REINANDO FRANCO

En decembro de 2009, Clifford Torrents, un escocés de 59 anos fillo do combatente republicano catalán Juan Torrents, mercou unha casa no concello de Negueira de Muñiz (Lugo), que ten 200 habitantes distribuídos en 23 núcleos de poboación. Así, o novo veciño instalouse no lugar de Ouviaño onde atopou na fonte pública unha praca co escudo da Falanxe e unha lenda: “Reinando Francisco Franco y siendo alcalde D. José María López se inauguró esta el día 24-5-1953”.

A Clifford Torrents chamoulle a atención que Franco aínda tivese alí unha praca, contra a obriga democrática de ter retirados os símbolos franquistas, como manda a lei da Memoria Histórica. A min, que lle dou a razón, aínda me choca máis o do reinado de Franco. Porque nunha cabeza de partido xudicial lindante co da Fonsagrada, onde se sitúa o feito, a academia que preparaba para os exames libres de bacharelato tiña unha libretiña de repaso cos nomes dos reis das casas de Austria e  Borbón, por orde cronolóxica de reinado. E nese ano de 1953, ao máis intelixente ou máis torpe dos estudantes, non sei, ocorréuselle poñer ao final Franco I. A partir de aí, nas vésperas de cada convocatoria había que xuntar o alumnado para borrarlle o disparate da cabeza. Esta prevención foi un clásico no protocolo de preparación dos exames de Historia.

Pero volvamos a Clifford Torrents, que  pediu que quitasen a tal praca polas boas, como se resolvern os problemas en democracia. Segundo el, chegou a un acordo verbal cun concelleiro da aldea mentres o alcalde estaba de vacacións, pechando o trato cun apretón de mans e comprometéndose el mesmo a retirala por non haber cartos no Concello. E meu dito, meu feito: alá foi co martelo. Pero o alcalde nega que tivese permiso, quen sabe se por un mal entendido por non falar cada un dos pactantes  o idioma do outro. Así que o rexedor denunciouno e levouno a xuízo para lle facer repoñer unha lápida ilegal con outra copia ilegal reconstruída. O alcalde di que non se coñece o ánimo das persoas que a puxeron e que a súa retirada sentou moi mal entre os veciños. O forasteiro afirma que algúns o felicitaron e di que, de saber que existía ese rancio vestixio en lugar tan idílico, non mercaría alí a casa.  Ten o seu aquel de esperpento que Franco sente a alguén no banquiño dos acusados tantos anos despois de pasar o seu reinado. ¿Ou é que segue reinando?

IMAXE TOMADA DE "EL PAÍS!IMAXE TOMADA DE “EL PAÍS”

6 opinións sobre “REINANDO FRANCO

  1. Eu penso que o engelledado do asunto ten que ver cos reis Francos. Algún do concello debeu pensar que o dictador era un rei Franco. O que non pasa neste país. Pero que podemos esperar deste país que di: deus é bo, pero o demo non é malo.

    Gústame

Os comentarios están pechados.