ENTREVISTA PUBLICADA EN “FERVENZAS LITERARIAS”

http://l.facebook.com/l.php?u=http%3A%2F%2Ffervenzasliterarias.gal%2Findex.php%2Flix%2Fveu-visitarnos%2Fveu-visitarnos-helena-villar-janeiro&h=3AQHF15nr&s=1

Advertisements

POBREZA, UNHA E DIVISIBLE

castel7

Na actual economía, a pobreza, demasiado ampla para atacala enteira, fixérona sectorial: enerxética, infantil… É unha maneira de falar, porque a pobreza segue a ser unha e onde se instala aplana todo e é difícil de remover. Aínda así, esta división vale de recurso para lle poñer remendos. A infantil alíviase cos comedores escolares durante o curso e prolongación no verán. A enerxética, con subsidios para poder alumar e quentarse algo de inverno… O ideal sería erradicar a pobreza no seu conxunto dentro dunha sociedade solidaria que repartise mellor os recursos. Pero hoxe son pobres ata os que teñen traballo pagado con soldada miserable ou dependen de contratos por horas ou por días soltos. Superar esta lacra vai ser difícil de camiño a un neoliberalismo salvaxe que pon toda a actividade humana ao servizo dos cartos.

A pobreza é tan vella como a humanidade. Na prehistoria loitábase xa pola posesión do lume, daquela a riqueza potencial. Quen non o tiñan, viñan a ser os pobres. Cando se chegou á escravitude, os pobres perderon a dignidade da persoa converténdose en mercadoría produtora de riqueza. A sociedade civilizada aboliu a escravitude de dereito pero segue a ser explotadora cando a situación llo permite coa globalización no terceiro mundo ou con reformas laborais que someten os traballadores á elección do prato de lentellas: coller o que hai ou deixalo. Ata a emigración se volveu unha arriscada aventura con alto perigo de morte. Os pobres tiveron sempre conciencia de selo, aínda que se manifestase neles de diferente xeito e lle buscasen solucións non sen enxeño. Un dos nosos poetas, Mendiño, era pobre que tal significa o nome co que entrou na historia da Literatura porque era artista. Os nosos paisanos pobres actuaban vestidos de máis pobres ante a xustiza ou a recadación de trabucos, preservando da cobiza engulidora o pouco que posuían. Recordemos a viñeta de Castelao na que o representante do fisco recriminaba duramente a un paisano investigado: “Decías que eras pobre e tiñas unha vaca”. Algunhas crianzas pobres levábanse ás casas grandes onde quedaban de por vida, índa que poucas veces cobrasen soldada. Outros xa eran os pobres de pedir, que andaban de porta en porta e sempre atopaban unha cazolada de caldo e un feixe de palla para durmir a cuberto. Hoxe eses pobres son os “sen teito”.

Publicado en El Correo Gallego (28-08-15)

O VIDEOCLIP

SANYO DIGITAL CAMERA
Anda polo mundo un videoclip con algunhas imaxes de Galicia entrefebradas con ritmo e sensualidade arredor dun Enrique Iglesias tocado con pano gris fradesco que, no mosteiro de Carboeiro e entre fachóns, canta o tema “Noche y día”. Ritmo para noites loucas da mocidade co recorrente retrouso “Hai calor en la ciudad,/ hai calor en la bahía” (a coma é miña) e letra con connotacións pouco galegas. Dos catro minutos e medio que dura este soniquete rave, a Galicia correspóndenlle 45 segundos de tomas exteriores en once lugares, a maioría ao principio e ao final. E fago esta referencia porque a Xunta desembolsou para este vídeo 302.500 euros á discográfica Universal Music Spain en concepto de promoción de Galicia e o feito resultou moi contestado. A primeira interpretación que se lle deu ao gasto era de carácter cultural pola coincidencia coa publicación oficial da contía destinada aos festivais de música desenvoltos en Galicia, que será dun 30,6 % menos. Pero axiña se desfixo o equívoco, porque o diñeiro parece que procede de Turismo coa pretensión de potenciar a nosa capacidade de captación de turismo mundial da man do universal Enrique Iglesias.

