O ÉXITO DUN MITIN RESUMIDO

Non é moita a información que podo aportar da “Casa del Pueblo” de Becerreá máis que a súa ubicación e algún dos traballos culturais e políticos que se desenvolvían nela durante a II República.

O edificio, situado na curva da Ribadiña da estrada xeral,  fora “salina” (lugar de venda do sal ao final do monopolio), nome que herdou moito tempo tendo pasado por el a “Casa del Pueblo”, o cine, e o café hoxe Restaurante Correos, pola proximidade que tivo nos primeiros anos co servizo trasladado á Avenida de Navia.

Na Casa del Pueblo facíase cultura. Un grupo de afeccionados representaba obras de teatro, e as Misións Pedagóxicas da República proxectaban cine e programaban charlas e conferencias. Había tamén mítines nos que interviñan oradores que ás veces sobrevoaban a capacidade de asimilación dun auditorio maioritariamente rural, precisando de alguén que fose capaz de reinterpretalos.

Nun dos últimos mítines socialistas, un home moi novo vido de fóra facía alusión á sublevación de Jaca nun castelán de fonética moi allea á que o persoal estaba afeito a escoitar. Nun arrouto poético dixo algo parecido a que lle gustaría que as mans das  campesiñas da zona recollesen ramalletes de flores silvestres en mañá transparente e as colocasen sobre as tumbas de Galán e García Hernández. Aquel discurso parecía cabalgar nunha nube ata que un paisano de Fontes, vendo o tempo e a ocasión perdidos, subiu ao escenario, colleulle o micro ao poea e pronunciou  unhas palabras abaixadas á realidade que tiña diante dos ollos:

-O que vos quere dicir este señor é: “O socialismo convenvos. Se o quereis colleino e, se non, fodeivos”.

Nunca tantos aplausos se oíron naquela sala nin tan conquistada foi tanta xente con tan poucas palabras. Lástima que aquela zona fose desde os inicios do levantamento franquista profundamente castigada con persecución e mortes, poñendo o seu alcalde á cabeza dunha lista de crimes abominables, que inda está por escribir.     

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s