A CORRUPCIÓN

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O papa Francisco vén de dicir que a corrupción apesta. Este papa preocúpase dos graves problemas terrenais e, de cando en vez, bota un mínimo discurso sen categoría formal pero detras do que vai corre. Os efluvios da corrupción non se perciben polo nariz. Oxalá se percibisen para atallala, pero non son nauseabundos como os da calaza e non avisan. Apestar significa aquí ser perniciosa, peste inodora que se contaxia, contamina e enferma gravemente a sociedade, porque ten capacidade para afundir os mecanismos normais dun estado moderno e civilizado convertíndoo nunha caricatura da democracia. Tolérase a corrupción a pesar de estarmos teóricamente dotados de capacidade de supervisión e control que pode prevenir e reprender tal desvarío se se actuase con desvelo e rapidez. Porque outra característica da corrupción é non estar mal vista pola sociedade mentres a maioría non sofre os efectos directos dun mal que hoxe entre nós é moi grave. Moita xente debe esperar a que caia con ela algunha prebenda de reparto. Se estivese mal vista, non sería tolerada nos cargos electos que lle sacan proveito suculento e serían apartadas dos poderes que lles outorgan os votos. O electorado máis consciente ten co seu voto o mecanismo máis potente contra un xeito de gobernar o ben común en beneficio propio con total desprezo ás normas de rexer a cousa pública que din servir. E é bo non esquecer que hai corruptos porque hai corruptores e que ambas partes son responsables do mal.

Na prevención deste fenómeno que é tan urxente atallar xoga un papel importante a educación. Discernir o que está e non está ben axuda a formar unha cidadanía con actitudes éticas. Da vida que se desenvolve nun centro podemos sacar exemplos de cousas que non deberan tolerarse. Copiar nun exame ou nun traballo non predispón a ser xusto nin a esixir xustiza. Elixir a delegación de curso por amiguismo sen mirar a personalidade e a madurez non prepara para futuras eleccións responsables dunha boa gobernabilidade. Arengar aos rapaces e rapazas a que aprendan a defenderse en por eles mesmos á marxe das normas e do respecto mutuo é anular as capacidades de aprendizaxe dos procedementos democráticos para resolver os conflitos. Hai moitos rodeos nos asuntos sociais que conducen a camiños polos que transita a corrupción, que ten raíces ben plurais e profundas.

Publicado en El Correo Gallego (27-03-15)

NO DÍA MUNDIAL DA POESÍA. Canción de rolda

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
As nenas xogan á rolda
reproducindo o fío de zurcir
memorias desmembradas.

Por entre aquela rolda pasa un rei,
unha raíña,
un conde,
unha condesa,
le bon roi Dagobert,
la fille du roi…

E despois vén Mambrú
e o pranto por Mambrú
que nelas é ledicia ben sonora.

Inda non preguntaron
por que morreu Mambrú
e non virá na Pascua
nin tampouco en Nadal…

Pero si preguntaron pola súa merenda
e non houbo resposta,
que o silencio é a tapa do infortunio.

E segue a danza porque volve o rei
e a raíña,
o conde,
e a condesa,
le bon roi Dagobert
la fille du roi
et trois jeunes tambours
s’en revenaient de guerre.
Et ri et ran, rapataplan…

A danza espanta a fame
e axiña van por campos azulados
lavender’s blue, dilly dilly, lavender’s green,
when you are King, dilly dilly, I shall be Queen.

E chegan onda a dona da pamela
London Bridge is falling down,
falling down, falling down,
London Bridge is falling down,
my fair Lady.

E volven a Mambrú,
á ausencia de Mambrú
que non sentiu a fame
mentres xogaba á rolda.

 

De “Pedras para once cadros”.

