OITO DE MARZO, EFEMÉRIDE DE DOR

Pasaba a nena…

Nós, as predicadoras, falabamos

para ela, que pasaba

da man de súa nai…

 

Pasaba a nai…

Nós, as predicadoras, falabamos

para ela, que pasaba

dándolle a man á nena…

 

Falabamos…

Pasaban…

 

Pasaban e pisaban

as palabras caídas na sombra proxectada sobre a historia

por todas as mulleres.

 

Falabamos…

Pasaban…

 

Pasaban e pisaban

a forza de Lisístrata facendo a contraarenga,

o saber sanguentado do cadáver de Hipatia,

as esixencias de Flora Tristán,

as cinsas das obreiras da Triangle Shirtwaist,

a afouteza das rusas revolucionarias

perante as criaturas que morrían de fame.

 

Falabamos…

Pasaban…

 

Pasaban e pisaban

tanta cera,

tanto veo,

tanta opresión,

tanto sangue,

tanta inxustiza,

tanto silencio,

tanta mutilación,

tanto dominio,

tanta mercadoría,

tanto desprezo

tanta submisión

tanto maltrato

tanta ignominia

e tanta indignidade.

 

Falabamos para elas que pasaban

alleas a si mesmas,

pois toda a carne feminina é unha

e un o seu sufrimento.

 

Publicado no número 3 da revista OLGA (Madrid, marzo, 2017)