CAMPANARIO DE POMBAS

37835214_10204983609465633_2698989819974909952_n

A noite fora mesta coma un queixo negro, pero empezaba a amencer e a escuridade daba paso a unha atmosfera grisalla, movediza e mesturada de agoiros que caía lenemente polos cristais da casa que estaba mesmo detrás da praciña do cárcere.

Nesta casa vivía Sara, a Sara adolescente a quen lle acababan de prender o pai.

A noite que acababa estábase a comportar como unha prostituta. Espíase e perfilaba de azul os amoratados beizos dos pétalos das montañas da serra. E aquel estarricarse da rameira permitía que a luz nacente penetrase nas cousas a golpe de tic–tacs esaxerados, como de reloxo que trasnoita ou de corazón sobresaltado.

Fóra, ademais de lumigar a primeira luz, tamén aparecera o olor a pólvora, a terra ardida, a sangue verquido, a medo. O perímetro rectangular do cárcere, alí a dous pasos da casa de Sara, estaba debuxado por uniformes verdes. Estas figuras que xa levaban días rodeando a prisión dábanlle fins ó mundo. O que puidese existir despois, no alén, non era máis que aquela noite que se disfrazara de prostituta.

No medio do silencio, a ruxida dunha camioneta levou tras de si as cabezas dos gardas que xiraron todas a unha como se fosen mecánicas. Naquel momento tamén se fixo cisco a quietude que se adonara de todo.

A catropea transportada no ventre do vehículo botou abaixo un lateral da caixa que chirrou despiadadamente sobre a madrugada. Daquela caixa empezaron a golmar homes que caían na praza como se fosen fardos ou trapallóns, pero que logo se erguían e camiñaban. Andaban armados, sen rumbo fixo. Parecía que quixesen cortar coas súas baionetas o que quedaba da noite para faceren dela as robadas do almorzo. Dous forzudos, dos que se distinguían ben as boinas coloradas e as camisas azuis, adiantáronse axiña cara ó muro do sinistro edificio. Despois tomaron a dirección da porta e desapareceron engulidos polo papo lóbrego da cadea.

E daquela soaron os claríns dos cans de Carradei, que permaneceran calados. Eran os donos do silencio do oriente, cara onde daban as luces do cuarto de Sara que espertou, alertada polas feras. Tirouse da cama, atoutiñou pola habitación ás escuras e mirou pola fiestra. O cadro que descubriu deixouna paralizada. Aló, no medio da brétema rota a pedazos polos faroles de gas e lixeiriña como os encaixes do camisón, seu pai era sacado a empuxóns e colocado no medio daquela tribo salvaxe que parecía esperar un rito de sangue ou morte.

Non entendía nada pero viu como caía. E como o levantaban a culatazos. E como se perfilaba o seu corpo abatido contra a aínda vacilante claridade das primeiras luces. Correu a avisar a súa nai que se atopaba rezando nun recanto do salón como viña facendo todas as noites.

—Están sacando o papá.

—Quen?

—Un fato de gardas que veu nunha camioneta.

—Estás segura de que é el?

—Creo que si. Ven ver.

A mamá santiguouse a toda présa e correron xuntas cara a fiestra. Os forzudos repetíronlles, como se o representasen para ambas nunha función de luxo, os culatazos e as caídas. Abrazáronse entre elas como nena e boneca. Permaneceron pegadas ós cristais, inmóbiles e tesas. Despois retiráronse da fiestra e empezaron a correr pola casa como tolas, tropezando coas cousas. Buscaron unha manta e baixaron á rúa. Tamén levaban botiquín de urxencia.

Unha tafarada do vento que andaba por entre as casas apagou o farol. A claridade da alba aínda non era bastante para veren sen dificultade e as sombras da desesperación, que xa prenderan nos ollos de Sara, case non lle permitiron ver máis nada.

Soou de novo a camioneta. Seu pai perdérase entre todos os vultos, pero aquela silueta movida a culatazos que se erguía con dificultade das caídas, sería o único papá que recordaría sempre.

 

Estaba de paso na cidade. Non exactamente de paso senón á agarda de que a súa familia volvese de vacacións. Non lle gustaban as viaxes longas e quedara tranquila durante uns días na residencia. E aí ás cinco da tarde abandonou o edificio de pedra que a hospedaba temporalmente e do que case non se movía. Prefería ler, sentada na habitación. Dirixiuse á súa primeira cita percorrendo o anaco do camiño francés que os peregrinos xa fan en Compostela. Ela tamén se considerou aquela tarde unha peregrina que compartía cos romeiros a ilusión da pronta chegada a algures.

