ESTAR EN SITUACIÓN

Aí polos anos sesenta, o Couso de Liñares traía un preito no xulgado de primeira instancia da vila que o volvía tolo. Segundo ía avanzando o proceso, el foi alzando tamén a súa voz para esbardallar de como se lle tramitaba e, pouco a pouco, foise animando a usar a palabra ladrón e axiña inzou nos discursos contra a xustiza e contra todo. Segundo el, non había máis que ladróns, finísimos ladróns. Un zapateiro, que frecuentaba para soar os zapatos e reparar os tacóns, quixo defenderse de tal acusación, pois críase honrado e sentíase ofendido coa xeralidade, e así llo fixo saber. O Couso mirouno con certa conmiseración e respondeulle de contado que iso era só porque non estaba en situación de selo. ¡Que ía roubar, meu pobre, naquel obradoiro no que non había máis que calzado roto, subelas, bigornia, cóitelas, algo de coiro, goma, anilina para igualar colores e pouco máis!

Esta teoría do Couso de Liñares –que o pobo xa viña predecindo desde vello co refrán “A ocasión fai ao home ladrón”, que non pasaba dun dito- sería hoxe amplamente ratificada pola xente. Para o mellor dicir, xa a ten na boca. E, sen querer afirmar unha xeralización inxusta, razóns non faltan para o desprestixio de moitas institucións. Hoxe é máis clara que nunca a pelexa por se colocar nun sitio onde se atopen prebendas monetarias, en especie ou influencia, para despos se apropiar delas con excesiva facilidade e, sobre todo, cunha impunidade escandalosa para un pobo que sabe que alguén pode ir á cadea por substraer dez euros en verduras, como di unha sentencia recente, pero que un número considerable de miles de euros non é delicto fiscal.

Aínda así, máis que a facilidade con que se poden sacar beneficios económicos ou fiscais colocándose en determinadas situación de privilexio, o que desmorona as clases máis baixas e sufridoras  do devastador efecto dunha crise que ata provoca que as criaturas pasen fame é a impunidade coa que operan os ben situados da vida e o difícil que resulta resolver xudicialmente os seus asuntos para impoñer un mínimo de exemplaridade.  Que a sociedade percibise a acción dunha xustiza rápida, independente e reparadora que devolve o saqueo ás arcas públicas e toma medidas exemplares cos delincuentes que se mofan de compromisos prometidos, das normas legais e da transparencia nas súas accións, algo tranquilizaríaa.

 

Publicado en 13-05-14 El Correo Gallego (13-05-14)