LEVA HORA BOA?

Paroume hoxe na Rúa do Hórreo de Santiago unha muller entrada en anos para me preguntar:

-Leva hora boa?

-Creo que si –dixen arremangando un chisco a manga esquerda-. As dez e media.

O meu reloxo marcaba unha máis porque me nego a cambialo mentres poida manexar a dobre irrealidade. Veiga de Nullán non mudou o seu Roskopf o 16 de marzo de 1940, tal como mandaba o BOE, cando Franco obsequiou a Hitler endilgándonos a hora alemana. E con el morreu, coa hora pola vella, que así se chamou unha boa tempada a que perdemos. Eu non son tan heroína coma el e só a teño desenfocada medio ano. Aquela broma alemana xa pasa por normal e a ver cando desaparece a de vai e vén.

As horas son fraccións de tempo que miden os reloxos cando funcionan: cada sesenta minutos pasa unha. Pero existen horas non suxeitas a canon: as psicolóxicas, curtas ou enormes, e as de camiñada, que fan que un punto poida quedar a dúas, a tres ou a unha e media, segundo quen nos informe da distancia. Outra variante elástica é a do paso de repartidores.  As cartas, o pan, o peixe, o butano… marcaron no rural cando se erguer, almorzar e xantar, e inda hoxe son unha referencia. Balbino da Pereira ía levar o correo a Guilfrei e estivo tentado varias veces de alterar a vida daquela xente á que lle servía sobre todo de reloxo, porque era bo pero algo traxugado.

Os galos tamén colaboraron con certa aproximación a medir o tempo mentres andou guiado polos fusos horarios, marcando un fito cada tres horas a partir das doce da noite. Despois deron os pobres en estorbar nos barrios das cidades que soportaban os intempestivos toques monacais de maitines, laudes e prima, pero non querían vestixios do mundo rural que abandonaran. E era bastante fiable o rastro que o sol vai deixando nos obxectos verticais polo bo tempo. A paisanía indicáballe á rapazada cando sacar o gando ao pasto segundo unha cota onde debía estar o sol, que e o fundamento dos milenarios reloxos de pedra.

O médico de Cebrea receitaba medicinas “cada tres hora polo reloxo”. Oíao cando eu esperaba a miña quenda de consulta. E volvía facer fincapé no detalle ao despedir xa na porta os doentes e a quen os acompañaba:

-As horas son polo reloxo. Horas do reloxo.

Porque as do reloxo, fose de peto con leontina, de peto oculto, de pulso ou do que fose, se funcionaba, eran a boa hora. As outras todas non valían para sandar, nin para coller un transporte, nin para entrar nunha oficina.

Se soubese a señora que ben lle entendín o que me preguntaba…