IGUALDADE DE VALORES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Pídenme unha entrevista para unha web que vai dirixida a mulleres e pregúntanme que significa para min unha muller con valores. As entrevistas, cando tes tempo a reflexionar para escribilas, son unha fonte da que mana discurso para o autocoñecemento. Se me fixesen esa mesma pregunta hai unhas décadas, poñería uns cantos adxectivos e ata poida que quedase moi satisfeita da resposta. Polo contrario, onte deime conta de que me é moi difícil responder, porque xa non distingo entre os valores femininos e os masculinos. Agora vexo que son necesarios e compatibles os mesmos para os dous xéneros. Pero tamén sei que esa igualdade inda é un desexo que existirá de facto cando mulleres e homes compartan a equidade que, por hoxe, está tras do horizonte. A teoría foi avanzando pero a práctica non está ao seu nivel. Por iso, hai que facer unha concesión temporal para ir buscando valores específicos que fagan de motores ata conseguir ese punto de encontro. E doume conta de que as mulleres precisan cultivar a autoestima, non conformarse con ser cidadanas de segunda clase e buscar formación e ocupación que lles permita a independencia económica… No plano social, debemos exercer a solidariedade coas persoas que nos precisen e moi especialmente coas outras mulleres, vivan onde vivan, e ser tolerantes cos avances da sociedade tendentes á igualdade entre as persoas. E non podemos esquecer a Terra, que tamén é feminina e tanto nos precisa. Pola carga tan negativa que a historia veu deixando sobre os ombreiros femininos, as mulleres adoitamos ser máis conservadoras nos costumes e nos valores impostos polo patriarcado, apoiado pola práctica dunha relixión que nos colocou á marxe da xerarquía, como se foramos humanas inferiores, por máis que o Papa Francisco teña dado un tímido paso para que subamos un pequeno banzo da gran escaleira da igualdade. Só estivemos en igualdade relixiosa co propio Xesucristo e con algún herexe, como o noso Prisciliano.

Nesta mesma dirección ía a segunda pregunta, que se interesaba por cales eran os retos aos que se enfrontaba a muller hoxe. E outra vez expresei que, na miña opinión, o reto ao que as mulleres e os homes de hoxe se enfrontan é conseguir a igualdade de dereitos e deberes. Porque as mulleres soas non poden chegar aí sen a participación dos compañeiros homes. Nosoutras debemos conquistar, ante todo, o dereito á liberdade real dentro e fóra da vida familiar –sexa cal sexa o modelo electo de familia- e os dereitos laborais. Pero eles deben aprender xogar un novo rol adaptado á muller independente e libre para tomar decisión, inda que afecten a ambos. Cando isto se consiga, a muller terá avanzado moito. Poderá exercer ou non un dos seus dereitos máis importantes, que non un deber individual: o da maternidade. O deber colectivo da procreación, que afecta ao sostemento da sociedade, estaría facilitado para que non se lle esixa a ningunha nai renunciar a todo o que hoxe debe deixar atrás se decide selo.

Publicado en El Correo Gallego (24-06-16)

 

NON Á INTOLERANCIA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Unha rúa de Bruxelas

Hai un principio contra o que é inútil loitar porque a batalla está perdida por longa que sexa para uns e dolorosa para outros: o principio da realidade. Non producirá máis que agresividade e frustración en quen se empeña en negala e moita dor en quen sabe que non se pode negar. Aquilo que existe é, persígase canto se persiga. Xa que logo, todo o que se faga contra as persoas que non seguen o patrón xeral das inclinacións sexuais –sempre que non ocasionen ningún problema por se comportaren coa ética da maioría, non exercendo nin explotación nin violencia nas relacións consentidas por persoas adultas-, non conducirá a outra cousa que a crear traxedia máis ou menos visible pola intolerencia e a fincuraxe de nos cortar a todos por un patrón único. As persoas homosexuais existen, existiron sempre e van seguir existindo, porque as historias de amor escríbense cos corpos e non coas ideoloxías. A intolerancia non fixo máis que arrepuxalas contra as súas propias cordas, facelas desgraciadas, obrigalas a dobre vida con matrimonios indesexados, vivir exilios dentro das propias familias, habitar cárceres como “vagos e maleantes”, soportar agresións físicas e penas de morte, ou a morte producida directamente por alguén fanático.

O acontecido nun clube de Orlando, popular entre a comunidade gay, é bo exemplo desa intolerancia. Omar Siddique Mateen, con 29 anos, asasinou a 50 personas e deixou 53 feridas. Ten toda a traza dun crime homófobo. O pai do asasino declarou que puido desencadearse por ter visto unha parella gay abrazada en Miami, feito que lle produciu gran respulsa. Elixir un local con presenza moi significativa de homosexuais indica criterio de selección das vítimas que o afasta da simplicidade do  terrorismo islámico, por máis que si é un acto de terror durante o que varias vítimas escondidas ían relatando por wthatsapp o horror que sentían ata que un tiro poñía punto final. Parece ser que o asasino visitaba o lugar con certa frecuencia e que incluso se divertía nel, o que revela moito do que esconden estas fobias, que é o medo que produce a inseguridade coa que se afronta a sexualidade propia. As relixións tampouco son tolerantes con este colectivo, sacado un xesto que mostrou hai pouco o Papa Francisco. A Fiscalía vén de abrir dilixencias contra o cardeal Cañizares por se cometese delicto de odio con declaracións moi duras contra o que el chama imperio gay. Por iso, a sociedade ten que vixiar estes excesos. No século XXI a tolerancia témola gañada a pulso despois dos abusos de intromisión e violencia sobre a vida das persoas pola súa sexualidade, etnia, crenzas, cultura, xénero ou calquera característica que lles veña dada e as faga diferentes aos ollos dos que cren ser o embigo do mundo. Defendamos a existencia da diversidade e celebremos que este colectivo teña dado persoas destacadas en todos os ámbitos debendo vivir a súa condición como estigma ou gardar o seu segredo  pechado con sete chaves.

Publicado en El Correo Gallego (17-06-16)