CELEBRACIÓNS TAURINAS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Arguméntase contra as persoas abolicionistas das touradas que o animal morre con dignidade porque se lle permite defenderse. As defensas dun touro nunha praza coutada, enganado por un pano rubio e ante un “destro” ou “matador” ben entrenado para un oficio que chegan a chamar “arte”, son mínimas. Non obstante, hai algún que logra defenderse coas súas armas: as cornas que penetran como espadas no tecido corporal do adversario humano e poden causarlle a morte. Tristemente, acaba de pasar. En boa lide, era unha loita na que un dos contrincantes acabaría morto. Lamentando moito calquera morte humana, e máis a de quen ten vivido pouco tempo, non está demais constatar que este é un espectáculo sanguiñento que fai sufrir sempre a un animal e que pode converterse nun exercicio mortal para un humano.

ToureiroTristemente, a vida ten unha lidia metafórica diaria para buscar a supervivencia da que uns saen mellor parados que outros. Morren persoas en accidente laboral cumprindo o servizo encomendado, en transportes para dirixirse ao traballo e nas actividades de espalecemento e ocio ás que todos debiamos ter dereito. Como todas as vidas valen o mesmo, só deberan ser consideradas excepcionais e sobranceadas aquelas nas que quen morre o fai en circunstancias de gran xenerosidade co próximo, como é pretender salvar a vida dun semellante. E mesmo a das mulleres asasinadas polo oficio de ser muller a quen un home pretende ter sometida á súa vontade e ante o que están indefensas convivindo co maior dos terrorismos.

Hai tradicións e festexos que deben ser revisados. No transcurso do tempo, o pensamento máis civilizado vai avanzando cara ao respecto polos dereitos humanos e tamén os dos animais, entre os que o primeiro é non sufriren maltrato. Os touros son as grandes vítimas da vella superioridade humana que precisa demostrar quen é o que domina. Nalgúns territorios ibéricos o verán é propicio para sacalos á rúa en  divertimento despiadado, moi nomeadamente dos homes que bregan con eles como artífices da fazaña, pero tamén dun público moi  entusiasta das súas tradicións que tan lamentable vitorea o feito. Unha destas tradicións que foi parcialmente paliada é a de “El toro de la Vega”, que xa non morrerá alanceado. O Ajuntament de València vén tamén de prohibir os touros embolados, ardendo polas cornas, que inda seguen saíndo noutros lugares así como os acosados ata lanzárense ao mar ou os que son arrastrados por un adival. Outras veces son os homes quen corren diante deles como nos sanfermíns, festa moi coñecida no mundo. O perigo ao que se expoñen os corredores enfebrecidos produce adrenalina e testosterona que van medrando co alcohol. A mestura non é un perigo para os touros, senón para as mulleres, que hogano denunciaron agresións sexuais en maior medida que nos anteriores. Pode ser que vaia en aumento o desmadre masculino, pero tamén que elas se atrevan a facer públicas agresións que ocultaban. Os touros non son culpables.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Publicado en El Correo Gallego (15-07-16)