O vídeoclip non fixo máis que crear polémica. Os artistas galegos sentíronse maltratados, madia leva. A sociedade en xeral manifestou –sobre todo a través das redes- un franco desacordo con que os nosos cartos se empreguen con esta alegría cando nos din que faltan para cousas moi necesarias. O bispado de Lugo censurou que escenas tan subidas de ton se gravasen nun mosteiro sen o seu consentemento. E Enrique Iglesias retrucou ao do gasto investido pola Xunta na súa persoa que el non cobrara un céntimo, que fora todo parar aos produtores e que bastante favor nos fixera fixándose nunha terra que adora por herdanza –terra do meu pae- cando podía elixir outra que cadrase máis cerca e agradecese a súa xenerosidade.

Para parar os ecos da polémica pídesenos que agardemos polo retorno. Só poderemos avaliar o resultado desta xenerosa inversión cando aumente sensiblemente o turismo. A ver se chegan as fans de Enrique Iglesias atraídas polas vistas de fondo, pero sobre todo polo que a canción ofrece como se fose publicidade caribeña: sol, calor, baía e pouca roupa, xusto o que Galicia non pode ofrecer como destino. Porque aquí precisamos, en tal caso, outra música e outros reclamos.

Publicado en El Correo Gallego (06-3-15)

“NUMAX”, UN PROXECTO CREATIVO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
A cooperativa NUMAX -tres mozos e unha moza- abrirán unha sala de cinema no centro de Compostela –rúa Concepción Arenal- a comezos do ano que ven. A capital de Galicia terá a única sala independente do país en versión orixinal grazas a un proxecto dos socios procedentes de diversos ámbitos da creación e a difusión cultural. O grupo conta tamén cunha socia colaboradora técnica, Margarita Ledo Andión, cineasta, catedrática, escritora e académica da RAG, que coa súa achega económica contribúe á viabilidade dun proxecto nado como cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro.

Baixo esta forma legal, nun momento no que cómpren iniciativas persoais e colectivas para que a xuventude formada se dedique a aquilo para o que se preparou en profundidade, xorde un proxecto que combina a apertura dunha sala en versión orixinal con librería de Literatura, Arte e Pensamento, e aínda un estudo de deseño gráfico, comunicación e produción audiovisual. Coa cooperación entre as tres áreas, NUMAX quere facer do seu local un lugar de encontro e intercambio para a cidadanía interesada.

A cooperativa de servizos financeiros Coop57 achegaralles un préstamo de 300.000 €, necesarios para construír, equipar e poñer en marcha o proxecto, se o grupo promotor consegue, con avais persoais de entre 1.000 e 5.000€, a totalidade do importe. Hoxe NUMAX conta xa co apoio de 135 avalistas e 252.900€ avalados. Para o último empurrón, inicia a recollida pública de avais, a través do web http://www.numax.org. onde hai información de como facelos efectivos.

Para esta campaña traerá nos próximos días, en función restrinxida para avalistas, o espectáculo NUMAX-FAGOR-PLUS da compañía de Barcelona Roger Bernat/FFF, boa oportunidade de coñecer o local e saudar o inicio do acondicionamento. O espectáculo cruza a experiencia dos traballadores de NUMAX, retratada por Joaquín Jordà no filme “Numax presenta” en 1979, coa dos traballadores de FAGOR, tras a creba da cooperativa de electrodomésticos que puxo na rúa a 1.800 traballadores a finais de 2013. Será a estrea en Galicia, en función pensada especialmente para esta sala, logo de pasar polo KunstenFestivalDesArts de Bruxelas, o Festival Grec de Barcelona, o Festival Mladi Ievi de Liubliana e xusto antes de presentalo no Festival Temps d’Images de París.

