NENA DEFUNTA

 

Marchou un amencer co seu vestido branco

e un ramiño de azahar

sen avisar da urxencia

pero foron igual a recibila

todos eses parentes que nunca vira

e amostráronlle un ceo de tobogáns e parques,

vendedoras de globos e de pipas,

pallasos, trapecistas,

cabaliños

e noras…

Ó pouco de chegar

sabía de memoria

como outra táboa

distancias siderais que se han cruzar en nube

de cénit a nadir

para chegar sen se perder a un edificio inmenso,

azul,

que é unha escola

de estrelas e de Lúa

onde falan do mar,

das bolboretas,

das flores,

dos paxaros…

Pola escola do ceo

pasan tamén todos os meridianos

e paralelos,

os trópicos de Cáncer e Capricornio

e desde o patio a Terra

parece unha canica de cristal

das que usan ó xogaren

ó guá os nenos mortos.

Quizabes cando quere recollerse

pasa tamén entre o algodón das nubes

que choven tan adentro

no recordo.

De “Álbum de fotos” (1999)

2 opinións sobre “NENA DEFUNTA

Os comentarios están pechados.