CONTRADISCURSO DO TALLO

O tallo fora a arma esgrimida contra a autoridade por unha mestra represaliada que volvera ó Val de Tortes para sobrevivir na humilde casa dos seus onde tiña caldo quente. Non se sabería que a había, se non fose porque cada dous de maio deixaba a un lado o recato e predicaba desde o corredor contra a Guerra da Independencia.

-Mirade que desgraza se fosemos franceses! Aí tedes o espello dos que emigraron aló. Fixádevos no seu coche e nos cartos que ripan do peto diante dos vosos fociños. Preguntádelles polo transporte público, pola sanidade que os atende e pola educación que reciben os seus fillos. E despois mirádevos, curándovos con menciñas e alumándovos con luz de carburo, cando a tedes. Claro que vos podedes consolar con que sodes españois. Non vos cansedes de repetilo. Matade o único galo que podedes comer en todo o ano e celebrade como merece o “Día da Independencia”.

Os veciños non lle daban importancia a un discurso estrafalario, pero a blasfemia antipatríotica chegou a oídos de quen o entendían e a forza pública tomou as inmediacións daquela casiña na seguinte efeméride. Ela viuna cerca do curral e afinou mellor un discurso que non pasou de dúas ducias de palabras. Mandáronlle baixar e resistiuse apuñendo que, a pesar de todo, tamén sabía ser Agustina de Aragón e non se rendería. Daquela, botaron a porta abaixo e apresárona na cociña, onde utilizou como arma de resistencia á autoridade o banquiño miserento.

Aquela noite durmiu na cadea.

OPERACIÓN FINANCEIRA

Chegaron os cómicos anunciando espectáculo para a noite na Praza do Concello. Paraban en Cebrea algunhas veces e, inda non tendo calidade, eran unha alegría no velorio permanente do altofranquismo. Pola noite non faltaría ninguén que puidera moverse a aquela cita.

Os cómicos non cobraban, pero no medio da actuación, saía unha rapaciña vestida de andaluza e pasaba bandeixa para recoller “la voluntad”, que se media en calderilla menor.

Aquela noite, en chegando a rapaciña por xunto del,  Xosé de Piñón estirouse, enconlleuse, intentou pasar desapercibido para non dar nada. Mais, como lle pareceu que o miraban moitos ollos, preguntoulle ao xenro que tiña ao lado e acababa de botar algo:

-E el terás 10 céntimos, Fortunato?

O xenro buscou a perragorda na ciscallada que volvera ao peto e deulla.

E Xosé empezou outravolta, a arte da camuflaxe ata que se creu libre de miradas  avesulladoras, incluída a do xenro. Daquela pechou o puño e meteu a perragorda no peto.

Pero había alí os ollos doutra rapaciña que  non perdeu ripio do que pasaba ao seu redor.

Foi a primeira vez que presenciou unha auténtica operación financeira.

 

O VALSE

Cando D. Santiago abrira consulta pasou a ser o mozo máis valorado entre a burguesía de Cebrea. Por iso as nais avisaran as fillas de como proceder, se se dese o caso, nos bailes que celebraban entre os seus membros no salón do Concello. E ben seguro que todas coincidiran en que o máis importante era non mostrarse desexosas de conquistalo nin acceder á primeira petición, como faría unha calquera.
Nun destes bailes, D. Santiago sacou a bailar a Matilda, que procedía do comercio inda que el fose dunha certa fidalguía operativa para o rango. Todas miraron a escena con envexa, porque non a tiñan pola máis guapa nin sequera pola máis agraciada. Pero D. Santiago debérao facer xusto por iso, por aburrimento ou porque non se fixara sequera en cal era a que sacaba. Xa metido en danza, púxose no papel de conquistador agasalleiro, tanto que antes de acabar o valse xa lle tiña pedido relacións e ela xa lle tiña respondido que o pensaría, que era moi nova e que o compromiso a asustaba un pouco. Xa que logo, el volveuna ao corro moi galante, deu por alí outra volta e, para sorpresa de todas, saíu sen botar máis pezas.
Como pasaban os meses, houbera máis bailes e el non volvera falar con ela, viuno pasar pola beirarrúa un día que non había xente e díxolle desde o balcón:
-Santiago, de aquello sí.
E el mirou cara arriba e co mellor sorriso, sabendo moi ben de que lle falaba, respondeulle:
-Matilda, de aquello no.