Publicado en El Correo Gallego (12-09-14)

 

ENTREVISTA DE MANUEL VIDAL VILLAVERDE

CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS

eN GALICIA HOXE, 2010-11-08

 

 

1.- Helena, as estadísticas, enquisas,fóra do nivel científico, que si

     existe, por regra xeral non constitúen máis que un engano para mo-

     dificar condutas e introducir a confusión no miolo e as intencións

     dos seres humanos, en calquera campo que nos movamos, e moito

     máis no terreo socio-político ad hoc?

 

-Como perdín a inocencia e aprendín moito dos enganos e das maquinacións, adoito analizar moito o que leo e  o que escoito, buscar as posibles motivacións dos diferentes discursos e responder ao vello quid prodest? para os poder valorar sabendo a quen benefician. Verbo das enquisas, ao estar avispada como digo, inquiro con lupa o que quixeron os emisores simular ou disimular con esas cifras, pois os números teñen a capacidade de modificar a realidade moi fácilmente e de enganarnos a todos. Ou sexa que eu non me fío do lobo que amosa a patiña enfariñada por baixo da porta a ver se pasa por ser un panadeiro en apuros como no vello conto da cabra que deixou os sete cabritiños inocentes na casa.

 

2.- A lingua nacional galega, primeiro símbolo identitario de nós, está

      a vivir un proceso perverso, provocado polos colonizadores,

      autocolonizados, lingüófobos e partidos políticos mentiráns, que

      cinicamente se autoproclaman galegos e logo despois o seu labor

     é colaborar co etnocentrismo español devido do castelán, para

      facer desparecer o galego e/ou mesmo encarceralo nun

      parque/museo metafísco como unha reliquia histórica e perversa?

 

-A lingua sempre foi para min unha cuestión vital, porque creo nela e nas súas posibilidades de expresión, e porque foi a mellor herdanza que recibín dos antergos. Como persoa, deféndoa e úsoa en calquera circunstancia e ocasión. Como nai –coa axuda do pai, claro- conseguín transmitírllela aos fillos que a aceptaron como elemento natural constitutivo do seu ser de galegos. Hoxe éncheme de orgullo comprobar que a partir dela chegasen a falar varios idiomas para cando os precisan. Aquel proceder tan coherente non era entendido por quen pensaban que así os estabamos limitando, pero aí queda o exemplo por se valese de algo. Coa lingua propia deste país cadaquén ten que asumir as súas responsabilidades, que as temos: as familias, os profesionais, as institucións e os políticos que deben defendela. O futuro pediralle a cadaquén a súa responsabilidade. Eu non querería por nada do mundo ter participado activamente, e nin sequera ser cómplice, da súa destrución.

     – Helena, onde te sentes máis a gusto, ¿na poesía, no ensaio…?

 

-O medio máis natural da miña expresión literaria é a poesía. A narrativa interésame moito como reto, porque a considero máis difícil. Teño en proxecto unha novela, pero non atopo o tempo de desenvolvela nin a tranquilidade de ánimo para me sentar a escribir sen ser absorbida por asuntos que entorpecen o difícil proceso arquitectónico da súa construción. Como lectora, admiro moito o ensaio, que me parece un xénero tan difícil de construír como interesante. Tamén me gusta o artigo xornalístico, que me obriga a estar pendente do acontecer diario e me permite expresarme con estilo literario. Crea unha especie de obrigatoriedade a prazo, pero unha vez que se empeza a escribir é moi difícil de abandonar.

 

5.- Hai algún libro teu polo que sentas especial agarimo?

