OS TERCEIROS OLIMPÍCOS

OUTRAS OLIMPÍADAS

Nos Xogos Olímpicos de Rio de Janeiro –os xornalistas do deporte non dan pronunciado un nome tan difícil, porque non está en inglés- atletas e deportistas do mundo rememoraron aqueles  Xogos da Grecia antiga en honra aos deuses maiores do Olimpo, que se celebraban cada catro anos. Olimpíada era esa unidade de tempo que mediaba entre os Xogos físicos nos que os participantes, que eran só varóns que se mostraban espidos, lucían as habilidades da súa musculatura. Mentres duraban había tregua para os celebrar en paz. En Grecia cultivaban o corpo canda a mente uns privilexiados que pertencían á minoría libre masculina e este cultivo dual facíaos máis libres e útiles tamén, pois aqueles corpos podían desempeñar unha función social se fixese falta poñer o adestramento e a forza ao servizo da consecución dun ben común. O nome dunha das probas olímpicas recorda a fazaña do soldado Filípides que foi correndo desde Maratón a Atenas (42 Km) para anunciar a tempo a vitoria sobre os persas e que as atenienses non sacrificasen as nenas antes de que o fixeran os inimigos se resultaban gañadores, tal como tiñan anunciado que farían. O cristianismo tildou aqueles Xogos de pagáns, mais a sociedade moderna restableceunos dándolles entrada ás mulleres e facendo outras substanciais modificacións que requería o paso dos séculos. Unha das modificacións é ben triste, pois deixaron de ser un cese de hostilidades porque o mundo ampliou os horizontes e a liorta é unha desgraza perseverante. Hogano, mesmo no país organizador as protestas contra os propios Xogos foron moi ostensibles, interrompendo o paso da tocha olímpica con numerosas manifestacións nacidas de causas diversas pero todas relacionadas co gran descontento social xerado polo gasto dun diñeiro público que o país non ten para paliar as necesidades elementais de gran parte da súa cidadanía.

NAUFRAXIO

Fóra do territorio acolledor, o mundo segue coas súas voltas e co efecto devastador das guerras a gran escala, das migracións que ocasionan e do rechazo que estes movementos humanos reciben. Hai moito esforzo de superación dos conflictos e de xenerosidade para ayudar a resolver as súas consecuencias. E se os Xogos teñen unha réplica Paralímpica para atletas con certas discapacidades físicas, nacidos como un pequeno evento británico cos veteranos da Segunda Guerra Mundial marcados nos seus corpos, quizabes fose hora de crear unha terceira modalidade para premiar o exercicio de risco dos que precisan salvar a vida e os que lles axudan a conseguilo. Esta nova modalidade promovería o trato igualitario dos atletas do esforzo pola supervivencia e dos atletas profesionais que traballan co corpo sen outra finalidade que o seu cultivo. As redes sociais, fenómeno de influencia insoslaiable, foron mostrando día a día eses deportistas que nadan pelexando con perigo de morte, que marchan cos pés envolveitos en trapos porque o calzado non resiste tantos quilómetros e que apagan os nosos lumes.

OLÍMPICOS

Texto publicado en El Correo Gallego (27- 08-16)