IDENTIDADE AUTORIAL DE POETAS GALEGAS CONTEMPORÁNEAS NAS REDES SOCIAIS (InmaDoval Porto, 2019)

“PROXECCIÓN AUTORAL DAS POETAS GALEGAS NAS REDES SOCIAIS DIXITAIS. APROXIMACIÓN A CATRO CASOS REPRESENTATIVOS: HELENA VILLAR JANEIRO, DORES TEMBRÁS, AFRA TORRADO E ESTÍBALIZ ESPINOSA RÍO

Autora: INMA DOVAL-PORTO

(Entrevista a Helena Villar Janeiro)

  1. Cando e como comeza a túa presenza na rede e que se mantén daquel inicio?

Quizabes sexa de interese considerar que veño traballando con PC desde 1989 e que estou conectada á rede desde 1996. Participei como opinante nas primeiras plataformas, polo tanto tiña xa iniciado un xeito de comunicación que desembocaría na publicación dixital de textos. Inaugurei o blogue TIRAR DO FÍO (2010), entrei en Facebook (2011) e finalmente en Twitter (2014). Non participo de Instagram, inda que o meu traballo fotográfico-literario poida parecer moi acaído para esa rede. Hai, polo tanto, un longo camiño de escrita que se foi arriquecendo con imaxes incorporadas ao texto.

  1. Utilizas ou utilizaches pseudónimos nos teus perfís?

Nos foros si empreguei pseudónimo, un nome e apelido familiar co que me sinto moi identificada. Como escritora, quizabes por estar sempre exposta ao público non considero oportuno andar de incógnito. Así que nos meus perfís aparece o meu nome.

  1. Cal é o obxectivo principal da túa presencia nas redes sociais dixitais? Estableces diferentes usos para cada plataforma?

Creo que a razón pola que entrei nelas foi vir para nunha pequena aldea con relacións sociais máis limitadas que nunha vila ou cidade. Unha vez dentro do mundo virtual, comprobei as posibilidades que podían darlle á escritora. Por outro lado, coincide este feito co interese pola fotografía, posiblemente  a miña última paixón creativa  porque xa ando polo III Acto da peripecia vital. A combinación de imaxe e texto é oportuna nestas plataformas, así que naceron experiencias novas: poesía mínima, minirrelato e inda micropoesía con fotografía á que lle incorporo efectos 3D. Non sei se chegarei ao vídeo, pero non lle atopo demasiado interese, porque me gusta que o texto permaneza como tal.

En canto aos usos, preferentemente publico en Facebook  na páxinas persoal –onde son unha cidadá activista e comprometida con diversas causas, inda que tamén  escritora- e  profesional, que dedico exclusivamente á literatura. Non abandono o blogue no que deixo artigos, entrevistas e outros textos  por ter posibilidade de recuperalos con pouco esforzo. O Twitter úsoo máis como medio de información que de expresión, pero tamén deixo alí os “micropoemas”.

  1. Coidas a túa imaxe nelas?

-A imaxe –non só a física, senón a integral extensible ao traballo- procuro coidala, sobre todo porque teño a pretensión de ser, dalgún xeito, educadora social. Ser pedagoga vén imprimir carácter a toda a túa proxección. Oxalá que non se note o esforzo que fago para que así sexa.

  1. Consideras que existe unha fenda de xénero na publicación en papel, e de ser así, pensas que se perpetúa, ou se minimiza nas plataformas dixitais?

-Se nalgunha actividade estamos hoxe a conseguir algo que se pareza á igualdade cos homes é na literaria. Outra cousa era cando empecei a publicar, que eran tempos vedados para  a maioría de nosoutras. E creo que esta tendencia é visible no que se edita en papel tanto como no que se edita en dixital.

  1. Participas nalgún proxecto colectivo en internet focalizado á difusión de escrita contra-hexemónica?

-Adoito andar  por libre, inda que non me limito deliberadamente. Se son chamada para algo, xeralmente acudo voluntariosa, pero sempre en cousas puntuais.

  1. Funcionan estas redes como fío interxeracional?

-Creo que si. E, a xulgar pola xente que me segue e fai patente o seguimento, teño representantes de todas as idades.

  1. Primeiro foron os twittpoemas, recentemente xurdiu o boom da Instapoesía e neste momento hai una gran cantidade de poetas que publican as súas creación nas redes sociais virtuais. Que opinas deste fenómeno? Podería unha poeta chegar a ser “influínte”?

-Toda creación debe ser ben recibida, pois é un acto xeneroso e necesario. Sen dúbida, a literatura nas redes ten as súas esixencias, como a brevidade. Ao meu ver, nada substituirá un libro de poemas sobre papel porque é un soporte que permite a pausa, a reflexión, o pracer intelectual e o gozo de varios sentidos. En canto á palabra “influínte” non a podo relacionar coa literatura como arte, senón como produto comercial ou como fenómeno máis superficial e efémero. A influencia que pode ter unha escritora debe ser algo que non se colleita no momento e que pervive.

  1. Favorecen as plataformas sociais virtuais a hexemonización das linguas de poder ou benefician a comunicación creativa en linguas periféricas?