 

Sinto especial cariño por uns poucos e por moi variadas razóns. Gárdolles unha querencia moi especial aos libros que escribín con Xesús Rábade Paredes, o meu home, nos inicios do noso casamento, que daquela me deron tantos sinsabores porque a xente pensaba que era el quen os escribía e mos deixaba asinar. Tamén hai motivos para lles ter moito apego ás cancións, aos poemas e aos contos creados para María do Cebreiro e Abelardo cando non había nada no mercado e tiñamos que escribírllelos para os aproximar á nosa literatura e para lles dar ferramentas de adquisición de cultura na súa lingua. Festa do Corpo é un poemario erótico en diálogo con Poldros de música, de Xesús Rábade Paredes, polo que son dous libros con certa singularidade na nosa produción. Outros foron escritos en circunstancias tristes e o seu proceso está moi gravado na miña mente, pero non para lles querer menos, todo o contrario. Simbolos de Galicia. A bandeira, o escudo e o himno naceu canda a frustración dun terceiro embarazo que quixo quedar polo camiño. Recordo aquel original esborranchado polas bágoas e, dalgunha maneira, facelo foi unha grande liberación daquela dor.

 

 

6.- Identifícaste cunha Galicia ou Galiza, independente que dona

      e soberana de si, ou o que é o mesmo: unha República Socialista

      galega, internacionalista e solidaria con todos os pobos do planeta?

 

Identifícome cunha Galicia galega e, para min, a Galicia galega pasa por non estar subordinada a outra cultura e a outros intereses que non sexan os da súa xente. Non fun escolarizada desde os 6 ata os 14 anos. No en tanto, fun traballadora na xastrería de meu pai e educada por el, un republicano que me inculcou moitos valores que non estaban presentes na escola da época e por iso mesmo non me enviaban a ela. Eu coñecín moi noviña a existencia do feminismo e dos vellos ideais  da liberdade, fraternidade e igualdade entre as persoas e os pobos. Son universalista, pero para selo hai que ter os pés chantados e ben chantados nalgún lado e nalgunha cultura. No meu caso é Galicia e a súa lingua. Ser galega é a mellor maneira que eu coñezo para ser solidaria con outros pobos e nacións porque desde aquí podo comprender moitos dos seus problemas, das súas loitas e dos seus desexos.

 

7.- Morrer en Vilanquinte é,alomenos para min, un libro sobranceiro da

     literatura galega, aínda vixente e audaz despois de 30 anos; podes

     flexionar moderato, e se queres in extensum del…?

 

Esa novela, que foi premio Galicia da Universidade de Santiago, está moi influenciada pola biografía de meu pai, xastre e músico, e a vida coral dunha pequena vila na que eu me criei, que fora moi activa nos tempos da República e que sufriu unha dura represión despois. Cando casamos, Suso e mais eu, que non tiveramos moito tempo a nos coñecer durante un breve noivado, contámonos as nosas vidas. Houbo cousas que nos fascinaron a ambos e aí empezou un proceso de reconstrución literaria daquela época que se viu acrecentado pola demencia senil temperá de meu pai e da súa morte. Ás veces non se consegue escribir unha elexía, pero si que se atopa un xeito de levar ao papel episodios e recordos das persoas que perdemos e dos seus espazos vitais para lles ofrendar unha homenaxe. Así foi como se escribiu Morrer en Vilaquinte, unha novela coral na que un acordeón chega tamén a personaxe. Para esa novela fixo unhas preciosas ilustracións Siro López e os seus orixinais están en lugares de honra desta casa. 

 

8.- Cal é,  despois de todo, a túa actitude ou relación cos credos, quero

     dicir relixiosos?

 

Eu son espiritual, sen dúbida, e gústame selo. Mesmo diría que son relixiosa, pero de xeito moi heterodoxo. Non poido aceptar unha relixión que non sexa liberadora de verdade. Que non estea do lado dos pobres e dos desherdados e só se pode estar do lado dos pobres sendo pobre ou, cando menos, non facendo ostentación de riqueza. Que non aspire a ter poderes mundanos para gobernar as conciencias de quen non a teña por súa. Que non sexa suficientemente humilde para aceptar que a súa moral non é a única válida para a sociedade e que ela é a única relixión verdadeira. Tampouco podo aceptar unha relixión que non lles dispense un trato igualitario ás mulleres e aos homes e que siga vendo nas mulleres unha especie de escravas reducidas ao ámbito doméstico dalgún xeito sometidas e reservadas para coidadoras do resto da sociedade familiar. Que teña un deus masculino, un representante masculino na Terra, unha xerarquía masculina na que non se digne admitir a presenza das mulleres como se fosen humanas de segunda categoría.