A el vírao de casualidade, así como coidaba que acontece case todo. Parecéralle descubrilo no comedor aquel mesmo mediodía. Nunha das mesas do recanto sur, cando xa se retiraba cara o cuarto para botar unha sesta, notou que era atraída por algo. E mirou.

Primeiro pareceulle imposible. Despois deuse conta de que, a pesar dos cambios, aquela caluga e aqueles ollos non podían pertencer a outra persoa. Estaba moi confusa. Non quería insistir na mirada pero tampouco podía apartala do cabelo xa case inexistente que, cando poboaba a cabeza que se estaba a inclinar riba do prato, ela tiña acariñado apaixoadamente. E cerciorouse tamén de se serían súas as mans nervudas e tremecentes que agarraban o coitelo con elegancia e que tanto pasearan polo seu corpo.

Parecía que si. Xuraría que o era. Non puido resistir a tentación de confirmar tal verdade. Se fumase, sacaría un pitillo e iría cabo del. Así era máis difícil. O corazón, a pesar de tanto tempo, batíalle con forza. Preguntaríalle a hora. Tampouco non era mala desculpa. Achegouse cabo del con naturalidade. Non era doado.

—Querería dicirme que hora ten?

—Pois claro.

Conservaba a mesma voz. E seguía cos seus dentes descolocados e o sorriso de adolescente. Algunhas outras cousas si cambiaran, pero era el. Xa non cabía a dúbida.

Sacou un reloxo de peto e mirou a hora.

—Son as tres menos cuarto.

—Grazas.

–Non hai de que.

El non se percatara. A ela viñéronselle os ventos varias veces por tirar de largo e deixar todo como estaba. Pero non puido facelo.

—Abel —dixo baixando a voz e convertendo a fala noutra cousa.

Daquela el levantou a vista como se xa recoñecera a voz. Non dixo nada. Ergueuse e abrazouna tan fortemente que lle fixo sentir medo polos ósos e pola respiración.

—Sara, Sara, que fas aquí?

—Agardando a que volva a miña xente. Estou de paso.

—E ti?

—Vivo aquí desde hai tempo.

Deixou a comida tal como a tiña no prato. E sentáronse no tresillo da sala. Alí estiveron moito tempo. Primeiro sen falar e despois atropelándose na conversa. Riron e riparon con disimulo as bágoas por debaixo dos lentes. E volveron rir. Finalmente citáronse para aquela mesma tarde ás cinco na praza de Mazarelos.

Quixo ser moi puntual, pero cando chegou el xa estaba alí sentado.

—Grazas por vires —dixo tan pronto como a tivo cerca.

E colleulle as mans entre as súas nun xesto de benvida.

—Non hai de que. Pensaches que non viría?

—Nunca se sabe.

As terrazas, ocupadas por estranxeiros que larapexaban nos diversos idiomas igual que nos xeados resultaron un bo marco para unha conversa emotiva e desmelenada como o fluir dun río.

Tomaron café. Ela con leite e el con sacarina. Que difícil resultara empezar a falar algo con xeito! Que sabía cadaquén acerca do outro? Cal tiña que ser a disposición de ánimo axeitada para unha investigación das interioridades? De que temas se podería tratar despois de tanto tempo e de tantas circunstancias adversas? Pasaron uns meniños ó lado e ela sorriu.

—Séguenche a gustar os nenos? –preguntou el.

—Si.

—Tes netos?

—Tamén.

Pero non era doado.

—Dixéronme que estabas viúva.

—Si. Xa hai moito tempo.

—Eu tamén.

—Non o sabía.

Despois foi algo máis fácil e evocaron amigos comúns da infancia e da adolescencia. E acabaron o día intercambiando receitas de cociña e itinerarios de viaxes interesantes.

Seguiron citándose por teléfono, como os rapaces, e saían todos os días. O primeiro café tomábano en Mazarelos porque lles crumpría ós gustos de ambos crear hábitos estables. Despois daban paseos pola cidade. Cando xa estaba cansos, sentábanse nunha nova terraza e facían outra consumición.

—Pide ti.

—Non sei…

E tomaban calquera cousa sen esmerarse demasiado en elixila.

Unha tarde dedicárona a falar dos seus netos.

—Chamáronme hoxe. Necesitaban cartos para o concerto de Madonna.

—Ós meus xa llelos deixei antes de marcharen.

E falaron dos concertos de Prince e de Madonna.

Sara, que sempre tivera un grande sentido do humor, comparaba o físico do músico que reproducían aqueles días as fotografías da prensa cun felino medio esfolado. E Abel trataba de xustificar en ton irónico por que a Blonde Ambition colocaba tantos colgarellos interiores sobre os calzóns.

