PREMIO A NOVELISTAS XOVES

 

Biblos, Clube de Lectores cumpre 10 anos de traballo de Tucho e Carmela pola cultura, moi principalmente a edición e difusión do libro. Pero aínda vai máis aló, pois, en colaboración con Pazos de Galicia, converteuse tamén en promotora de creación cun premio para xente moza menor de 25 anos. Concorren aspirantes a novelistas cun proxecto que, valorado por un xurado, seguirá o percurso coa tutoría dun escritor ou escritora consagrados ata acabar a obra cun ordenador portátil do trinque, afastándose dos ruídos mundanos durante un mes na Casa Grande do Bachao. Quen gaña recibe tamén a escultura de Luis Loureira, A peneira dos soños. A novela publícaa Biblos en galego e castelán.

Neste establecemento, sobre o río Tambre na aba do monte máis alto de Santiago (Castromaior-Espiñeira), que foi un lugar de recadación de tributos, entréganse os premios nunha festa literaria na que se dan cita persoas do mundo da cultura de Galicia –con presencia tamén de Portugal- representando  a literatura, a edición, a música, a plástica, o teatro… Esta é unha festa moi particular, ademais de polo seu motivo, polo esmero con que é preparada polo anfritrión, Xavier Goyanes, e polo lugar xeográfico no que sitúa a casa, pois o solpor alí é realmente espectacular. A festa estivo amenizada pola cantante María Xosé Silvar, Sés, con varias pezas do seu repertorio.

Na novena edición, cun xurado composto por Iria Morgade Valcárcel, Tucho Calvo e María Xosé Queizán como secretaria, a gañadora foi Lidia Gómez, de dezanove anos, que, en palabras da secretaria que será a novelista tutora, ofrece un retrato singular dunha sociedade de tipo decimonónico a través da relación dunha lavandeira compostelana e a súa patrona, dona dunha curtiduría da Pontepedriña. Tamén estaba presente a finalista, Adriana Grela, á que Queizán animou a seguir traballando no seu proxecto.

Canda este galardón-estímulo á creación literaria, os convocantes fixeron entrega tamén da outra modalidade, o V premio á Colaboración Necesaria coa Cultura, que recibiron Narciso Luaces e Herminia Cobelo, parella que coida o Museo Etnográfico de Meixido, en Ortigueira, en consideración á importancia das máis de tres mil pezas que exhibe, ao trato persoal e altruista que ofrecen e os coñecementos que transmiten sobre todas as pezas expostas.

 

 

CONVERSA A MESA E MANTEL

A revista gastronómica Ben bo, que leva dous números na rúa e vai sacar o terceiro, ten unha sección novidosa: a conversa entre dúas persoas mentres xantan nunha casa de restauración acreditada. No primeiro número, os cineastas Luís Tosar e Jorge Coira. No segundo, os gastrónomos Pepe Solla,  pai e fillo. Para o terceiro, a literatura e a comunicación. E tiven a sorte de ser convidada a diálogo con María Solar, alumna antano e amiga hoxe.

O encontro tivo lugar na “Casa Isolina” de Taragoña (Rianxo), que conta con gran tradición e ten un xardín privilexiado na sombra do mediodía. Alí sentamos a falar tal como nos anunciara Miguel Vila Pernas, amable convidante, do divino e do humano. O menú que nos serviron, en parte suxerido polas nosas apetencias e en parte ofrecido pola casa como especialidade, foi unha auténtica ledicia para os ollos e para a boca. Desde as xoubiñas entrantes ata o viño doce da sobremesa, voulle dar sen  reservas a máxima calificación e alí me terán calquera día a recuncar.

Sermos as dúas mulleres supoño que lle deu á conversa algunha característica especial. As que non renunciamos ao coidado alimentario dos nosos e andamos a diario na cociña temos un punto de vista que engadir á gastronomía: comer mellor con menor gasto. E aínda a preocupación pola  educación nutricional, que engade os criterios dietéticos. A pesar das diferencias xeracionais, coincidimos plenamente nesas apreciacións. E alí lle demos á importancia da culler nos menús para todas as idades, de introducir alimentos baratos –como  algúns peixes sabedores- nas cartas dos restaurantes e da recuperación dos nosos pratos de sempre adaptándoos ás recomendacións gastronómicas de hoxe. Para corroborar esta proposta, pedimos unhas xoubas guisadas das de toda a vida e déronnos a razón. Pura gloria.

Tamén concordamos na necesidade que teñen moitos establecementos hosteleiros de coidar a calidade do pan e de ofrecer unha pequena variedade na paneira, así como das patacas que non adoitan estar á altura das marabillas que se producen no país e que os compangos merecen. De recuperar as variedade das nosas empanadas conservando os ósos da pequena bichería que tanta sustancia dan, aínda que sexan máis difícil de abordar no prato. E non podíamos esquecer unha sobremesa de calidade con froita de tempada incorporada.

O ENTERRO DE ROSALÍA E O NACEMENTO DO MITO

 

FOTOGRAFÍA DE "MOZ"

FOTOGRAFÍA DE "MOZ"

Ao enterro de Rosalía de Castro no cemiterio de Adina acudiron unhas ducias de persoas. Seis anos despois (25 de maio de 1861), no traslado ao Panteón de Galegos Ilustres que ela inaugurou, acompañaron o seu féretro miles de galegos e galegas nun acto cívico sen comparanza en Galicia. Xa nacera o mito, que tanto a había prexudicar como escritora cumpridamente interpretada pero que a ía converter nun dos grandes símbolos de Galicia.

É agora, pasado o tempo, e consolidada a súa estima polo seu pobo e o gran mérito de recuperar a lingua propia de Galicia para o futuro con dous poemarios de altísima calidade, cando cómpre coñecer debidamente a súa biografía e desentrañar a variedade e riqueza da súa obra cunha visión que abranga o seu conxunto.

Esperamos que a celebración do sesquicentenario de Cantares gallegos promovida polo Consello da Cultura e o traballo das moitas persoas, na súa maioría mulleres, que se interesan aquí e en todo o mundo pola súa obra fagan novedosas interpretacións do seu significado no conxunto da literatura europea contemporánea.