 

 

9.- A Constitución española, tan ambigua e confusa, con graves

     contradicións nos termos, para o desenvolvemento do noso Estatu-

     to, para o recoñecemento como nación (como primeiro paso)

     dentro dun status confederal ou federal?

 

A Constitución española naceu de, creo recordar, oito pais e ningunha nai. Aínda que só fose por iso, ben merecería unha relectura a ver se as mulleres puidera aportarlle algo na súa maternidade. Bromas a un lado, creo que é hora de lle dar un repasiño e de reparar o que non quedou ben, que as constitucións non son dogmas de fe. Unha das cousas que eu creo imprescindibles é darlles a todas as linguas do Estado o mesmo rango introducindo a obriga de as coñecer nos seus respectivos territorios.

 

10.- Con palabras, Helena, poderías reflexionar verbo do significado do

       tempo e a súa dimensión dentro do espazo que adoitamos ou

       semellamos adoitar?

 

O que máis graza me fai deste sarillo complicado e inexorable que chamamos tempo é a posibilidade de que non exista, de que sexa pura aparencia, de que resulte un efecto da nosa imperfecta e parcial percepción do universo. Sería o colmo que o entramado que deu orixe aos reloxios e ás kalendas, que nos condiciona no ocio e no negocio, que nos encadra historicamente¸ que nos dá un principio e un fin, que nos acaba coa saúde e nos castiga á vellez nin sequera exista. Aparentemente, a evidencia do tempo é das máis palpables. Trae o día e a noite, as estacións do ano, os meses, as semanas, os séculos, as mareas do mar, as fases da Lúa, as eras xeolóxicas, as épocas históricas, o regreso, a modernidade, as crises e as bonanzas. O seu paso ten capacidade lenitiva para a dor e permite que vexamos pasar por diante de nós o cadáver do inimigo. Consegue estresarnos, abrumarnos, divertirnos, ocuparnos, aburrirnos. É unha das grandes dimensións da poesía lírica de “todos os tempos” e desde logo elemento constitutivo da miña propia creación neste xénero. Se ao final non existise, ¡que cacho fiasco!

 

11.- Descrición da luz, vida e soño, cales son para ti as palabras preci-

      sas, tamén in extensum?

 

Os poetas sabemos que as palabras nas nosas mans son moi suxerentes, pero moi pouco precisas. Se por algo se caracteriza o discurso lírico é pola ambigüidade, pola pluralidade de lecturas que pode facer o receptor das nosas mensaxes. Ás veces unha palabra convértese para nós nunha obsesión e empregámola en diferentes contextos pero sempre significando o mesmo. Ese é o noso desexo, pero non quere dicir que así nola interpreten. Xa que logo, a creación prodúcese nunha especie de soño invadido pola luz. Como cando nun faiado que ten un claraboio entra unha luz contaminada pola poeira e se pon a xogar coas cousas dándolles vida, na creación dun poema entra no noso interior unha luz subxectivada pola poeira persoal e vai buscando palabras entre todos os obxectos abandonados no noso esquecemento. Alí dentro é todo aproveitable porque esa luz momentánea que nos atrae e ven tinxida polo eu pode facer das cousas outras cousas, darlles as palabras significantes distintos aos que traen os diccionarios, que isto é o que ven a facer a poesía.

 

12.- Fóra do socialismo real existe outra proposta ou desposta para

       saírmos fóra do xugo exterminador da barbarie capitalista?