—Os netos non nos perdoarían esta conversa.

—Non nos perdoarían moitas cousas se as soubesen —dixo el confidencial.

—Que cousas?

—Pois, para che poñer un exemplo, cavilan que descubriron a sexualidade. E que nós eramos uns parviños nos nosos tempos. Esta é a súa bandeira. Se soubesen a verdade non nolo perdoarían.

—Eu creo que…

—E a liberdade —engadiu Abel sen deixala acabar nin percatarse do cambio de ánimo dela—. Que cres ti que dirían se descubrisen que nós soubemos tamén o que era a liberdade?

No tocante ao primeiro comentario estaba convencida de que quedaran moitas cousas veladas tras das portas de ferro da súa educación e da súa circunstancia. E se consideraba a palabra liberdade e a relacionaba con eles dous, aquela opinión de Abel non era máis que un chiste. Porque de ningún xeito podía considerar que fose unha ofensa ou unha provocación. Ou é que se esquencera de todo?

—Paréceme mentira que digas ti iso, Abel.

—Perdoa. Tes razón. Contigo diante non debín dicilo.

Estaba avergoñado da ousadía. Quizabes puidese contarlles ós netos tal patraña. Pero a Sara…

E Sara quedou ausente no que quedaba de tarde, camiñando cara o fondo de si mesma e dos seus recordos que se volveron frescos como cereixas.

Por que se deixaran? Por que tivera que escapar naquel tren de asentos de madeira cara a un mundo tan hostil? Por que houbera que obedecer ás cegas?

 

Subían todas as tardes ó alto do campanario por entre o revoar das pombas brancas, axotándoas ó seu paso. O corpo de ambos era como de mármore e aínda ulía ás herbas aromáticas do campo. Alí, co último resoar dun badalazo de novena entre os oídos e xa pasado un tempo, déranse o primeiro bico. E tamén alí, case ó abeiro do sagrado, intercambiaran as primeiras caricias polas carnes. E un día, desde que xa se querían con paixón, oíron dicir que había guerra. E viron chorar pola rúa a unhas cantas mulleres vestidas de loito, que parecían afundirse debaixo das sellas que carrexaban.

Sara xa non podía durmir aquelas noites porque lle escocían por riba dos beizos as chuchas como pan quente cargado de aceite e mel. Tirábase da cama ó mínimo ruído que viñese desde dentro de si mesma e tamén desde fóra. E foi así como descubriu a cara clandestina e nocturna do cárcere, os paseos e as torturas. Foi así como vía polas noites o ir e vir e o buligar dos paristallos do odio. Nos primeiros desvelos nocturnos, aquela chea de vultos humanos e desapiadados non tiñan nome. Pero un día recoñeceu o pai de Abel mandando á xente. Deloutro día preguntoulle no campanario, entre bico e bico:

—Oe, Abel, teu pai ten algún mando?

—Por que mo preguntas? —dixo el estrañado.

—Porque o vin pola noite desde a fiestra. El dá as ordes e os outros obedéceno.

—Pois non o sei. Estás segura?

—Creo que si. Volverei a mirar ben.

Pero quedaran tristes. E xuntaron as mans. Unha murmia de pombas abandonou o campanario e cruzou baixo das nubes. Desde aquela tardiña xa nada volveu ser como antes.

Despois viñera o de seu pai. E a nai que a abrazaba no cuarto mentres choraban as dúas antes de se deitaren. E así foi como chegou tamén a noite prostituta que trouxera a camioneta.

—Por que o levaron, mamá? A nai non contestaba e apretábaselle cada vez máis ás costas. Encoveirada a cara e cuberta de loito, parecía a Dolorosa.

—Cando o volverán traer, mamá?

—Non volverá.

A Sara pareceulle que o mundo caería cando escoitou aquilo. Que aquela noite se desfaría como un peto de barro cheo de moedas. E que o ruído debera espertala. Incluso tiña medo a presenciar tal cataclismo. Pero non pasou nada. E volveu amencer co mesmo frío invernal e coas mesmas luces grisallas. E os mesmos homes gardando a cadea. E a mesma ruxida da camioneta que volvía por outro e por outro máis.

A mamá xa pasara a chorar abertamente pola rúa como as mulleres das sellas, que parecían noites ambulantes.

A Sara prohibíuselle saír nun consello da familia.

—Por que o mataron? —preguntaba teimuda.

—Iso pregúntallo a el —contestou un día a nai.

—Quen é el?

—E quen vai ser? Abel.

