OS OLLOS PECHOS

#fotopoemas

#poesiaminima

#haikus

 

Pechan os ollos

e a tristeza duplícaos

sen a ver eles.

Advertisements

AS CAIXIÑAS DOS MEDOS

 

Preguntábase,
mirándose no espello
que lle amostraba todos os días a mesma cara de onte,
se xa sería vella
e ante o silencio
iniciou un paseo de zapatillas gachas
ó interior do seu corpo.

Nadou baixo as fervenzas das aurículas,
sentouse moi a modo no xardín dos artellos
e seguiu o paseo das arboredas
dos tendóns outonais.

Pero non atopou a senectude
e seguiu máis adentro buscando frondes en viaxe infantil
onde tiña soterrados os seus medos,
uns medos que naceran perfumados de primavera
e que permanecían en caixiñas
que ora estaban recubertas con inocencia de chocolate
ora de frío lacerante como eses carambelos
que expenden as xeadas á beira dos tellados.

Despois abriunas como tantas veces
e atopou os seus medos tan resecos
que só eran poeira de palabras,
memoria inerte,
pura cecina de alma
manando da memoria coa racionalidade
da táboa de Pitágoras
e a criba de Eratóstenes.

Volveu da súa da viaxe.
Descubrírase vella e predisposta
a perderse no aire calquera tarde quén sabe cara ónde
como a flor das anémonas.

En Revista de Poesía ZURGAI, “Algo más de 20 años”. (Setembro de 2000, en versión bilingüe).

CIDADES

As cidades gardan nos seus peiteados un soño azul,
nos tacóns, un cadáver,
e na papiroflexia dos seus seos,
un intocable disco de vinilo,
un calcetín impar,
un prato herdado,
un piano poeirento,
un sutil arrecendo a especia exótica,
un segredo,
unha risa,
unha billa que pinga,
un neno triste…
 
Tan só Berlín
ten o teu nome escrito no cristal dun café
unha tarde de chuvia.
 
 
Berlín, maio 2006