150 CANTARES PARA ROSALÍA

150_Cantares_para_Rosali_a_de_Castro_PORTADA_00

Presentindo o arrecendo primaveral que anima o canto dos paxaros e a flor das ameixeiras, traio a esta columna na véspera do Día Mundial da Poesía un dos libros nacidos arredor da celebración do sesquicentenario de “Cantares gallegos”. É, sen dúbida, o proxecto máis ambicioso, de ambición cumprida: 150 Cantares para Rosalía de Castro, promovido polo poeta Suso Díaz, un dos bos e xenerosos que viven fóra da terra o seu compromiso coa lingua e coa cultura.

Por sorte, coñecín a idea nas orixes e deille ánimos a sabendas do difícil que resultaría construír este singular poemario ao xeito de como Rosalía concebiu os seus Cantares. O editor escolleu poemas significativos do libro rosaliano para adxudicar estrofas aos poetas convidados ata chegar a 150. O fragmento xogaría o papel das cancións populares no libro inaugural da nosa literatura contemporánea, coa liberdade de colocar os versos en calquera lugar do novo poema, xuntos ou separados, segundo o gusto creador. A maiores da creación literaria, o libro conta tamén con aportacións para o contextualizar -Ramón Nicolás e Mercedes Queixas Zas- e con creación plástica abondosa de artistas de noso que desenvolven nel unha interesante iconografía rosaliana. O acerto de xuntar 150 voces de todas as idades, tendencias e sensibilidades estéticas fai deste libro unha obra fito da nosa lírica coa gran escritora como núcleo e referencia, que moito agradecemos ter coñecido e do que moito disfrutamos.

Sendo un labor de grande envergadura non só organizativa senón tamén tecnolóxica, sei que este traballo foi moi grato para o autor. Tanto poetas como artistas teñen gana de participar nos proxectos serios que se lles ofrecen, quérenlle á escritora celebrada, estiman o traballo que arredor dela se fai con agarimo, acoden ás chamadas e ata fan as cousas no prazo que se lles pide, en todos os casos gratis et amore, como o autor. Pero os libros, como os viñamos entendendo, forman parte dunha industria suxeita como ningunha outra á miseria imposta, á pobreza cultural á que nos foron levando, polo que a gran dificultade sería edítalo en papel. O autor optou polo formato electrónico facilitando a descarga libre que está conseguindo unha gran difusión. Déixolles o seu enlace http://www.susodiaz.gal

Publicado en El Correo Gallego (2015-03-15)

BLACK WOLF BLOGGER AWARD para Tirar do fío.

Black Wolf Blogger Award (1)

O blogue Tirar do fío foi nominado para Black Wolf Blogger Award por Emilio Valadé del Río (Paseante silencioso). Vaia para o amigo profesor e escritor o meu profundo agradecemento.

Tirar do fío levará con orgullo esta distinción non esperada e posiblemente inmerecida nese enorme xardín de blogues entre os que el se sente pequeniño.

Aceptar este premio implica as seguintes NORMAS:
1- Agradecerlle publicamente a nominación a quen a fixo.
2- Contestar 5 preguntas.
3- Nominar 15 blogues.
4- Notificar publicamente aos nominados o seu premio.

 
Tirar do fío considera apropiado nominar, pola súa calidad, ao Black Wolf Blogger Award os seguientes blogues:

-mariadario.wordpress.com

-fotosderianxo.com

-arqueoloxiadosancares.blogspot.com

-carlosduranblog.wordpress.com

-eiradaxoana.blogaliza.org

-cuadernosdepintor.blogspot.com.es

-bolboretasnobandullo.blogspot.com

-trafegandoronseis.blogspot.com

-www.unpaisenlata.org

-asescollaselectivas.blogaliza.org

-ultragrafico.expoplanetarium.net

-montsedopico.com

tavoladeescrita.blogspot.pt

garciateijeiro.blogspot.com.es

cadernodacritica.blogaliza.org

 
PEQUENO CUESTIONARIO

1- ¿Cuál fue el primer libro que leíste?
Fun unha nena moi lectora. Cuentos de Calleja e Enciclopedia Tesoro de la Juventud”, que había na casa. Tebeos alugados na librería de D. Ramón e Vidas de santos que me prestaba unha veciña. Tiven moita relación coa literatura popular oral e coñecía a existencia de moitos libros a través das conversas con meu pai

2- ¿Por que escribes?

