LEDE A ROSALÍA

Lede a Rosalía, que non escribe “das pombas e as frores”, como di no primeiro poema de Follas novas. Os libros rosalianos teñen enorme interese ademais de poesía. Desde o seu coñecemento do medio físico e cultural de Galicia, que se concreta nun riquísimo vocabulario, as referencias xeográficas, a descrición dos nosos costumes, ata os valores humanos que se desprenden dos seus poemas máis solidarios, sobre todo coas mulleres que son naquela época as grandes marxinadas da historia e cos pobres de todos os tempos que sofren toda clase de inxustizas de man dos poderosos.

A palabra de Rosalía fomenta igualdade de xénero e a súa pluma comprometida proponnos non poucas reflexións arredor da emigración e o triste desarraigo que padecen  “os que noutras terras/ tén que buscar pan”.

Rosalía é unha poeta intemporal que non pasa de moda. Por desgraza da humanidade, os seus poemas máis cívicos son homologables aínda coas circunstancias polas que pasa o mundo máis empobrecido que cada vez abre fendas máis profundas entre os ricos e os pobres. E as análises e intuicións que fai nos seus versos relativos á condición humana, á dor, á finitude, ás ansias de inmortalidade, á soedade radical que padece o noso espírito é unha canteira de versos aplicables ás mulleres e homes de todos os tempos, de todas as xeografías e de todas as culturas.

Lede a Rosalía. Ensinaravos a apreciar o voso, a valorar o idioma milenario que herdamos dos antergos, a coñecer mellor a riqueza cultural do voso espazo, a ser solidarios cos que sofren, a mostrarvos sensibles perante as inxustizas, a valorar as capacidades creativas e intelectuais das mulleres, a profundizar nos vosos pensamentos e a expresar ese resultado para vos coñecer mellor e para mellor os transmitirdes.

Non vos defraudará tampouco o seu sentido do humor. Ao lado dos poemas que mellor retratan o pesimismo humano, Rosalía utiliza o xenio do humor de noso que é cerne do noso espírito. Ela desmostraravos en que consiste a máis fina das ironías, aquela que invirte os papeis, a que di o contrario do que parece dicir. Por iso sei que moitos dos seus poemas vos arrancarán un sorriso e outros unha gargallada.

Non fagades caso da lenda de Rosalía santa. Nin tampouco da Rosalía choroa. Ela non fai máis que cantar a realidade que viviu e viu ao seu redor. Ela explica así o fenómeno do pesimismo que por veces a invade e nos invade: “Triste é o cantar que cantamos/ mais que facer se outro mellor non hai”.

Rosalía por Luz Darriba

Rosalía por Luz Darriba

COMPOSTELA ROSALIANA

Hoxe Compostela é rosaliana. A cidade que á poeta lle parecía estraña, fermosa e fea a un tempo é protagonista dunha serie de actos culturais arredor de Rosalía de Castro, que naceu nela hai 175 anos. Diversos escenarios da capital de Galicia serán o espazo no que a sociedade conmemore a aparición da nena María Rita Rosalía, que aquel día constaba como filla de pais incógnitos. Tomarán protagonismo rosaliano moitos dos seus lugares. O monolito da Praza de Vigo que recorda a casa onde súa nai a deu a luz no vello “Camiño novo”. A estatua da Ferradura receptora de moitas homenaxes á poeta nas primeiras décadas do pasado século o día do Santiago. San Domingos de Bonaval onde está soterrada e a visitou Curros cunha singular ofrenda. E o Hostal dos Reis Católicos en cuxa capela recibiu o bautismo. De alí sairía a meniña cara a inclusa se non a recollese súa madriña e llela entregase a dúas tías paternas.

As relacións de Rosalía coa súa cidade foron plenas, pois nela recibiu a primeira formación socializada e fixo os primeiros amigos intelectuais, desenvolveu a súa faceta de actriz, tivo fillos, perdeu a un deles en accidente doméstico, viu a morte sementada nas súas rúas o terrible ano da fame e padeceu as súas estreiteces económicas. Polas rúas tamén a perseguía a negra sombra que proxectaba contra ela unha sociedade puritana que non lle perdoaba as súas orixes, para daquela sacrílegas. Pero Rosalía foi cantando e citando os seus lugares e arredores como ninguén no poema “Adiós” e escribiu fermosísimos versos á catedral que completan co seu lirismo a magna obra do mestre Mateo. Algún día, alguén terá a idea de promover un roteiro rosaliano por Santiago. Será un éxito turístico que difundirá máis a escritora galega, a grande entre os máis grandes da literatura universal.

Rosalía marcou Cantares gallegos coa data do nacemento do seu home, Manuel Murguía, que a animara a escribir o libro iniciador da nosa poesía contemporánea. Follas novas asínao coa do seu, aínda que o fai no día 23. Vida de madrugada, conservou a incerteza de a cal dos días correspondía a hora. As datas de nacemento da parella portican as súas obras galegas. Ela sabía que naceran para facer algo grande. A pesar da humildade dos seus prólogos, sabe que leva na fronte unha estrela e no bico un cantar, como dixo despois Curros Enríquez.

Busto de Rosalía de Castro por José María Fenollera

Busto de Rosalía de Castro por José María Fenollera

MEL DE GALICIA

O mel de Galicia será protagonista no Fórum Gastronómico de Santiago o día 27. A nosa paisanía, apañadora de enxames e catadora de cortizos, xa usou o mel como alimento, alén do seu valor medicinal por avogoso para a gorxa, os catarros e algunhas pizmas externas. Mel con ovos e chourizos fritos servíase na Terra Chá a calquera oficial –traballador de oficio- que prestaba servizo polas casas a mantido. E dime un amigo de Chantada que na súa infancia comía touciño entrefebrado partido en pequenos tacos e revolto con mel, acompañándoo con pan de centeo. O mel era xa, no capítulo do que hoxe chamamos sobremesas aínda que algún día compretara o menú, un luxo para filloas –con sangue de porco- e feixós –sen el-, que pola parte oriental de Galicia manteron competencia, aínda que as filloas fosen máis estacionais. Tamén era compango habitual con queixo do Cebreiro ou con requeixo.

Unha amiga e mais au andamos a preparar un libro de receitas da cociña que amañaban as nosas avoas cando non había cartos e si moita familia. Son receitas creativas, baratas, que espertan en nós poliédricos recordos infantis, etapa na que os olores e os sabores teñen valor fundacional para as emocións. Haberá que lle dedicar unha atención especial ao uso do mel, que o soía haber na casa.

Para estimular os ases da nosa cociña e o estudantado do derradeiro curso das escolas profesionais de hostelería de Galicia a que lle dean ao mel sen medo a experimentar tamén co salgado, o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e o Fórum Gastronómico de Santiago de Compostela convocaron o concurso “Ouro doce en fusión: vangarda, tradición e creatividade na alta  gastronomía galega”, que tivo unha estupenda recepción. Cada aspirante presentou dúas receitas por modalidade: Petisco de Ouro e Doce de Ouro. O ingrediente estrela debía ser calquera das variedades do mel acollido á regulación en combinación con outros elementos do noso patrimonio culinario de terra ou mar.

Un xurado profesional e outro popular, a través de Facebook, elixiron as catro que consideraron mellores. Agora tócalles aos autores cociñalas no Foro para seleccionar os dous premiados.  Agárdaos un lingote de ouro, e un mantelo e unha figura de cristal de firmas colaboradoras. Sexa benvida a chegada do mel á nosa ben traballada alta gastronomía.

Xurado e traballadoras do Consello Regulador

Xurado e traballadoras do Consello Regulador