 

Non me gusta nada como vai o mundo. Supoño que non lle pode gustar a ninguén que teña sensibilidade social nin sequera a quen non a teña. Saber que os cartos do mundo están nas mans duns cantos que non os darían contados na súa vida e que, xa non digo entre nós, onde tamén hai moitas necesidades como se empeza a ver, morre a infancia de fame e de enfermidades que terían prevención moi barata, paréceme un insulto á propia humanidade. A presente crise, que trae o mundo de cabeza, ten a orixe neste sistema capitalista globalizado e sen control que chega a dominarnos a todos, incluídos os propios gobernos aos aque deixa con escaso marxe de movemento. O capitalismo é un fracaso da sociedade minimamente xusta, que é cara a que debería camiñar o mundo que foi capaz de ir conseguindo cousas: abolir a escravitude que nos seus días parecía tan normal que non escandalizaba aos explotadores; iniciar unha liberalización das mulleres dos seus papeis secundarios, sempre baixo a tutela dos homes, que eran os amos de todo e tamén delas; iniciar a integración de toda clase de diferencias, aínda que lle quede moito por camiñar nesta dirección. Ese mundo, digo, agora vai a toda velocidade cara un capitalismo voraz que é capaz de orixinar unha crise económica sen precedentes e, o que resulta máis alarmante, os causantes da mesma saen indemnes. As mentes creadoras e preparadas nestes asuntos terán que ir inventando novas maneiras de gobernármonos se non queremos acabar a maioría na boca duns cantos lobos famentos ao que nada lles da enchido o bandullo.

 

 

13.- A alegría de vivir non é unha metáfora dunha sinestesia imposíbel?

 

Hai tres maneiras de pasar transitando por esta vida. Unha é aceptar a nosa condición fráxil e efémera, ver a manipulación que se exerce sobre nós desde diversos grupos de presión, oír o triste cantar que soa ao noso lado, superar as frustracións persoais e colectivas, aceptar a limitación das enfermidades, mitigar a dor das perdas dos seres queridos. Outra é igual pero trando de ir vivindo o mellor de cada momento entregándose ao amor e amando aos outros, aceptando o traballo como unha forma de vida, procurando as afeccións que nos cativan, os praceres que non danan a ninguén, o cultivo ou apreciación da arte, a incursión nos mundos ficcionais da literatura, a contemplación da natureza en toda a súa extensión… A terceira, sería crer inxenuamente na alegría de vivir, buscándoa en evasións perniciosas ou refuxiándose nun escape inducido da realidade. Eu recomendo, porque é o que practic, o segundo modo, o que me parece máis sensato e menos agresivo para a saúde física e mental.

14.- Hai libro ou libros de cabeceira na túa vida?

En principio a todos nos gusta presumir de que temos libros de cabeceira. E eu téñoos, aínda que ao longo da vida foron mudando. Fíxome poeta Juan Ramón Jiménez, que non é hoxe o meu preferido, aínda que o siga admirando moito. Na narrativa, un libro fundamental nas lecturas de xuventude foi La leyenda de Gösta Berling, da Nobel sueca Selga Lagerlof. El descubriume que o meu habitat –Os Ancares- se parecía moito a aquel espazo mítico do bosque de Vermland e que os seus habitantes tamén andaban moi cerca a toda aquela rodeada de clientes que chegaban á xastrería de meu pai.

O descubrimento serodio da Rosalía total –a miña xeración aínda tivo contacto con Rosalía a través da familia sobre todo con fragmentos de Cantares gallegos que se sabían de memoria- levou á miña mesiña de noite un Follas novas, sen dúbida o libro de poesía que máis relín ata sabelo case de memoria. Os relatos de Cunqueiro, algunha poeta mística andalusí, a poesía completa de Celso Emilio Ferreiro… Pero o libro realmente admirado desde hai moito tempo, do que teño unha colección en diferentes linguas e edicións, é Le Petit Prince, de Saint Exupéry, un modelo de ética, de estética, de poesía vital, de compromisos adquiridos libremente… Por entre estes poucos quedan centos de libros dos que son realmente avogosa e outros que estimo moito. 