Aquela fora a frase máis dorida e máis inxusta que oíra na súa vida.

—El non ten que ver con isto.

—Pois que llo pregunte a seu pai. Despois que cho diga a ti.

—El non ten nada que ver, mamá. Xúrocho.

E choraban ambas, outravolta abrazadas.

Un día, cando xa se lle permitía saír, chamouna súa nai desde a porta.

—Queres saber por que o mataron?

—Si —dixo con valentía.

—Pola xenreira que lle ten ese fillo de puta. Aproveitan calquera situación para se desfaceren de quen non lles é simpático.

—Pola xenreira de quen, mamá?

–De quen vai ser? Non te me fagas a inocente. E vaite xuntar con el. Anda, como se nada pasase, cos asasinos de teu pai.

Sara ergueu furiosamente a cabeza. Acababa de pasar un furacán e quería

defenderse del antes de que a arrastrase. Pero non se atreveu a dicir nada.

—Non me volvas saír con el! —berrou por fin a nai ó entrar na casa.

Aquela tarde subiu ó campanario por entre as pombas e as badaladas. Abel tiñas as mans e os beizos fríos.

—Non me deixan que volva falar contigo.

—A min tampouco.

Xa era primavera e un sol amarelento descía triste polo poente. Ós poucos días, Sara emprendía unha viaxe en tren da que posiblemente aínda non volvera.

 

Cando soou o teléfono estaba chorando un pranto lento e prácido que se perdía por entre unhas fotografías descoloridas que a acompañaban sempre. Sabía quen chamaba e non se atrevía a contestar. Perdera a seguridade. Debería volver a velo? Cumpriría seguir aquel xogo infantil de chamarse desde habitacións contiguas, de poñerse citas adolescentes, de evitar os únicos temas que quizabes lles interesasen a ambos? O teléfono seguiu insistindo cada cuarto de hora e non tivo máis remedio que responder. Se cadra incluso se trataba doutra cousa.

—Diga.

—Non saímos esta tarde?

—Non me encontro moi ben.

—Queres que vaia a verte e que charlemos no cuarto?

Aquela ocorrencia púxolle medo.

—Non, non. Podo baixar. Farame ben o aire.

—Eu creo que si.

E foi aquela tarde cando falaron.

—Cando deixei de verte pensei que se acabara o mundo —dixo el.

—A min pasoume o mesmo —confesou ela, poñéndose colorada.

—Nunca souben onde te levaron.

—Á casa de miña tía Amparo. A ti fixéronche algo?

—A min cerráronme na habitación uns días, mentres non souberon que te foras. Subíanme a comida. Nin sequera me deixaban dar un paseo polo xardín.

Seguían na praza de Mazarelos. Aquela tarde non se moveran do sitio.

—Fuches feliz? —preguntou el de súpeto, con toda a tenrura do mundo e arrepentíndose despois de preguntarllo.

—E ti? —preguntou tamén ela, ocultando a resposta porque non tiña grandes marabillas que confesar.

Riron ambos canda un aleteo sedoso de pombas que os volveron sobrevoar en voo rasante.

—Acórdaste das pombas do campanario?

Era unha pregunta comprometida que a fixo tremer. E tremeceu aínda moito máis cando Abel lle colleu unha man por debaixo da mesa. Unhas bágoas rebeldes pelexaban por botar fóra. Custoulle caro contelas.

—Mañá veñen buscarme —dixo de alí a pouco.

—Xa volveron?

—Si.

—Non podes quedar algún día máis? Segundo prescinden eles de ti tamén podes ti prescindir deles.

—Supoño que si. Non sei.

—Non debera resultarche difícil ós teus anos.

—Queres que me quede? —preguntou, á fin, con valentía.

—Si —contestou el algo turbado.

Aquela noite cearon na mesma mesa. Brindaron e charlaron libremente sen censuras.

—Xa vas durmir? —preguntoulle el ó se despediren.

—Non. Sempre leo.

—Eu tamén. Non podiamos ler xuntos?

—Onde?

—Pois no teu cuarto. Ou no meu.

Sara sentiu outra vez as campás e a vertixe do campanario. A murmia das pombas arrolándose. Os canonazos e o arrecendo a pan quente. O cheiro da pólvora e o traqueteo do tren. Viu a derradeira imaxe de seu pai, erguido na praza. E apartou ó pai de Abel do cuadrilátero do cárcere co movemento dun dos brazos que pasou bruscamente por diante dos ollos.

—Que tes?

—Nada. Nada.

—Anímaste?

—Non sei se é ben que o fagamos.

—Se ti queres, en nós non manda ninguén.