Non foi a miña profesión, pero foi e é a miña paixón. O blogue forma parte dun proxecto literario máis libre integrado coa imaxe e unha posibilidade de poder de vivir a escrita en contacto con lectoras e lectores a curto prazo, a través da rede e das redes.

3- ¿Tienes una Musa o una inspiración?

Xa que falei da imaxe, podería dicir que son as fotografías as que tiran de moitos textos, sobre todo da serie “Poesía mínima”. A actualidade é tamén unha fonte de contidos sobre os que traballar coa reflexión e palabra escrita.

4- ¿Cuál ha sido tu gran amor?

Se nos referimos ao amor no sentido clásico de parella foi –é- o escritor co que comparto a vida, o Xesús Rábade Paredes. Tamén o son os outros meus seres queridos. Como paixóns non precisamente secundarias teño a música, a literatura e a natureza.

5- ¿Escribes lo que vives o vives lo que escribes?

Éme moi difícil substraer a literatura da vida. Incluso moitas veces me sitúo ante o os meus problemas cos ollos da escritora, como se formase parte dunha escena ou dunha obra. Este distanciamento é moi curioso e ás veces non me gusta sentilo así. Pero tamén libera as tensións.

NON AO VAGÓN DO TREN

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

As mulleres chegaron ao tren da historia no vagón xineceo de nais, esposas, fillas e serventas. Aínda unido ao resto para que os homes fixesen tránsito de intercambio coa carne da súa carne, corazón do seu corazón ou simplemente servidoras das súas varias necesidades, aquel vagón avanzaba máis despacio e, ás veces, podería dicirse que andaba cara atrás. Pero os amos da locomotora procuraban que non se desenganchase porque elas coidaban do esencial para a vida común: cociñaban, dábanlles pracer e fillos, criábanllelos, fiaban, tecían… Sen ser parvas, non podían tomar decisións no rumbo da viaxe, e non participaban nas conquistas que aparecían no camiño nin no seu reparto, pero crían que fora así decidido polos deuses, tan afeitas estaban xa a un vagón desde o que vían pasar moi lentamente as árbores e os campos de trigo.

Un día, naquel vagón entrou un libro. Unha delas atopou un cómplice entre os visitadores que lle ensinou a ler. Ela fíxoo con outras e aos poucos armouse unha algareira convivencia de saberes revulsivos que as levou a non querer seguir naquel furgón sen xeito. Cando os homes notaron o cambio, tomaron actitudes diferentes. Uns alporizábanse. Outros non daban tino. E algúns cavilaron que era mellor preguntarlles que querían. Elas fixéronse oír e eles pararon o tren para desconectar o vagón maldito e deixalas entrar no espazo común, aínda que con moitas condicións de servilismo e sometemento á autoridade patriarcal. A vida tampouco foi igualitaria no novo acomodo. E, cando as mulleres vimos achegarse as leis igualitarias ás nosas vidas, comprobamos que recibimos menor soldada, que ás veces a parella nos trata con violencia ata de morte, que non nos facilitan compaxinar a maternidade co traballo, que hai cambadelas para chegar a responsabilidades sociais avanzadas. As relixións seguen a ser un freo para a nosa liberdade, a publicidade úsanos como obxecto, e o paro e a pobreza feminízanse de xeito alarmante en todo o mundo.

As mulleres temos a sensación de que nos queren volver a aquel vagón xineceo reprodutor, aos labores domésticos, á usurpación das decisión sobre nós mesmas, á pobreza económica e intelectual. A nosa sorte ante ideoloxías tan perversas é que temos a razón e debemos fortalecela coa arma máis certeira e menos cruenta de todas as que existen: a nosa palabra liberadora.

Publicado en El Correo Gallego (13-03-15)