 

15.- A sociedade, malia que nos pese, Helena, segue a ser sibilina ou

       fachendosamente machista…?

 

Aínda na nosa contorna cultural, que é privilegiada, a igualdade entre mulleres e homes é máis teórtica que real. A sociedade patriarcal ten as raíces moi fondas e ben chantadas. Non só se cambia unha sociedade facendo mudas nos comportamentos máis superficiales. O feito de que a violencia machista vaia in crescendo quere dicir o difícil que é amañar o problema da igualdade. Son moitos séculos de interiorización duns valores que non se amañan con leis, aínda que axuden o seu. A educación será fundamental sempre que saiba coordinar todos os ámbitos de influencia. Os medios de comunicación non creo que axuden moito.  

 

16.- Que é ou pode ser un home ou unha muller diante da seguridade

       da morte?

 

Polo que a min respecta, unha gran pesimista que disimula selo con moito sentido do humor. Ter a morte como final da aventura de vivir non anima moito, pero hai que aceptala como parte dunha natureza que na nosa latitude ela mesma se prepara para morrer no outono e renace na primavera. Gustaríame crer na resurrección, pero voume conformando con outras trascendencias máis visibles: os descendentes, se os hai, o recordo que deixamos nos que quedan e nosa proxección no que deixamos feito. Sendo poeta teño tamén a sorte de xogar con ventaxa, porque nos mesmo podemos asinar a certificación da morte cunha elexía desgarradora –aí está a elexía a Ramón Sijé de Miguel Hernández, do que andamos conmemorando o centenario-, como negala, e aínda no mesmo texto. Estas son as ventaxas de poder xogarmos coa linguaxe e coa súas múltiples significacións.

 

 

17.- Amor, beleza, e caos, cal é a reflexión de Helena Villar Janeiro

       verbo desta proposta?

 

Eu creo que procedo dun pozo escuro caótico que me precede e que volverei ás augas dese mesmo pozo, que me ha de sobrevivir. Mentres tanto aí está o amor como a mellor fórmula para a espera. En canto á beleza, é un motor de elevación do espírito. Pero ás veces é moi dolorosa. Non quero cavilar en que as pirámides de Exipto foron conseguidas coa vida dos escravos. Hai pouco tempo estiven na cidade de San Petersburgo e pareceume tristemente fermosa, porque é simultánea á fame que pasaban os campesiños mentres os tsares consumían aquel luxo.

 

18.- Que ten a felicidade de soño belido, fuxidío e inalcanzábel?  

 

A felicidade é moi subxectiva. Recordo aquel conto popular da camisa do home feliz. Nun agastado país andaban buscando un home feliz para lle poñer a camisa ao rei, xa que era o único medio de lle curar a melancolía. Cando encontraron un home que confesou ser plenamente feliz, non tiña camisa. Como utopía non está mal porque nos permite ila buscando en diferentes fontes, ir atinando nuns camiños e errando noutros. En definitiva, pasamos a vida entretidos en buscar a falicidade e, como moito, o que atopamos son momentos felices. Por iso temos que aprecialos tanto e conservalos intactos –se acaso mellorados polo paso do tempo- no recordo.

 

19.- Que libro has tentar publicar nas próximas singraduras?

Dicíache antes que tiña o empeño dunha novela arredor das mulleres antecesoras en dúas ou tres xeracións. Creo que a vida destas estas mulleres é novelesca desde as súas orixes. Son bisneta dunha viúva de vivo, neta dunha ama de cría en Madrid e dunha muller maltratada. Son filla dunha heroína que, tendo traballado con Balenciaga en San Sebastián, foi unha víctima colateral da guerra, pois atropelouna co coche un mozo que acababa de facer a súa despedida antes de ir á fronte. Acabou volvendo a unha vila que a súa alta formación non servía para nada e traballou de oficiala dun xastre. Ela foi a que máis se esforzou para que os fillos estudasen ambos. Pero creo que antes desta novela que quizabes non se escriba nunca, tentarei facer un libro misceláneo e interxenérico no que reflexione sobre o feito educativo como educanda e como educadora. Teño ganas de contar que todas as primaveras da miña vida naceron das flores dunha lileira que unha muller anónima plantou á beira da rúa pola que eu camiñaba. Ese olor acompañarame ata a morte.