E ela quixo. E colleulle unha man. E saíron xuntos cara á escaleira de pedra.

 

Foi na súa habitación. Cando as primeiras raiolas do sol aínda cor rosa que penetraran furtivas andaron polo cuarto, bateron cun libro estarricado no chan. Era Madame Bovary en edición rústica, moi avellado polas lecturas e con algunha folla xa gastada. Despois os mesmos raios apousaron riba da cama, buscando a suavidade da colcha. Pero caeron sobre dous corpos espidos, sulcados por infinitas enrugas. Permanecían abrazados, como para sempre.

 

 

En:

O enterro da galiña de Domitila Rois e outros relatos, Galaxia, 1991

Contos composteláns, Colección Liñas Paralelas#, Concello de Santiago, 2018

O PÓRTICO NA HISTORIA

37830001_10204980336663815_4094449231593472000_n

Este Pórtico da Gloria fulgurante como recén estreado que temos perante os ollos coa riqueza cromática das orixes débenos encher de autoestima e estimularnos a volver os ollos para encontrármonos coa Historia no momento da súa construción. Inda sometido aos cambios esixidos para lle colocar diante a fachada barroca do Obradoiro, é ben doado percibir nel a grandeza arquitectónica dunha época de gran esplendor que permitiu mostrar ao mundo o ambiente social e económico elevado que a sostiñan. Só desde o poder que propicia unha cultura refinada e exportable a toda Europa se pode explicar esta complexa creación que, inda acontecendo nun contexto relixioso, serve os intereses temporais dun reino que estendía a súa cultura e ao mesmo tempo recibía e incorporaba outras influencias europeas. A restauración do Pórtico da Gloria é unha ocasión propicia para descubrir cal era a Galicia da época do Mestre Mateo e que papel desempeñaba desde este confín da terra. A súa recuperación cobraría así un sentido pleno.

No Reino de Galicia durante a época medieval –a denominación de Reino estenderase moito máis no tempo- desenvolvéronse ata brillaren todas as artes. A lingua contemporánea da construción do Pórtico é a lingua galega innda moi nova mais literariamente tréfega e vizosa, na que sobresaíu a poesía de carácter relixioso e, sobre todo, profano. A música e os músicos son elementos destacables de integración neste escenario pétreo que serve como lección a quen chegaba á catedral. Vinculado coa música  está o canto e de aquí saen para o mundo as cantigas de amigo, un auténtico monumento literario de noso, e chegan de Occitania, outro centro cultural do sur de Europa con lingua romance vigorosa no momento, influencias doutras cantigas de amor cortés e de sátira que atoparán aquí grandes cultivadores.

As políticas dos nosos reis foron decisivas para que o Mestre Mateo puidese obrar esta marabilla de transición entre o románico e o gótico, movementos ambos que deixaron obras salientables no Reino de Galicia. Foi Fernando II quen promocionou a creación do Pórtico, correndo o erario público cos gastos do obradoiro do Mestre Mateo que recibiu unha pensión vitalicia a cambio do seu valioso traballo. Decisivo resultou tamén para a culminación de tal proxecto outro rei de Galicia, Afonso VIII. Ambos están enterrados no Panteón Real da Catedral de Santiago.

Este Reino foi poderoso e, como tal, tiña cultura e lingua propias que recibimos en herdo. E nada mellor para nolo recordar que o esplendor dunha esmeradísima obra que debera utilizarse, alén do seu significado relixioso, como unidade didáctica para explicar a nosa historia e as nosas raíces. En definitiva, para transmitir coñecemento sobre Galicia e o seu desenvolvemento histórico. O himno que soará neste día grande fálanos de Breogán como mito fundador, mais non precisamos ir á figura de Breogán para basearnos nun pasado cheo de vitalidade para camiñar cara ao futuro con toda a dignidade dun pobo afortunado nas orixes. Abóndanos con mirar este anovado Pórtico da Gloria que nos volve ao Medievo para caer na conta de que temos o deber histórico e moral de conservármolo e canda el, sen ser menos importante, o de preservar a lingua que falaban os nosos reis e na que trobaba Alfonso X de Castela, O Sabio. A lingua galega foi o vehículo comunicativo normal entre o Mestre Mateo e os canteiros que creaban esta xoia. Hoxe, libre dos prexuízos históricos que se deitaron sobre ela, debe seguir sendo o idioma de comunicación normal entre os habitantes deste vello Reino para perdurar tanto como o Pórtico da Gloria.

37841930_10204980335223779_3481963324403351552_n

Publicado en El Correo Gallego (25-07-18)

 

 

 

 

 

 

,