-Creo que potencia os dous fenómenos e oxalá esta contraposición logre un equilibrio que é desexable. Por un lado, hai quen se rende ante os “grandes idiomas” por crer que  así se chega máis lonxe, o que non deixa de ser unha pretensión lexítima pero utópica a meu ver. Por outro lado, posibilita unha superación de espazos para linguas máis restrinxidas e  actúa como un apoio normalizador ao que eu non me podería negar nunca. De feito, publico todo en galego, mesmo as intervencións nos fíos que hai na nosa competidora máis frecuente –o castelán-, que poucas fago. Creo que isto tamén contribúe ao respecto polo distinto, ao aprezo polas diversas culturas que poden convivir nun Estado no que, cando menos, tres das súas linguas son irmás, e polo tanto, de doada comprensión.

  1. Diminúe a instantaneidade destas plataformas o pouso e madurez das creacións poéticas que nela presentas? Meditas o que publicas ou estableces unha diferencia entre o que está no ciberespazo e o que logo é editado en papel?

-Cando falaba de coidar a imaxe tamén quería dicir isto: fago un traballo diferente polas esixencias do medio –a brevidade-, pero pensado como parte integral da miña obra. O ano pasado Alvarellos editoume “Poesía Mínima. Minimal Poetry” cunha selección de haikus que foran publicados nas redes, onde el os coñeceu. A escritora é a mesma e o traballo non pode facer abrir fenda no que eu considere que lle aporta cualidade.

  1. Umberto Eco censurou estas plataformas, ás que denominou como “a invasión dos necios” por permitir opinar a calquera persoa, con ou sen coñecemento. Que opinas sobre esta afirmación? Poden chegar a substituír o papel da crítica especializada?

-Eco é moi intelixente e, polo tanto, atina no que di. Pero hai algo moi testán, que é a realidade. As redes están aí e non se lles poden dar as costas. Eu non desprezo estas plataformas, porque as constitúe a xente, a mesma xente que forma a sociedade. Sei que os xuízos que se fan nelas son máis ou menos atinados segundo a preparación de quen os faga, pero permiten unha difusión e un goce da arte que se perdería doutro modo. O que máis me asusta como creadora non é o que poidan opinar sen máis, senón que se usen para agasallar con votos decisivos por petición para outorgar algún premio ou axuda de calquera tipo. Paréceme un abuso de poder dos números,  unha corrupción máis das que enchen o noso tecido social. Os premios que se outorgan por este medio creo que deberían repensarse, porque non é o procedemento adecuado, senón unha perversión dos mesmos.

  1. As poetas teñen a palabra, mais agora a palabra transfórmase en imaxe que se enche de contido. Afastan estas plataformas o poema da textualidade?

-En certa maneira danlle unha nova dimensión e a arriquecen matices. Calquera apoio artístico que se lle engade a un texto réstalle pureza, pero non significa que lle faga desmerecer, sempre que ese apoio sexa acaído. Na miña experiencia de traballar con texto e fotografía a mensaxe adoita ir tan enfurcada que moitos poemas non son comprensibles sen a imaxe ou, cando menos, significarían outra cousa.  Pero están feito con esa intencionalidade interactiva deste que nacen.

  1. Hai persoas que crean contas co nome de celebridades, asumes ese risco? Tiveches que bloquear a alguén nas túas contas?

-Tal como dicía polos pseudónimos, traballo co nome á vista. Como escritora, é dicir, en publicacións creativas, nunca tiven problemas de bloqueo, inda que si me teño desfeito dunha persoa moi resabida que me viña dando leccións sobre haikus que chegaron a cansarme despois de responder varias veces con cortesía. Porque traballo o máis axustada que podo ao seu espírito, pero non renuncio a enraízalos na cultura occidental do século XXI, como teñen feito moitos dos grandes poetas do mundo.  Nos espazos que ocupo como cidadá si que tiven que bloquear a algunhas persoas por motivos ben diversos.

  1. Nalgunha ocasión pensaches en abandonar as redes? Que consideras que perderías?

-Non sei se hai alguén que as frecuente que non pensase nalgún momento en abandonalas. Mesmo hai quen o consegue. Sen embargo, eu son sabedora de que lles debo moito estímulo para crear doutra maneira e supoño que seguirei no mesmo empeño con maior ou menor presenza.

  1. Na túa opinión, poderían estas plataformas axudar a fornecer a escrita de autoría feminina e galega dun tecido colectivo de empoderamento que axude a desprazar un discurso hexemónico, quizais, demasiado patriarcal?

-Teño moi claro que as mulleres debemos estar presentes en todas as plataformas e actividades ocupando o noso lugar, porque non podemos perder posibilidades de visibilización nin de  manifestármonos como seres plenos  con capacidade para cambiar un mundo no que inda non participamos o suficiente como para nos ser atribuíbles os seus males. Pola contra, coa nosa liberación cívica e social virá tamén unha liberación complementaria masculina que mellorará as relacións humanas a todos os niveis así como un goberno máis equitativo do planeta e dos seus recursos.

07/02/2019

CANCIÓN PARA QUE HELENA FAGA SETE ANOS

SANYO DIGITAL CAMERA

Sete, como os cabritos do conto que rescatas

das gadoupas do lobo desde a divina infancia

coa sensatez saíndo xa no teu horizonte:

“Que burro é. Cantos traballos pasa

sabendo que no super venden cabrito morto”.

 

Sete, como as ananos coidando a Brancaneves,

a princesa sumisa. E sete como as outras, heroínas,

que te atrapan tamén con antifaces,

con alas transparentes e espadas triunfadoras.

 

Sete veces pasou esta efeméride, igual que sete estrelas

que van cadanseu ano enchendo o ceo

daquelas ilusións que chegaron contigo

unha mañá de agosto por entre cabrinfollos.