 

 

20.- A poesía é un canto aínda que moitas quendas críptica, á liber-

        dade, ao amor, á paixón, todo el con data de caducidade, logo

        pois, fuxidío?

 

A poesía é a primeira manifestación literaria dos pobos. A poesía achéganos á infancia, tanto á da evolución do mundo como á de cada persoa. Nace unida á a necesidade de cantar o mundo e o pouso que vai deixando en nós, que é anterior sempre ao impulso de contalo e de reflexionar sobre el. Segundo Antonio Gamoneda, a poesía non nace exactamente da literatura senón do pensamento rítmico. Eu modestamente diría que tamén ten as orixes no pensamento máxico que dá lugar a moitas das figuras e dos tropos, tras dos que non andamos os poetas senón que van manando dun xeito natural paralelo á creación do discurso.

 

 

 

DOMINGO DE PIÑATA

 

Achégase o Domingo de Piñata para volvernos ao desenfreo do Entroido tralo recordatorio eclesiástico do mércores de cinsa: somos po. Retornan as carnes –que viñan de ser e volvían a tolendas, é dicir, prohibidas- ás mesas e a alegría corre polas rúas. Este Entroido pequeno era transición cara a durísima coresma na que o que conduce ao pracer quedaba prohibido pola relixión, aínda que a maioría do pobo tiña case todo prohibido na penuria da súa vida.

O Entroido –que nalgúns lugares de Galicia duraba semanas- e a súa extensión rexurdida no Domingo de Piñata eran tempo de desmesura. O gusto pola festa do esbrollo non se perdeu, aínda que amainara o sentido da liberación que tiña a inversión de roles. En Galicia perduran diversas manifestaciós singulares dese Entroido, maioritariamente na provincia de Ourense, de orixe ancestral, que incorporan animais á máscara pantalla e marabillan o mundo. Son tamén as máis xoldreiras e as que teñen rituais fixados a días concretos. Na maioría do país a xente “vestíase” co que tiña á man procurando o trastoque da realidade. Os homes querían parecer muller e as mulleres, homes. Os novos vellos e os vellos novos. Así mesmo, a xente do pobo adoitaba vestir uniformes de profesións e levar as caras tapadas ou pintadas con tizón. Estas “máscaras” camiñaban en silencio para non seren recoñecidas tampouco pola voz. Tratábase de pasar polo que non se era. A xente máis nova pedía así polas casas.

Pero a cerimonia da camuflaxe foi prohibida no franquismo e, aos poucos, o noso entroido chocalleiro foi mudando en carnaval de comparsas no que grandes e pequenos asumiron a globalización uniformante e así desfilan de libros, de ras, de botes de marmelada, de lata de sardiñas ou do que sexa. Tamén foi perdendo o uso da palabra crítica, que tiña o seu espazo na realización de coplas de escarnio ou de interpretación chistosa da actualidade. De momento, o pobo aprendeu a expresarse con liberdade en manifestacións e espazos públicos, de xeito que a propia vida diaria veu substituír a crítica permitida en día limitado.

O porco alíase coa gula acompañado de grelos ou cimos, palabras que significan o mesmo: o grelar do nabo cara o cimo da flor por este tempo. Para sobremesa, filloas –con sangue-, feixós –sen sangue-, orellas, flores, follas de limón… Para retornar o esbrollo, ven a Piñata.

Publicado en El Correo Gallego (07-03-14)