabernas e nos sabores das comidas e bebidas atopei pracer.

Porque, desgraciadamente, xa teremos pecado antes de nos poñermos a catar o que apañamos.

De O sabor da terra

VALDI, “CHAIREGO DE HONRA” 2016

 

Valdi foi nomeado hoxe en Vilalba Chairego de Honra, unha distinción que conceden  Xermolos e Irmandade Manuel María:

O noso gusto sería estar hoxe co home bo e comprometido con esa terra  -e con toda a Terra-, e un artista xeneroso capaz de darlle forma á materia para prestarlle servizo cultural ao seu pobo. O “Paseo dos Soños”, onde colocou figuras conmemorativas para resaltar o labor de  homes e mulleres da cultura… A Memoria Histórica, para a que arrancou da terra chantos cos que facer honra aos desaparecidos do franquismo con quen o tempo foi primeiro asasino e despois inxusto… Valdi estivo e está sempre aí para que prenda a cultura e a dignidade e se conserven na memoria de quen ha vir detrás.

Por razóns de obrigada ausencia, como é a saúde, non puidemos estar en Vilalba esta mañá pero queremos adherirnos a esta máis que merecida homenaxe coa nosa admiración, cariño e agradecemento persoal xunto cos obrigados parabéns que deben acompañar tan feliz acontemento. E as entidades organizadoras recibide tamén os mellores parabéns pola oportunidade na elección deste novo Chairego de Honra e  polo voso empeño en “honra render a quen merece honra” cunha acción que comezastes co benquerido amigo Fiz Vergara Vilariño hai 25 anos e que perdura no tempo con tanta vixencia simbólica como a daquela primeira distinción.

Xesús Rábade Paredes

Helena Villar Janeiro

POBREZA, UNHA E DIVISIBLE

castel7

Na actual economía, a pobreza, demasiado ampla para atacala enteira, fixérona sectorial: enerxética, infantil… É unha maneira de falar, porque a pobreza segue a ser unha e onde se instala aplana todo e é difícil de remover. Aínda así, esta división vale de recurso para lle poñer remendos. A infantil alíviase cos comedores escolares durante o curso e prolongación no verán. A enerxética, con subsidios para poder alumar e quentarse algo de inverno… O ideal sería erradicar a pobreza no seu conxunto dentro dunha sociedade solidaria que repartise mellor os recursos. Pero hoxe son pobres ata os que teñen traballo pagado con soldada miserable ou dependen de contratos por horas ou por días soltos. Superar esta lacra vai ser difícil de camiño a un neoliberalismo salvaxe que pon toda a actividade humana ao servizo dos cartos.

A pobreza é tan vella como a humanidade. Na prehistoria loitábase xa pola posesión do lume, daquela a riqueza potencial. Quen non o tiñan, viñan a ser os pobres. Cando se chegou á escravitude, os pobres perderon a dignidade da persoa converténdose en mercadoría produtora de riqueza. A sociedade civilizada aboliu a escravitude de dereito pero segue a ser explotadora cando a situación llo permite coa globalización no terceiro mundo ou con reformas laborais que someten os traballadores á elección do prato de lentellas: coller o que hai ou deixalo. Ata a emigración se volveu unha arriscada aventura con alto perigo de morte. Os pobres tiveron sempre conciencia de selo, aínda que se manifestase neles de diferente xeito e lle buscasen solucións non sen enxeño. Un dos nosos poetas, Mendiño, era pobre que tal significa o nome co que entrou na historia da Literatura porque era artista. Os nosos paisanos pobres actuaban vestidos de máis pobres ante a xustiza ou a recadación de trabucos, preservando da cobiza engulidora o pouco que posuían. Recordemos a viñeta de Castelao na que o representante do fisco recriminaba duramente a un paisano investigado: “Decías que eras pobre e tiñas unha vaca”. Algunhas crianzas pobres levábanse ás casas grandes onde quedaban de por vida, índa que poucas veces cobrasen soldada. Outros xa eran os pobres de pedir, que andaban de porta en porta e sempre atopaban unha cazolada de caldo e un feixe de palla para durmir a cuberto. Hoxe eses pobres son os “sen teito”.

Publicado en El Correo Gallego (28-08-15)

O VIDEOCLIP

SANYO DIGITAL CAMERA
Anda polo mundo un videoclip con algunhas imaxes de Galicia entrefebradas con ritmo e sensualidade arredor dun Enrique Iglesias tocado con pano gris fradesco que, no mosteiro de Carboeiro e entre fachóns, canta o tema “Noche y día”. Ritmo para noites loucas da mocidade co recorrente retrouso “Hai calor en la ciudad,/ hai calor en la bahía” (a coma é miña) e letra con connotacións pouco galegas. Dos catro minutos e medio que dura este soniquete rave, a Galicia correspóndenlle 45 segundos de tomas exteriores en once lugares, a maioría ao principio e ao final. E fago esta referencia porque a Xunta desembolsou para este vídeo 302.500 euros á discográfica Universal Music Spain en concepto de promoción de Galicia e o feito resultou moi contestado. A primeira interpretación que se lle deu ao gasto era de carácter cultural pola coincidencia coa publicación oficial da contía destinada aos festivais de música desenvoltos en Galicia, que será dun 30,6 % menos. Pero axiña se desfixo o equívoco, porque o diñeiro parece que procede de Turismo coa pretensión de potenciar a nosa capacidade de captación de turismo mundial da man do universal Enrique Iglesias.

O vídeoclip non fixo máis que crear polémica. Os artistas galegos sentíronse maltratados, madia leva. A sociedade en xeral manifestou –sobre todo a través das redes- un franco desacordo con que os nosos cartos se empreguen con esta alegría cando nos din que faltan para cousas moi necesarias. O bispado de Lugo censurou que escenas tan subidas de ton se gravasen nun mosteiro sen o seu consentemento. E Enrique Iglesias retrucou ao do gasto investido pola Xunta na súa persoa que el non cobrara un céntimo, que fora todo parar aos produtores e que bastante favor nos fixera fixándose nunha terra que adora por herdanza –terra do meu pae- cando podía elixir outra que cadrase máis cerca e agradecese a súa xenerosidade.

Para parar os ecos da polémica pídesenos que agardemos polo retorno. Só poderemos avaliar o resultado desta xenerosa inversión cando aumente sensiblemente o turismo. A ver se chegan as fans de Enrique Iglesias atraídas polas vistas de fondo, pero sobre todo polo que a canción ofrece como se fose publicidade caribeña: sol, calor, baía e pouca roupa, xusto o que Galicia non pode ofrecer como destino. Porque aquí precisamos, en tal caso, outra música e outros reclamos.

Publicado en El Correo Gallego (06-3-15)