A MORTE DA GALIÑA

paco
Paco da Pereira falou de Visita de Canelas a mesma mañá que don Santiago lle matou a mediodía dunha pedrada a mellor pita por lle escarabellar o pebideiro das leitugas e llo deixar feito un cristo. Aínda que a tirou para o camiño e el a colleu a tempo para a comer –e que ben sabía- púxose outra volta a dar á lingua moi cabreado.
Aí contra a noitiña, a Visita xa lle pasaran recado e veuno acantacear por riba da parede da aira, de xeito que quedou escarmentado de faladuras, de todas as faladuras sen fundamento ou con el.
E pola noite empezou a chufar a tododeus arredor do lume, viñera ou non a conto, para parar as consecuencias, aproveitando as conversas que pasaban os que se ían quentar a aquela lareira case comunal. En canto oía un nome metíase a dicir:
-É a gran persoa.
E nunha destas alguén citou a don Santiago.
-Moi boa persoa, don Santiago. Unha gran persoa.
O interlocutor, que o oíra esbardallar contra el, espetoulle:
-Pero matouche a pita, coño!
E Paco respondeu correndo para chegar a tempo:
-Tivo a culpa a pita por entrarlle na horta. El é unha gran persoa.

O GRAMÓFONO

moucho

Don Pedro de Meizarán (Don Pedro Cela Cela y Cadórniga, dicía el nas presentacións) foi onda o xastre Abelardo para escoitar un disco no gramófono Víctor, o da imaxe dun Fox Terrier Nipper escoitando. Abelardo púxolle o tango “Se va la lancha” e el, ao acabar, colleu o equipo nun brazado para o levar á casa do Dr. Vilamarín, o home dunha irmá que o tiña acollido.

-Seino manexar, Abelardo –berrou baixando as escaleiras-. Temos un igual en Meizarán.

O xastre foi detrás para recuperalo. Xa no salón de visitas, Dª María quixo disculpar a seu irmán, como tantas veces:

-Vaia, Abelardo. Pedro foino quitar de traballar. Canto o sinto!

-Non se preocupe –mentiu con elegancia-. Neste momento estaba ocioso.

-Claro que, xa que está aquí, agradeceríalle moito que me permitise escoitar algo de música –pediu ela-. Sempre a boto de menos.

-Non faltaría máis, señora. Pero Vdes. teñen un igual en Meizarán, ¿non si?

E D. Pedro adiantouse a responder cun berro que rompeu o recollemento que o apousento requería:

-Non!!!!

cravo

8
Serafín da Pereira cando foi quinto non superou a talla mínima e volveu para a casa exento do servizo militar. Primeiro tomouno con aprensión e andou amoucado, pedíndolle alternativamente á Virxe do Cebreiro e á de Tarnas que a xente non se dese conta do seu caso.
Despois foise animando porque lle pareceu que tiña unha característica pouco común que mesmo o podía facer importante. E tanto medrou por dentro con esta idea que empezou a falar de tal feito cos máis próximos a ver que pensaban verbo diso.
Como o comentario que lle facían é que se librara de estar no cuartel pasándoas putas, cavilou en que ser baixo era moita sorte de Deus e pasou a andar moi contento botando gargalladas por menos de nada, inda que non falase abertamente do tema.
Cando chegou a vello, requintou máis aquela pasada fortuna poñéndoa como centro do seu curriculum vitae:
-E cando me mediron para ir ao servizo dixéronme: “Corto excluido sin talla ninguna”..
A xente ríase polo baixo. A el poñíaselle cara de ter sido, por esa razón, o home máis feliz do mundo.

O TRAXE

minirrelato

A Gregorio, o xastre de Penamaior, leváronlle unha mociña a que lle ensinase a coller a agulla e o dedal, o que os paisanos chamaban “desarnarse”, a ver se valía para adquirir o oficio. A mociña, ao cabo de dous meses, sabía xa con algún fundamento as primeiras tarefas dunha oficiala.
Aproximábase o San Lourenzo e ela axudou nos dous traxes encargados para a festa. Un pertencía ao mourádego dunha casa boa que a ela lle enchía o ollo e inda máis á familia. Era bo mozo, o traxe quedáralle moi ben caído e, ao saír da misa, as nais chufaban o mourádego e o ben que lle sentaba a vestidura.
Nun dos corriños da conversa estaba a nai da mociña, que dixo con entusiasmo:
-Pois o traxe fíxo xa a miña filla.
Inda ben non soltara a frase, deuse conta de que tiña o xastre a carón mirándoa en fite e viuse obrigada a engadir de inmediato un pequeno detalle:
-Con algo que lle axudou aquí Gregorio.